Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«Internalización, única solución»: a petición das traballadoras dos centros socioculturais de Compostela

A delegada da CIG intervén no Pleno municipal para narrar a precariedade dos CSC e Xan Duro afirma que se traballa para «mellorar a condición do servizo»

Traballadores dos centros socioculturais manifestáronse ás portas do Pazo de Raxoi.

Traballadores dos centros socioculturais manifestáronse ás portas do Pazo de Raxoi. / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Das catro intervencións veciñais producidas no último Pleno municipal do ano, celebrado este xoves en Raxoi, a primeira foi a reivindicación pola mellora das condicións laborais dos traballadores dos CSC (centros socioculturais) da capital galega, á que lle puxo voz a delegada sindical da CIG Carmen Iglesias. «Este é un servizo moi pouco coidado polo Concello», asegurou, para explicar que neste ano o cadro de persoal está composto pos 64 traballadoras, 44 delas a media xornada «ou menos», e 23 contratadas por menos de 10 horas. «Esiximos a todos os grupos da Corporación local», afirmou Iglesias, «que apoien a internalización do servizo, porque a internalización é a única solución», asegurou.

Durante o debate das dúas mocións presentadas, cada unha delas, por PP e PSOE e discutidas en conxunto, o grupo municipal socialista fixo súas as reivindicacións das traballadoras dos CSC, que definiu por boca da concelleira Mercedes Rosón como «un grito de axuda». A edil asegurou que a súa formación non ía facer causa belli pero urxiu ao Goberno local a dar unha solución «xa» a precariedade laboral do persoal dos centros. Traballadoras que por un lado padeceron atrasos no pagamento das nómimas, non van percibir paga extraordinaria de Nadal e ven ademais como Serviplus concesionaria da animación dos CSC pide a extinción do contrato.

A este respecto o concelleiro de CSC, Xan Duro, afirmou que «os pregos do contrato do PSOE» durante o anterior mandato «non garantían as condicións dos traballadores» e afirmou que o departamento que dirixe está a traballar en tres vías paralelas para garantir as condicións do servizo. Xan Duro asegurou que se estuda a reestruturación de todo o departamento, que se traballa nos novos pregos de prestación do servizo, «con dotación económica suficiente, un 30% máis, para evitar problemas», e nun plan de mellora dos equipamentos.

«Temos claro onde están os problemas e estamos a traballar na súa solución», asegurou Duro, aínda que dende a CIG se reclamaba que «durante un ano, empresa e Xan Duro xogaron con nós á pelota» por conflitos internos.

A crítica ao Goberno local e ao traballo do edil Xan Duro centrou a intervención do PP. O concelleiro José Ramón de la Fuente fixo referencia á «incapacidade e desidia» do Executivo de Sanmartín criticando que éste non ten «interese na execución dos actuais contratos». De la Fuente asegurou que a situación actual ten unha «causa remota pero directa no mandato de Compostela Aberta en 2015, a etapa negra dos centros socioculturais».

O concelleiro interrogou o goberno sobre por que aínda non sacaba a licitación logo de 18 meses e puxo o foco en que se trata do contrato «de maior contía, máis persoal e que afecta a máis veciños» dos que licita o Concello de Santiago

Impulsar o complexo deportivo de Santa Marta

O PSOE levou a Pleno a necesidade de darlle impulso ao proxecto do novo complexo deportivo en Santa Marta. A edil de Deportes, Pilar Lueiro, afirmou que se está a «revisar e actualizar a parte económica do proxecto» e puxo o foco en que o máis importante é o que atinxe ao persoal. A Corporación aprobou a moción coa abstención do PP, que fixo referencia ao seu proxecto electoral e asegurou non apoiar a a moción por seren «máis ambiciosos».

Reurbanización da rúa García Lorca en proceso

A edil Rosario Ferreiro (PP) formulou ao edil de Obras, Xesús Domínguez, unha pregunta plenaria sobre a situación da licitación da reurbanización da rúa García Lorca, «que leva 17 meses de retraso». Segundo o titular de Obras, a nova licitación aprobouse en xunta de goberno local o 9 de decembro. Ferreiro pediu «axilizar» a obra para evitar o pago de indemnizacións.

O Pleno acorda saldar a débeda con Viaqua

O edil de Facenda, Manuel César, someteu ao apoio do Pleno un recoñecemento extraxudicial de crédito de máis de 2,9 millóns, dos que «o 98% pertence a débedas contraídas con Viaqua». Trátase de pagamentos adiados «dende 2016» pola non actualización das tarifas polo servizo do ciclo integral da auga e tamén pola novas instalacións da EDAR da Silvouta e das EDAR de Aríns, Nemenzo, A Sionlla, Lavacolla e Enfesta.

Tracking Pixel Contents