Raxoi aposta porque a senda ciclista da Xunta que une O Milladoiro coa intermodal discorra por zonas urbanas
O 29 de decembro o Concello presentou alegacións ao trazado alternativo proposto pola Administración autonómica

Imaxe obras no bosque Banquete Conxo 6 / Ecoloxistas en Acción
O trazado alternativo da Xunta de Galicia para a senda ciclista que unirá O Milladoiro e a Estación intermodal está agora sometido a información pública. Un trámite para o que o Concello de Santiago presentou o pasado 29 de decembro as súas alternativas, que pulan porque esta nova vía discorra por terreo urbano e non polas zonas verdes.
"As áreas poboadas da zona de Conxo permiten que por eses viais poida discorrer a senda ciclista, en aras dunha mobilidade sostible coa que estamos de acordo, mentres que se cruza zonas verdes entendemos que se trata dunha senda con fins recreativos". Explicaba así o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, as alegacións presentadas ao proxecto autonómico nunha rolda de prensa na que o acompañou a edil de Emprego e responsable do proxecto Ecobosque río Sar, María Rozas.
As principais reivindicacións do Executivo local céntranse no subtramo 3 do proxecto autonómico, o que no trazado inicial atravesaba o bosque do Banquete de Conxo e que agora se desvía nesa zona aínda que en boa parte do tramo se cingue ao trazado inicial. Este subtramo 3 une o Hospital provincial coa rúa Ramón Baltar, bordeando o bosque e con actuacións previstas na ribeira do río e nos muros do mosteiro medieval de Conxo. Raxoi aposta pola alternativa 0, "non actuar nese tramo", aínda que a Xunta só significa esa opción pero o edil Lestegás entende que "a desbota", polo que subsidiariamente o Concello avoga pola alternativa 3.
Trátase neste caso de aproveitar o ramal xa contemplado no proxecto da Xunta e que une o Hospital provincial co Clínico, "atravesando o núcleo poboacional" e chegando tamén ao punto quilométrico marcado pola Administración autonómica na rúa Ramón Baltar. Un itinerario máis coherente para o equipo de goberno de Goretti Sanmartín, que o ve máis axeitado na procura dunha "mobilidade sostible e non recreativa".
O Goberno local presentou tamén alegacións en relación co Subtramo 5 (que atravesa as hortas urbanas das Brañas de Sar na Pontepedriña), á colisión co proxecto do ecobosque (tamén financiado, coma a senda ciclista, con fondos europeos e anterior a ésta) e aos criterios de valoración e a súa ponderación contemplados no proxecto alternativo da Xunta. "Hai cinco criterios de valoración coa súa correspondente ponderación cos que o Concello non está de acordo", afirmou Lestegás, pois segundo explica, tres deles refírense a cuestións ambientais, de seguridade e de funcionalidade e, ao ver do Executivo local "unha infraestrutura deste tipo, se é segura será funcional e se é funcional será segura".
Vía ciclable nas hortas urbanas
O Concello de Santiago presentou alegacións ao Subtramo 5 proposto pola Xunta, en coherencia coas razóns de mobilidade sostible sinaladas no relativo ao Subtramo 3. Segundo o concelleiro de Urbanismo, o proxecto da Xunta marca un carril bici que pasa por zonas verdes do parque Eugenio Granell e pola área das hortas urbanas. "Cando as sendas do parque permiten habilitar o uso da bicicleta e xa existe un carril bici na rúa Clara Campoamor" que o proxecto da Xunta podería optar por desenvolver.
Lestegás indicou tamén que o proxecto autonómico non actúa sobre a rotonda do Restollal na que desemboca a rúa Amor Ruibal, senón na rotonda inferior para acceder ao parque, cuestión coa que tampouco está de acordo Raxoi.
Proxecto Ecobosque río Sar
O trazado alternativo da Xunta de Galicia para a senda ciclista O Milladoiro-Estación intermodal segue, segundo Raxoi, "a colisionar co proxecto Ecobosque río Sar". A edil responsable deste plan de rexeneración do hábitat natural do río, María Rozas, expresou na rolda de prensa a súa sorpresa "mala" ao ver que "a proposta alternativa da Xunta, pola que recoñece o seu erro e se autoemenda" non comtempla "como sería lóxico" a colisión da senda ciclista co proxecto do ecobosque.
Rozas instou a administración que lidera Alfonso Rueda a "atender as demandas da veciñanza, dos colectivos ecoloxistas e do propio Concello" neste punto. Punto que de desenvolverse o trazado agora proposto dende San Caetano botará por terra os traballos de rearborización e conservación de flora e fauna na ribeira do río, para o que o proxecto Ecobosque río Sar xa creou un obradoiro de emprego, no que traballarán 13 persoas na área do Banquete en canto a meteoroloxía o permita.
"O trazado da Xunta prevé movementos de terras e pavimentacións que afectan o patrimonio natural e cultural e ao ecosistema fluvial do río Sar, polo que sería desexable que se renunciase a actuar nese tramo", asegurou Rozas.
Finaliza agora o prazo de presentacións de alegacións e, á vista do último proceso, poden pasar varios meses ata que a Xunta de Galicia dea resposta. Polo que cando esta chegue, mantendo ou non o seu trazado alternativo, as actuacións de, por exemplo, plantación de especies autóctonas ou creación de charcas para anfibios á beira do río xa poderán estar avanzadas.
- Viajar en coche de Santiago a Vigo o A Coruña por la AP-9 supera el coste de un vuelo de ida y vuelta a Barcelona
- El bar de Santiago donde Felipe VI se despejaba los viernes: así era el mítico Zum Zum
- Rosa Crujeiras se convierte en la primera rectora de la USC en sus 531 años de historia
- Alivio' de los precios de la gasolina en Santiago: la mayor liberación de la historia de reservas de petróleo por parte de la AIE ya se nota en los bolsillos de los compostelanos
- El brunch más campero aterriza en Santiago: 16 tipos de tostadas y 10 de tortitas para desayunar entre animales de granja
- La Fiscalía pide cuatro años de prisión para un acusado de falsificar documentos para apropiarse de herencias de emigrantes gallegos en Santiago
- Ahora hasta las gasolineras venden pasteles': la confitería más antigua de Santiago que hace a mano todos sus dulces
- Correos cierra su oficina de O Restollal, en Santiago, ante la 'bajada de la actividad”

