Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Presentación da programación

Chega o Nadal a Compostela: luces, música e xogos para unhas festas nas que "vivir Santiago a tope"

O Goberno local inviste máis dun millón na que quere que sexa "a terceira festa da cidade" en importancia

A praza do Obradoiro contará con árbore de Nadal e Belén

A praza do Obradoiro contará con árbore de Nadal e Belén / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Compostela dará inicio á celebración do Nadal este venres co acendido do alumeado na cidade e cun evento principal no Obradoiro. Igual que o ano pasado estiveron implicados no programa das festas a maior parte dos departamentos municipais, pero a diferenza de entón -cando a partida orzamentaria se dotou con remanentes de varias áreas-, este ano cóntase con algo máis dun millón de euros para custear as actividades.

A presentación da programación fixérona a alcaldesa Goretti Sanmartín, a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, e a responsable de Promoción Económica, María Rozas, porque o Goberno local "ten vontade de que o Nadal sexa unha festa de referencia en Santiago e dinamizadora do comercio local". Así o explicou a voceira de Compostela Aberta, que puntualizou a "vulnerabilidade" do pequeno negocio fronte ás grandes áreas comerciais e as compras por internet, nestas datas. Coa dinamización como meta vaise manter a Ruleta dos agasallos, na que poderá participar calquera veciño achegando un ticket que demostre ter feito compra nun negocio local. 

Na mesma liña recúncase coa programación do Mercado de Nadal na Carreira do Conde, aberto dende o 29 de novembro ao 5 de xaneiro, e compleméntase co mercado en Área Central, entre o 20 de decembro -comezo das vacacións escolares- e a véspera do Día de Reis.

O alumeado, inicio das festas

O venres 29 de novembro activarase na cidade o alumeado de Nadal, coa praza do Obradoiro e o principal xardín da Estrela de Compostela como protagonistas. Ás 18.30 horas dende a Porta do Camiño e a Carreira do Conde darán inicio dúas marchas, á que lle poñerán música Brincadeira e Cantigas e Agarimos, ata o Obradoiro, para iluminar a fachada do Concello ás 19 horas. "Un momento para presumir de cidade", indicou a alcaldesa, e que se vai completar cunha chocolatada para cativos e maiores.

A luz do Nadal alumeará 129 rúas e prazas e as 23 parroquias do rural, con iluminación "artística", dixo a concelleira de Festas, no Obradoiro, Praterías e na zona C (praza de Cervantes), cortinas de luz en edificios coma o Pazo de Vaamonde (sede do Consorcio de Santiago) e instalacións lumínicas "singulares" en lugares emblemáticos coma a praza da Quintana.

Alén da iluminación, Alameda e praza Roxa contarán, coma en 2023, con carpas para actuacións musicais -nas que participaran as bandas que ensaian no Centro Xove da Almáciga- e teatrais para a mocidade e obradoiros para a cativada.

Familias compostelás pasean no Nadal pola praza do Obradoiro

Familias compostelás pasean no Nadal pola praza do Obradoiro / ECG

San Silvestre, Fin de Ano e Cabalgata

O Concello celebrará outra volta a carreira de San Silvestre, o último día do ano, cando tamén o Obradoiro será o epicentro da despedida de 2024 con, entre outras cousas, reparto de cotillón e uvas da sorte.

Aínda que o detalle da programación se irá debullando nos próximos días, segundo explicaron Sanmartín, Lueiro e Rozas, a preguntas da prensa desvelaron que haberá iluminación especial e zona sen ruídos para que a cativada neurodiverxente poida gozar da chegada dos Magos de Oriente.

Programa Nadal Compostela 2024

No seguinte documento podes consultar todo o programa do Nadal deste 2024 en Compostela.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents