Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Pleno local aproba o "rexeitamento frontal" ao cambio da senda da Xunta polo bosque do Banquete

A iniciativa do PSOE sae adiante cos votos a favor de BNG e CA e a negativa dos populares

El bosque del Banquete de Conxo en Santiago, en el que se ha paralizado la construcción de la senda

El bosque del Banquete de Conxo en Santiago, en el que se ha paralizado la construcción de la senda / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

A concelleira socialista Mercedes Rosón foi a encargada de mover o Pleno municipal ao "rexeitamento frontal" da Corporación local ás mudas anunciadas pola Xunta de Galicia sobre a senda ciclista entre O Milladoiro e Santiago ao seu paso polo bosque do Banquete de Conxo. Unhas modificacións adoptadas logo da apertura de dilixencias xudiciais en Compostela e dende a Unión Europea en resposta ás denuncias de Ecoloxistas en Acción.

"Cando as cousas se fan ben non hai porqué cambialas", afirmou Rosón para denunciar que nesta cuestión "a Xunta errou asfaltando as beiras do Sar e cortando árbores históricas". Erro que se demostra coa decisión de mudar o trazado da senda polo bosque de Conxo. "Celebramos que se abran a mudar o trazado pero segue a haber eivas importantes".

Sobre estes defectos Mercedes Rosón fixo referencia a petición do PSOE en febreiro de 2023 de realizar prospeccións arqueolóxicas ou protexer o túnel de Renfe como patrimonio cultural da cidade. "Isto segue sen facerse, séguese a empregar formigón poroso" e segundo a edil "non hai cambio ningún" en relación ao dictame de Patrimonio da Xunta.

A concelleira socialista, máis alá de reclamar o "rexeitamento frontal da Corporación", indicou que ademais a senda entra en contradicción co proxecto Eco-bosque río Sar, posto en marcha no mandato socialista e que tamén conta con fondos europeos para a reforestación da ribeira do río.

Pola súa parte o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, recordou que dende o Goberno local se defendeu que a conexión O Milladoiro-Santiago "se tiña que facer doutro xeito" e que se ofreceron alternativas para non atravesar o bosque que a Xunta rexeitou.

Lestegás non deixou escapar na súa quenda de palabra unha crítica velada ao contido da Lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta en materia de vivenda -o concelleiro asegura que se pasa por riba dos planeamentos urbanísticos dos concellos-. "Fanse as cousas sen coñecemento do territorio e pasando por riba das administracións locais", afirmou respecto ao trazado da senda ciclista.

O líder do PP defende o "proxecto transformador"

Para o voceiro do PP en Raxoi, e deputado no Parlamento galego, Borja Verea, prima o "carácter transformador na mobilidade" do proxecto que leva a cabo a Xunta de Galicia. "Dicían que isto era unha ocorrencia miña, como tamén o parking do Hospital Clínico que logo asinaron".

Para Verea, coa senda O Milladoiro-Santiago confirmarase "o modus operandi" do Goberno local: "primeiro din que minto, logo poñen obstáculos ao proxecto e, finalmente, mudan o seu relato para sumarse ao proxecto". Segundo o concelleiro do PP, se finalmente o proxecto é un éxito defenderao o Executivo de Sanmartín e "se por calquera cousa fracasa" a responsabilidade depositarana na súa figura.

O líder do PP local non só defende a senda ciclista senón tamén a fe do seu grupo neste proxecto que contou dende o inicio coa oposición veciñal. "Reunímonos cos veciños, que estaban en contra da senda, e defendemos o proxecto porque cremos nel, aínda sabendo que non íamos sacar un voto".

Tracking Pixel Contents