Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Raxoi inclúe tres partidas orzamentarias para crear a empresa municipal de vivenda

O Goberno local asegura que a entidade «non vai ser exclusivamente para rehabilitación, pero si preferentemente para ela»

A empresa municipal de vivenda na que traballa o Bipartito terá como tarefa preferente a rehabilitación.

A empresa municipal de vivenda na que traballa o Bipartito terá como tarefa preferente a rehabilitación. / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Pese á falta de novidades dende que a finais de abril o Goberno local constituíse a comisión especial para a creación da nova empresa municipal de vivenda, dende o Pazo de Raxoi afirman que seguen a dar pasos para conseguir a súa posta en marcha durante 2025. Fontes do departamento de Urbanismo explicáronlle a EL CORREO GALLEGO que o borrador dos orzamentos para o vindeiro ano contén tres partidas destinadas a este finalidade. 

«Temos unha partida para a inscrición da sociedade mercantil, prevemos outra para a redacción de proxectos de rehabilitación de edificios públicos con uso residencial e unha terceira para a adquisición e rehabilitación de edificios», afirma o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás en conversa con este diario. E é precisamente esta tarefa, a de rehabilitar inmobles, a que o Goberno bipartito quere que sexa a actividade prioritaria da nova empresa municipal de vivenda. «Non vai ser exclusivamente para rehabilitación pero si preferentemente, queremos adquirir vivenda, rehabilitala e alugala».

Xustificando a opción preferente do Goberno local, dende o departamento de Urbanismo de Santiago refírense á importancia do Pacto Verde e a como a Unión Europea (UE) ten por obxectivo para 2050 o consumo cero de solo, e recalcan que a creación de vivenda pública na actualidade dista moito da situación que se vivía nos anos 2000. Mais a rehabilitación de edificios non será a única tarefa da nova empresa, xa que tamén é necesario que sexa unha entidade economicamente viable

«Estamos a valorar outras actividades ás que tamén dedicar a empresa municipal de vivenda», afirman dende Raxoi para que recalcar que o proxecto do Bipartito en canto a urbanismo «é a medio-longo prazo, non podemos ser curtopracistas porque se trata dun cambio de paradigma, mudar o modelo urbanístico, crear unha estratexia residencial, un procedemento que demora algo máis na procura de ter unha ferramenta útil, que vai funcionar e ser viable». 

No camiño da creación da empresa municipal de vivenda e coa rehabilitación como obxectivo primordial, o edil Iago Lestegás está a ter contactos con entidades equivalentes noutros lugares do Estado, entre elas, Vipasa (empresa de vivenda pública do Principado de Asturias), a madrileña EMVS (Empresa Municipal de Vivienda y Suelo), o consello de rexeneración urbana de Bilbao ou a Asociación de Gestores Públicos de Vivienda y Suelo de España, coa que se verá esta semana de xeito telemático o concelleiro.  

«Propaganda nacionalista sen contido», di o PP

Dende o Partido Popular compostelán denuncian «o que é un clamor: en 18 meses de Goberno do BNG non hai unha soa medida en materia de vivenda, o único que fixeron foi anunciar unha futura empresa de vivenda pública pero sen aclarar prazos, contido, orzamento e persoal». Para a bancada popular de Raxoi trátase, unha vez máis, de «propaganda nacionalista sen contido». 

O PP reivindica as súas iniciativas, como «o primeiro proxecto de vivendas colaborativas 100% públicas en Xoán XXIII», e poñen o foco na cifra de inmobles baleiros da capital de Galicia. «Fixemos moitas propostas para sacar ao mercado os 6.000 pisos baleiros que hai Santiago». Unha crítica que Raxoi lle devolve matizando que «son 6.198 os inmobles baleiros pero no censo de vivenda baleira que a Xunta creou en 2016 consta tan só unha trintena», e aféalle ao Partido Popular que non estea a utilizar esta ferramenta, «se tan preocupado está o PP pola vivenda en Compostela». O Executivo local aproveita para lembrar que foi un Goberno do PP o que liquidou a antiga Emuvissa (Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Santiago).

«Renuncia á vivenda de promoción pública» local

O grupo municipal socialista compostelán critica do Goberno local, sobre todo, que queira dedicar a nova empresa municipal de vivenda á rehabilitación, e insiste en que desta maneira o seu traballo se solapará co do Consorcio de Santiago e coa Oficina de Rehabilitación. Algo que rebaten dende Raxoi, e que matizou a propia xerente do Consorcio, Belén Hernández, destacando que non é obxecto desta entidade «promover vivenda pública». O Goberno local insiste en que non pode o Consorcio «facer o que se quere que faga a empresa pública de vivenda».

A concelleira Mercedes Rosón defende que «evidentemente a rehabilitación do xa construído é importante, así o cremos, e o Goberno socialista recuperou o rexistro de soares» para intervir nas vivendas abandonadas en estado ruinoso do municipio. Pero explican que a sensación, en canto ao traballo do Goberno bipartito, é de «aparente renuncia» á promoción municipal de vivenda pública.

«Temos constancia», afirma Rosón, «de que nas reunións coa Consellería de Vivenda, o edil de Urbanismo defende teses orientadas á cesión de solos municipais, en lugar de impulsar a promoción pública dende o propio Concello». Unha cuestión que para a concelleira socialista e o seu grupo municipal «leva a sospeitar que a falta de avances», na creación da empresa municipal de vivenda, «evidente no seguemento que realizamos de xeito diario na revisión de decretos e resolucións dos órganos de goberno» puntualiza, «se debe a unha falta de interese por parte do BNG na promoción municipal de vivenda pública». 

O PSOE, igual que o PP, considera que o Goberno local «nada fixo» en 18 meses en materia de vivenda e refírese, máis alá da empresa municipal de vivenda, á declaración de zona tensionada, para a que o Bipartito ten encargado un estudo na Universidade da Coruña

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents