Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PP reclama melloras na limpeza da zona de Combarro, no barrio do Castiñeiriño

A concelleira Olaya Otero pídelle ao BNG que escoite as demandas da veciñanza e traballe para «dar resposta as súas necesidades e problemas»

Os veciños do Castiñeiriño denuncian que as obras do AVE están a provocar inundacións nas súas propiedades

Os veciños do Castiñeiriño denuncian que as obras do AVE están a provocar inundacións nas súas propiedades / Cedida

ECG

Santiago

Ante as demandas da veciñanza de melloras na limpeza da zona de Combarro, no barrio do Castiñeiriño de Santiago, a concelleira do Partido Popular, Olaya Otero, vén de reclamarlle ao BNG que tome medidas neste sentido, e acusa as nacionalistas de indiferenza e falta de comunicación cos afectados.

A edil subliña que «en varias ocasións, solicitaron a limpeza de rúas e prazas, onde se acumulan follas e ramas de árbores que, por segundo ano, están sen rozar, polo que a vexetación que cae podrece, xerando residuos e a presenza de insectos, ademais de inseguridade para os peóns, ao volver o chan moi esvaradío». 

«Como ocorre en innumerables barrios e parroquias de Compostela, -segundo apunta- a veciñanza pide a limpeza das gabias e a retirada dos restos que se producen cando se levan a cabo, xa que ao non realizarse, os restos impiden a evacuación da auga, polo que se anegan as estradas e, neste caso concreto, nalgunhas das casas do Casal, incluso, entra nas vivendas».

Incide en que «a veciñanza tamén solicita que se coloquen máis contedores, xa que son claramente insuficientes en todas as súas versións: reciclaxe de papel, vidro, restos, etc...».

Por outra banda, Olaya Otero solicita que fagan intervencións para corrixir o lamentable estado no que se atopa o trazado da rúa do Casal do Castiñeiriño, no que indica que despois de anos sen que se leve a cabo ningún tipo de mantemento, é practicamente imposible transitar. 

«A veciñanza di sentirse completamente abandonada e fai fincapé en que, dende o BNG, ninguén escoita as súas demandas, a pesar de que, simplemente, reclaman o acceso, en adecuadas condicións a servizos básicos», asegura a concelleira do PP, e engade que os residentes da zona «consideran moi inxusto que pese a cumprir coas súas obrigas, en canto ao pago de impostos, non poidan ter acceso a estes servizos nas mesmas condicións» que noutras zonas de Santiago.

Tracking Pixel Contents