Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

GOBERNO LOCAL

Resolver os problemas da rotonda do Vieiro, un dos propósitos de Raxoi para 2025

O Executivo local segue á procura da colaboración da Xunta para asumir unhas actuacións que ascenden ao millón de euros

Un vehículo trata de pasar pola rotonda do Vieiro nun día de temporal

Un vehículo trata de pasar pola rotonda do Vieiro nun día de temporal / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago de Compostela

O Goberno local de Santiago organizou este venres un almorzo informativo para dar conta dos seus proxectos prioritarios a desenvolver no ano que agora comeza. Entre eles, e tamén ao fío destes últimos días de intensas precipitacións, está a resolución dos problemas de asolagamento que, "sobre todo nos últimos tempos", di a alcaldesa Goretti Sanmartín, afectan especialmente á rotonda do Vieiro, entre a zona de Fontiñas e Fontes do Sar.

"Conseguir máis fondos e colaboración doutras administracións para previr os asolagamentos na rotonda do Vieiro" é un dos obxectivos de Raxoi para 2025, segundo explicou a propia rexedora. "Temos un estudo feito para desenvolver unha serie de accións necesarias e facer unha intervención que permita que esa zona poida filtrar a cantidade de auga que se produce en determinados momentos".

A alcaldesa de Santiago explicou que o Goberno local está a procurar a colaboración de Augas de Galicia para este proxecto, que ten un custo estimado de arredor do millón de euros, "que non pode asumir exclusivamente o Concello". Sanmartín explicou que Raxoi xa conta para este proxecto coa "vontade de colaborar da Deputación da Coruña" pero non é aínda así por parte da Xunta de Galicia, "para paliar os problemas de saneamento desa zona queremos seguir colaborando con outras administracións", insistiu.

Uns problemas de saneamento para os que a Xunta convidou o Concello a finais de 2023 a aproveitar os traballos que ía realizar na zona en relación coa senda verde que vai unir Compostela e O Milladoiro (Ames). Unha solución provisional que consistiu na instalación dun by-pass que separe augas residuais e pluviais e que tiña previsto "prolongar as tuberías da avenida de Lugo para levalas a Batalla de Clavijo", explicaba a EL CORREO GALLEGO, o concelleiro de Obras, Xesús Domínguez naquela altura, co obxectivo de chegar ao tanque de tormentas e a Sar.

Tracking Pixel Contents