Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O actor que puxo Santiago no mapa da comedia coa primeira sitcom galega 'Composteláns' entra no Álbum de Galicia

Emitida en TVE, a serie relataba a vida de tres mozos nun piso do Ensanche, entre eles Antón Peruleiro, interpretado polo politólogo Antón Losada

Antonio, 'Toñito', Blanco, nunha imaxe de 'Composteláns', a serie de 1989 sobre a vida de tres mozos no Ensanche de Santiago

Antonio, 'Toñito', Blanco, nunha imaxe de 'Composteláns', a serie de 1989 sobre a vida de tres mozos no Ensanche de Santiago / TVE

Valeria Pereiras

Valeria Pereiras

Santiago

Coñecido pola súa inesgotable creatividade e humor irreverente, Antonio “Toñito” Blanco, foi un dos principais artífices da comedia galega dos anos oitenta e noventa. O Consello da Cultura Galega acaba de incluilo no seu Álbum de Galicia, a colección de biografías dixitais da institución. Intérprete, creador cultural, director e produtor, Antonio, “Toñito”, Blanco (A Coruña, 1964 - A Coruña, 22/11/1994), é “un dos artistas máis breves e influentes da Galicia dos oitenta e noventa”, segundo o describe o guionista Nico Campos. Coñecido polo seu único filme A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos, Blanco traballou tamén no eido televisivo na Televisión de Galicia (TVG) e na Televisión Española (TVE) en Galicia, cun “estilo recoñecible” ata hoxe, malia a súa prematura morte hai xa 30 anos.

Escea de 'A matanza caníbal dos garrulos lixérsicos' con Toñito Blanco

Escena de 'A matanza caníbal dos garrulos lixérsicos' con Toñito Blanco / Bea Llovo

'Composteláns', a primeira sitcom galega

Entre os proxectos máis destacados de Toñito Blanco figura Composteláns, a icónica serie de TVE considerada a primeira sitcom galega que marcou unha xeración e estableceu unha nova maneira de facer ficción na televisión en galego.

Dirixida por Josito Pereiro e emitida a finais dos anos 80, a serie xurdiu como unha evolución natural do traballo de Toñito no programa Canal 13, o que vostede se merece, onde presentaba a sección humorística de Serafín Cordeiro, un reporteiro de estilo desenfadado. En "Composteláns", Toñito asumiu o papel principal, interpretando a un estudante bohemio que compartía piso con Antón (o "eterno estudante" interpretado por Antón Losada) e Serafín, agora convertido en asesor na Xunta.

A serie 'Composteláns' emitiuse na sección para Galicia da TVE en 1989

A serie 'Composteláns' emitiuse na sección para Galicia da TVE en 1989 / TVE

Gravada nun piso real da rúa República Arxentina de Santiago, Composteláns foi unha das primeiras series en captar con autenticidade o espírito universitario e cultural de Compostela, con diálogos frescos e situacións cotiás cheas de humor galego. A mestura de sarcasmo, crítica social e retratos entrañables dos personaxes fixo que a serie se convertese nun referente da ficción televisiva en Galicia.

Un proxecto feito "na casa"

A produción de Composteláns foi un auténtico reto técnico e creativo. Toñito, xunto a outros colaboradores como Suso Iglesias, trasladaron todo o equipo de gravación a un piso alugado, que servía de plató, oficina e ata dormitorio para o equipo. Durante dous meses, traballaron contrarreloxo para gravar os 39 episodios da serie, moitos dos cales se poden ver hoxe en YouTube.

Antón Losada no papel de Antón Peruleiro en 'Composteláns', dirixida por Josito Pereiro

Antón Losada no papel de Antón Peruleiro en 'Composteláns', dirixida por Josito Pereiro / TVE

A serie non só destacou pola súa narrativa, senón tamén polo seu impacto na evolución do audiovisual galego. Grazas a Composteláns, Toñito consolidouse como un dos creadores máis innovadores do seu tempo, demostrando que as limitacións orzamentarias podían superarse cunha boa dose de imaxinación e paixón.

O legado de Toñito Blanco

Antes de Composteláns, Toñito xa deixara pegada na TVG con A Tumba Aberta, onde falaba do mundo do cómic dun xeito único, e no departamento de promocións, onde creou anuncios que marcaron estilo. Posteriormente, implicouse en proxectos como o Xabarín Club, unha das iniciativas televisivas máis queridas en Galicia, onde se lle reservou unha sección especial que, por desgraza, non chegou a realizar debido á súa prematura morte en 1994.

Antonio, 'Toñito', Blanco

Antonio, 'Toñito', Blanco / FB

Malia a súa curta traxectoria, Toñito Blanco deixou pegada no audiovisual galego. Con obras como a película de serie b La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos, levou o nome de Galicia a festivais internacionais, pero foi en proxectos como "Composteláns" onde mostrou o seu amor pola súa terra e a súa capacidade para conectar co público

Tracking Pixel Contents