Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Máis horario, máis actividades e máis persoal: Raxoi licita o contrato para xestionar o Centro Xove da Almáciga

Os pregos para unha concesión de tres anos obrigan á mellora das condicións laborais do persoal

Centro Xove, na Almáciga

Centro Xove, na Almáciga / Concello de Santiago

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A xunta de goberno local aprobou este luns o inicio da licitación do servizo de xestión e programación do Centro Xove de Creación Cultural de Almáciga. Un contrato que terá un orzamento de 767.586 euros para tres anos, o que dá en 255.00 euros anuais, fronte aos 142.000 de que se dispón na actualidade. "Un dos obxectivos que nos marcamos no departamento de Xuventude", explicou a edil María Rozas en rolda de prensa, "é reforzar este servizo, un espazo que cremos que xa está consolidado entre a mocidade de Santiago, que ten oito anos de funcionamento".

O proxecto do Goberno local, segundo contou concelleira, parte do convencemento na potencialidade deste espazo que hoxe en día acolle a máis de 30 bandas musicais compostelás. "Nesta liña iniciamos a nova licitación, na que incorporamos moitas novidades e na que recollemos as demandas que nos facían as propias usuarias e usuarios". A primeira destas novidades é a dotación económica de case 770.000 euros que se verá traducida "en melloras, como pode ser, a ampliación dos horarios de xoves a sábado, onde o centro fechará máis tarde, ás 12 da noite, serán dúas horas máis para poder utilizar o centro xove e ensaiar nos nosos locais". 

María Rozas destacou tamén o incremento da capacidade para poder atender a máis bandas de xente nova. No novo contrato establecese tamén que a empresa prestará 154 horas semanais (na actualidade presta 96), o que dará no aumento de tempo para a realización de traballos técnicos, actividades e reparacións e coordinación de proxectos."Con isto vese ampliada notablemente a programación que ten o centro a 900 horas anuais". 

Segundo explicou Rozas, co novo contrato mellorarase a xestión das actuacións que se fan fóra do centro: concertos e traslados aos mesmos, "que se asumía por fóra do contrato, dentro do departamento de Xuventude".

Melloras laborais

O novo contrato do Centro Xove da Almáciga incorpora, segundo indicou a concelleira, melloras nas condicións laborais do persoal traballador. "Incorporamos a obriga da empresa adxudicataria a implementar un plan de formación e tamén ampliar a xornada completa a aquelas persoas que tiñan xornada a tempo parcial elevando así as condicións laborais do servizo".

María Rozas insistiu en que a nova licitación permitirá o reforzo do centro ofrecendo mais horario, máis actividades, máis persoal e máis recursos, "e tamén podereremos ter máis presenza na cidade e concertos e actividades desenvolvidas a través deste equipamento que queremos que sexa referente".

Tracking Pixel Contents