A USC recoñece a 120 traballadores con máis de trinta anos de adicación
No acto de entrega das insignias Fonseca a persoal de administración de servizos e a docentes, o reitor Antonio López asegurou que son parte do «prestixio da institución»

Membros do equipo de goberno da USC, en primeira fila, coas persoas homenaxeadas / Antonio Hernández

A Universidade de Santiago impuxo onte súa Insignia Fonseca a un total de 120 integrantes do seu cadro de persoal que levan máis de trinta anos de traballo. Nesta ocasión foron 73 persoas do colectivo de Persoal de Administración e Servizos e 47 docentes. A entrega tivo lugar nun concorrido acto institucional no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.
O acto presidiuno o reitor Antonio López, a quen acompañaron varios membros do equipo reitoral, quen quixo recoñecer a dedicación «e o bo servizo» á Universidade de Santiago de todas as persoas homenaxeadas. «A USC atesoura moita experiencia, acreditada por todas e todos os que estades aquí e da que o prestixio da institución pode dar boa conta», manifestou. Lembrou ademais que os 30 anos recoñecidos foron «probablemente» o período de «maior transformación da Universidade en toda a súa historia», e fixo referencia aos primeiros anos dende a segregación universitaria, os avances en igualdade ou as novas tecnoloxías, «ademais de asentarse o noso compromiso con Galicia».
En representación do PAS interveu a directora da Biblioteca Universitaria, María Isabel Casal Reyes, quen animou a «manter intacto o noso compromiso coa Universidade, con rigor e humildade e seguir exercendo a nosa tarefa profesional con honestidade e con sentido de lealdade institucional». Casal Reyes destacou que «todos nós construímos día a día a USC» para lanzar unha mensaxe: «non nos resignemos, non perdamos ese sentido de pertenza e convertámonos en referencia para as xeracións que veñen».

Un instante do acto de entrega das insignias Fonseca da USC, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. / Antonio Hernández
Pola súa parte, o profesor Luis Quintela interveu en representación do profesorado facendo un relato de como cambiou a docencia nas últimas tres décadas. Pasouse da «obrigada» adaptación a Bolonia e «todas as dificultades que trouxo polos escasos recursos dos que dispoñiamos» ás novas formas de traballo e a interacción co estudantado, que chega cunhas «enormes habilidades tecnolóxicas e unha mentalidade global á que temos que acostumarnos», mencionou. Quintela concluíu a súa intervención destacando que «antes, a primeira fonte de información era o profesor; hoxe, a información está dispoñible a un clic».
Suscríbete para seguir leyendo
- Financial Times' sitúa a una empresa con sede en Santiago como referente en Europa
- Santiago elige estos dos días como sus festivos locales en 2026
- Subastan dos locales en Área Central de un fondo luxemburgués con bienes en Santiago
- Caótica mañana en la AG-56: un coche es pasto de las llamas y otros seis chocan entre sí
- Nueva apertura en la ‘milla de oro’ de Santiago: abre una juguetería en Montero Ríos
- La historia del peor asesino de Santiago: cuatro muertos en Marrozos
- Raxoi explicará a los vecinos las nuevas restricciones en la zona vieja que ‘vetan’ negocios turísticos
- Conciertos de noviembre en Santiago
