Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Rozas carga contra o Goberno pola expulsión de migrantes do Monte do Gozo: "Non podes traer 300 refuxiados para meses despois botar o 40%"

Denegóuselle a solicitude de asilo a 20 migrantes e o Foro Galego de Inmigración e o Concello realoxaron a sete destas persoas

Chegada de migrantes ao Monte do Gozo este verán.

Chegada de migrantes ao Monte do Gozo este verán. / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A concelleira de Dereitos e Servizos sociais, María Rozas, cargou na mañá deste martes contra a expulsión dos migrantes refuxiados no Monte do Gozo. «Creo sinceramente que estamos nun momento que debería facernos reflexionar sobre a política estatal no que ten que ver con atender os refuxiados e persoas migrantes, porque non se pode traer a 300 refuxiados e encher titulares de pobo solidario para, aos poucos meses, botar o 40%».

Referíase así a edil á situación desatada o pasado venres a raíz da denegación da solicitude de asilo a 20 migrantes, que levou ao Foro Galego de Inmigración e ao Concello de Santiago a buscar unha solución habitacional de urxencia a estas persoas que ía quedar na rúa. Preguntada pola prensa, Rozas afirmaba que «a Delegación do Goberno trasladou o seu compromiso de non deixar fóra, sen ningún tipo de recurso habitacional, a ningunha das persoas que agora mesmo se atopa no Monte do Gozo ou en Roxos». 

Así e todo, a voceira de Compostela Aberta tampouco deixou escapar que este compromiso «tiña que ter chegado hai semanas», pois foi no BOE de 1 de novembro cando saíu publicada a denegación de asilo a estes 20 migrantes. Situación que derivou o pasado día 15 en que «lamentablemente hubo expulsados»

Entre o Foro Galego de Inmigración e Servizos sociais do Concello derivaron a tres destas persoas ao albergue de San Francisco e a outros catro ao Monte do Gozo, «espero que todos poidan volver ao Monte do Gozo e non haxa expulsións no futuro», aseguraba Rozas. A edil denunciaba que «se lles comprou un billete de autobús con destino a outro lugar» sen ter en conta que se trata «de persoas que quedan totalmente desprotexidas, sen rede familiar nin de apoio no noso país e que aínda non adquiriron as competencias lingüísticas nin unha inserción sociolaboral».

Administracións «á altura»

O delegado do Goberno, Pedro Blanco, recoñecía o luns que houbera denegacións mais insistía en que «a todas as persoas se lles ofrecen alternativas». Unha afirmación sobre a que Rozas manifestaba: «Alédome de que finalmente se busque un recurso habitacional e que non se sexan expulsados» e matizaba que esperaba «que ese compromiso sexa firme porque a situación é moi grave». Polo que a edil quixo poñer o foco en que os migrantes poden recorrer as denegacións pero «mentres non recorran e sexa aceptado o recurso, quedan sen ningún tipo de prestación nin atención». 

Unha situación que en palabras de Rozas «require que as administracións públicas esteamos á altura, que o goberno do Estado non deixe á súa sorte a estas persoas que no seu momento acolleu dentro do programa de axuda humanitaria» e matizou que é traballo de todas as administracións «que non acaben formando parte do colectivo de persoas sen fogar». 

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents