Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Raxoi pon en valor as obras do Pombal: "Atendéronse todas as demandas da veciñanza"

O concelleiro fai balance e recalca que as actuacións de reurbanización "avanzan a bo ritmo" e estarán rematadas a finais de febreiro como estaba previsto

Imaxe do inicio das obras de reurbanización na rúa do Pombal.

Imaxe do inicio das obras de reurbanización na rúa do Pombal. / Alina Rodríguez

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

As obras de reurbanización na rúa do Pombal, cunha duración prevista de oito meses, xeraron nos seus inicios aló polo mes de xuño algunha protesta veciñal. Unha cuestión solventada segundo as afirmacións do edil de Obras, Xesús Domínguez, que afirmou este venres en rolda de prensa que nestes seis meses "se atenderon todas as demandas da veciñanza". 

O concelleiro compareceu en Raxoi para dar conta do estado no que se atopan os expedientes de obras licitados polo Goberno local e, nomeadamente, das actuacións na rúa do Pombal. "A reurbanización do Pombal, cun orzamento que supera os 700.000 euros, avanza a moi bo ritmo", asegurou Domínguez e matizou que "se non hai imprevistos", en referencia ás condicións meteorolóxicas, a obra estará entregada a finais do vindeiro mes de febreiro. 

A día de hoxe, inicio das vacacións dos obreiros polo Nadal, "acabouse de formigonar o segundo terzo da calzada e as actuacións nas beirrarúas estan xa no último tramo", en referencia á instalación das novas acometidas e ao empedrado do espazo peonil. 

En contratación as obras nas rúas García Lorca e Puente La Reina

No Pleno municipal do pasado xoves o Partido Popular, da man da edil Rosario Ferreiro, reclamáballe ao Goberno local que "esqueceron licitar a dirección facultativa", o que ocasionou "17 meses de retraso" na licitación da obra de reurbanización da rúa García Lorca. O concelleiro Domínguez explicou entón que "a empresa alegou inviable o orzamento pola suba de prezos" dos materiais e, por iso, se rescindiu o contrato mais "a licitación está en proceso".

Este venres o titular de Obras lembrou que o orzamento de licitación se sitúa en case 1,2 millóns de euros, para resolver cuestións de accesibilidade e servizos urbanos, como a renovación do firme do pavimento e das redes de saneamento e abastecemento. Domínguez estima que a obra, contando cun prazo de licitación de entre catro e cinco meses, poderá estar rematada a finais de 2026 (o prazo de execución estableceuse en 16 meses).

Outra reurbanización cuxa contratación está en marcha é a da rúa Puente La Reina, cun orzamento base de case medio millón de euros que pretende, segundo Domínguez, "recuperar a rúa para a veciñanza". O edil de Obras conta con que estas actuacións estean rematadas a finais do ano que vén ou comezos de 2026.

Outras actuacións que o Goberno bipartito puxoren marcha nos últimos meses refírense, por exemplo, a situación dun paso de peóns na rúa dos Loureiros, cun orzamento de 85.000 euros, entre a ruela da Estila e a rúa Campiño do Carme, zona de tránsito a pé de escolares.

Ademais, en aras da "resiliencia fronte ao cambio climático", vénse de adxudicar a "renaturalización da lagoa do Auditorio de Galicia e mais o río Corgo". Actuacións orzamentadas nuns 700.000 euros con achega de fondos europeos NextGeneration.

Na mesma liña o concelleiro de Obras fixo referencia a "avances" no proxecto de barrio verde da Pontepedriña que, previsiblemente, "irá á xunta de goberno local da próxima semana".

Campaña de asfaltados

Xesús Domínguez fixo tamén un balance positivo da campaña de asfaltados, cun custo que supera os 350.000 euros (algunhas das actuacións con cargo a remanentes orzamentarios). 

Ademais, comunicou que o pasado día 2 se aprobaron actuacións de pavimentación, por arredor de 400.000 euros, que se efectuaran durante o primeiro e o segundo trimestres de 2025, en viais do Castiñeiriño, Canteiras de Sar, Porto de Amio ou rúa Irmandiños, entre outros.

Tracking Pixel Contents