Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A historia do campo de concentración de Lavacolla: recuperar a memoria que silenciou o medo

A igrexa de San Paio de Sabugueira foi o punto de partida do roteiro de memoria histórica organizado pola AC O Galo

Aos presos políticos levábanos a oír misa a San Paio de Sabugueira.

Aos presos políticos levábanos a oír misa a San Paio de Sabugueira. / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

«O lugar exacto onde estaban os corpos non nolo dixo ninguén, porque seguía o medo, pero unha mañá atopamos un eucalipto cunha marca ben visible, cavamos alí e alí estaban». No ano 2005 a Corporación local de Boimorto decidiu buscar no lugar do Amenal os corpos de seis dos seus veciños ‘paseados’ logo do golpe de Estado de Franco en 1936. A historia da busca recuperábaa este sábado na igrexa de San Paio de Sabugueira o deputado do BNG, exalcalde de Boimorto e músico, Xosé Luís Rivas Cruz –Mini.

A súa disertación encadrouse nun roteiro realizado dende a igrexa de Sabugueira, pasando polo Amenal, o Campo dos Mozos e o pazo de Xan Xordo que tiña como obxectivo recuperar a memoria histórica do lugar, campo de traballos forzados para presos políticos do réxime franquista. Unha iniciativa integrada no ciclo Coñecemento e visibilización da guerra civil en Santiago, organizado pola Agrupación Cultural (AC) O Galo.

Posterior a este roteiro o centro sociocultural do Ensanche acolleu, coa mesma temática, unha mesa redonda na que veciños de Lavacolla puideron dar os seus testemuños. Pero xa antes, na mesma igrexa de San Paio, un veciño completou o relato de Mini: «O meu pai naceu ao lado do Amenal en 1927, por tanto, era un neno de nove ou dez anos e contábame que viñan camións cargados de xente, fusilábanos cada día e recontábanos», explicaba para puntualizar que na fosa común «non debe haber seis ou oito corpos, ten que haber moitos máis». 

«Seica houbo un día», continuaba, «no que logo de fusilaren e contaren faltaba un preso, imaxinade o odio que debía de haber naquel momento, que pensaron que escapara en dirección a Santiago, que daquela era todo monte, e queimaron o monte para queimar o preso». As forzas franquistas non conseguiron o seu obxectivo, mais foi algo que non se soubo até anos despois: o preso escapara na dirección contraria e viviu anos agochado. Unha práctica tamén moi estendida no tempo da guerra civil e a posguerra. «Nunca tantas mulleres foron á herba a horas nas que non tocaba ir á herba», explicaba Mini Rivas en relación coas idas e vidas naqueles anos para levarlles comida aos maridos, irmáns ou veciños fuxidos no monte

Outra historia de escapados relatouna tamén o parlamentario galego. «Os presos ían encadeados de tres en tres, baixáronos do camión, soltáronos e obrigáronos a fuxir», momento no que comezaron a disparar. «Déronlles tamén o tiro de graza, mais deron por morto un que estaba moi ensanguentado, pero era sangue dos seus compañeiros». Explicou Mini que o preso salvou así a vida e viviu agochado na súa propia casa. 

O deputado insistiu no seu relatorio en lembrar «o medo» que tan presente estaba aínda durante a busca da fosa común na que xacían os corpos dos veciños de Boimorto. «O que nos contaban sempre nolo dicían polo baixo», explicou, pero aínda así a verdade continuou abrollando e grazas a iso, os participantes no roteiro por Lavacolla puideron descubrir unha parte da historia máis oculta da cidade. «Historias coma a do Lapis do carpinteiro houbo moitas», rematou Mini, facendo referencia á obra de Manuel Rivas que se desenvolve no cárcere coñecido como A Falcona, nos baixos do Pazo de Raxoi, onde estiveron presos, entre outros, o intelectual Camilo Díaz Baliño ou o exalcalde republicano de Santiago, Ánxel Casal.

A igrexa de San Paio

‘Mini’ relatou o achado dunha fosa común no Amenal.

‘Mini’ relatou o achado dunha fosa común no Amenal. / Jesús Prieto

O roteiro organizado pola AC O Galo escolleu partir da igrexa parroquial de Sabugueira por ser o templo ao que os presos políticos eran levados para escoitar misa. Nun espazo non moi diferente do actual mais en 1936 engalanado tamén coas bandeiras da Alemaña nazi e da Italia fascista, como se apreza nunha fotografía repartida aos participantes e datada naquel tempo. «Esta foto de 1936, repetíase como mínimo dúas veces no ano, porque aquí primaba a explotación humana», explicaba María Antonia Pérez da AC O Galo, «mais demostra a connivencia entre a igrexa e o réxime franquista».

Unha connivencia apoiada no caso compostelán polo arcebispo naquela altura, Tomás Muñiz de Pablos, que ordenaba aos cregos que denunciaran aquelas persoas non adeptas ao réxime.  

Tracking Pixel Contents