Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Traslación dos restos do apóstolo Santiago

Chamamento á procura do "ben común" nos discursos da festividade da Traslatio

O delegado rexio destacou a necesidade de garantir un finaciamento que priorice «as persoas sobre os territorios» e o arcebispo de Santiago tildou na súa homilía de «inaceptable» a utilización política de migrantes e refuxiados

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A solemnidade da Traslatio dos restos do apóstolo Santiago congregou un ano máis no Obradoiro os representantes públicos e das Forzas de Seguridade do Estado, nun acto no que a edil María Rozas, en calidade de alcaldesa en funcións, foi a encargada de recibir na praza o delegado rexio, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, que pasou revista ás tropas acompañado polo almirante en xefe do Arsenal militar de Ferrol, Gonzalo Millar.

No seu discurso, xa na Catedral e posteriormente á celebración da misa, o delegado rexio apelou a que os servizos públicos deben primar «o ben común, para seguir construíndo unha sociedade de persoas libres e iguais». E tamén do ben común falou na súa homilía o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto: «Pido por aqueles que exercen responsabilidades públicas para que adiquen os seus mellores esforzos ás esixencias do ben común e ao empeño por construír unha sociedade en paz, sen extremismos nin exclusións, por riba das lexítimas diferencias políticas».

Santalices destacou tamén na súa intervención a necesidade de garantir a prestación destes servizos e referiuse ao financiamento singular para Cataluña ao pedir «un sistema de financiamento equilibrado e non discriminatorio, no que se prioricen as persoas por riba dos territorios».

As vítimas das guerras, en especial dos conflitos de Ucraína e Oriente Medio, centraron as palabras do delegado rexio e mais do arcebispo de Santiago, que remarcou «a necesidade de alzar a voz polas vítimas da guerra, da trata, da violencia». O arcebispo primou na súa intervención a situación de crise migratoria que se vive nas illas Canarias e en Ceuta: «É inaceptable utilizar a migrantes e refuxiados como arma política, cando xa acumulan a dor causada polo desarraigamento e o abuso das mafias».

Na Catedral, o oficio relixioso contou coa presenza dos arcebispos eméritos monseñor Julián Barrio e o tamén cardeal Antonio María Rouco Varela.

Membros da Corporación local, da Xunta de Galicia e multitude de fieis asistiron á cerimonia relixiosa na Catedral.

Membros da Corporación local, da Xunta de Galicia e multitude de fieis asistiron á cerimonia relixiosa na Catedral. / Antonio Hernández

Vítimas da DINA, violencia machista e crise da vivenda

As vítimas da DINA, que hai dous meses arrasou municipios de Valencia e Castela e León causando máis de 220 vítimas mortais, foi contido das intervencións do delegado rexio e do arcebispo. Miguel Santalices tivo palabras para os voluntarios e o seu exemplo de solidariedade e referiuse á reconstrución, pois que «as vítimas sintan a protección real e efectiva das administracións ten que ser obriga dos que desempeñamos responsabilidades públicas».

A «lacra da violencia contra mulleres e nenos», estivo tamén presente na homilía de monseñor Prieto e no discurso do delegado rexio. Este último fixo fincapé na necesidade de protección, «comezando pola prevención e a educación no respecto máis básico».

As dificultades no acceso a unha vivenda foi outro dos temas comúns pronunciados na solemnidade da Traslatio polo arcebispo e o delegado rexio, que apelou «á necesidade de facer efectivo este dereito constitucional, de sumar esforzos para dinamizar unha oferta que facilite o acceso das persoas máis novas».

Intelixencia artificial, idadismo e bulos

Durante a súa intervención na Catedral de Santiago, o delegado rexio, Miguel Ángel Santalices, fixo mención a outras cuestións de actualidade, como son a intelixencia artificial (os seus pros e posibles perigos), o idadismo e tamén á proliferación de noticias falsas (bulos). «Nun mundo cada vez máis entregado á vertixinosa evolución tecnolóxica», comentou Santalices, «faise necesaria unha análise crítica e racional na que a ética acompañe o que comporta o liderado da intelixencia artificial».

Vencellada tamén ao desenvolvemento tecnolóxico estivo a súa intervención arredor da súa influencia no mundo da información e da comunicación. «Un auténtico desafío necesitado de respostas audaces ao uso excesivo de dispositivos que ameaza a saúde mental de nenos e mozos». Cunha alerta particular a «algunhas redes sociais que contribúen á difusión de noticias falsas, con todos os riscos que isto implica».

Miguel Ángel Santalices falou tamén de idadismo, a discriminación por razón de idade que «a OMS xa identificou coma un novo fenómeno social» e asegurou que ten consecuencias non só para os de máis idade, senón tamén para os máis novos e, polo tanto, para toda a sociedade».

Recepción en Raxoi

Posteriormente á celebración relixiosa, as autoridades encamiñáronse ao Pazo de Raxoi, onde tivo lugar a tradicional recepción institucional.

O delegado rexio, Miguel Ángel Santalices, asinou no Libro de Honra do Concello de Santiago e pronunciou unhas palabras de agradecemento no Salón Vermello. A alcaldesa en funcións, María Rozas, deu a benvida a todos os asistentes «á casa de todos os santiagueses e todas as santiaguesas» no nome do conxunto da Corporación local.

Na recepción, igual que previamente no Obradoiro, estiveron presentes membros de todos os grupos municipais e representantes da Xunta; ademais do xeneral xefe do Mando de Apoio á Manobra, Raimundo Rodríguez Roca; María Rivas, subdelegada do Goberno na Coruña e outras autoridades.

Unha tradición de séculos

A cerimonia da Translación celébrase anualmente o 30 de decembro en recordo do traslado dos restos do apóstolo Santiago dende o porto de Jaffa (Xerusalén) ata as costas galegas, onde foron desembarcados no peirao de Iria Flavia (Padrón). Segundo a tradición, a Raíña Lupa, soberana das terras, enviou tropas en persecución da comitiva apostólica, que foi salvada por un milagre que afogou aos perseguidores nas augas do río Tambre.

A Raíña Lupa quedou tan abraiada por este feito que ofreceu a súa axuda aos discípulos para que puideran soterrar os restos do apóstolo, que son trasladados nun carro tirado por bois que ao azar buscan o lugar para o repouso do fillo de Zebedeo. Tras deterse (sempre segundo a lenda) na fonte da actual rúa do Franco, os bois continúan o seu camiño ata quedar inmóbiles no lugar que dende aquela se denomina Libredón (Liberum domum, regalo libre), onde é soterrado e pasa ao esquecemento o Apóstolo ata o seu posterior descubrimento no ano 813 por un eremita.

O rei Afonso VI realizou no ano 1109 a primeira ofrenda da Translación, entregando unha ducia de talentos de ouro e outra de marcos de prata. En 1642, baixo o reinado de Felipe IV esta cerimonia institucionalízase con carácter definitivo. Dende entón actúa como oferente o Rei de España ou un delegado rexio.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents