Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Raxoi fixa como prioridade aprobar as contas pero en 2025 non haberá contrato de buses

Mobilidade estuda sentenzas desfavorables noutras localidades e «precisa os números do estudo económico»

Foto de familia dos membros do Goberno local na Casa das Máquinas en Galeras.

Foto de familia dos membros do Goberno local na Casa das Máquinas en Galeras. / CONCELLO

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Como é tradicional no comezo do ano o Goberno local organizou este venres un almorzo informativo, desta volta na Casa das Máquinas, para dar a coñecer as prioridades da xestión municipal neste 2025. A máis inmediata e fundamental: a aprobación dos orzamentos, que se están a negociar dende finais de 2024 co PSOE. «Temos un reto pendente que é aprobar os orzamentos, evidentemente», explicou ao comezo da súa intervención a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. «Estamos traballando niso de maneira intensa», afirmou a rexedora para indicar que agarda chegar a acordo nas próximas semanas. «Pero aínda co orzamento prorrogado a programación e as obras continúan». 

A positividade de Raxoi en conseguir sacar adiante os orzamentos de 2025, co apoio do grupo municipal socialista, contrasta coas dificultades de que este ano sexa, por fin, cando se materialice o novo contrato de transporte urbano, tan necesario e cun procedemento interadministrativo demorado e complexo (os pregos ten que estudalos a Xunta de Galicia e darlle o visto e prace a ONE, Oficina Nacional de Evaluación).

Mentres Sanmartín afirmaba esperanzada na Casa das Máquinas que «por suposto 2025 vai ser un ano no que haxa un avance significativo no novo servizo de transporte, incorporando cambios substanciais que quixemos ver coma unha oportunidade», explicou en relación á muda nos pregos que implicou a revisión das liñas, o incremento do horario nocturno ou as liñas alimentadoras do rural. O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, explicaba interpelado polos xornalistas que «no mes de outubro enviouse de novo a documentación á Xunta, que a devolveu a finais de ano pero nese intre saíron tres sentenzas de anulación».

Referiuse Duro ás sentanzas desfavorables en canto ao transporte metropolitano de Ourense e Murcia e unha anulación parcial dos transportes en Navarra. Á vista diso, a concellaría que dirixe empregouse en «revisar esas sentenzas e volver a precisar todos os números do estudo económico e do emprego técnico para non incurrir en erros que xa estean sentenzados á perda». Polo que non é probable, ou cando menos non se arrisca o Executivo local a asegurar que poida estar aprobado o novo contrato en 2025. «Neste tipo de procedementos que non dependen exclusivamente do Concello é imposible», establecer prazos concretos, segundo matizou Xan Duro.

Obras, turismo e sostibilidade

Este novo ano vai ser o da conclusión dunha serie de obras e do inicio doutras. Entre os proxectos concluídos agárdase polo Pombal e entre os que se acometerán neste 2025 están as actuacións de mellora da accesibilidade en rúas coma García Lorca ou Puente La Reina, a construción da plataforma loxística de distribución de mercadorías e as melloras en instalacións deportivas coma o pavillón de Santa Isabel ou o estadio Verónica Boquete, ademais da construción do novo equipamento deportivo de Santa Marta.

Entre as tarefas pendentes de conclusión e para as que Raxoi agarda solución en 2025 están a implantación da taxa turística e darlle solución á parcela de Peleteiro. No primeiro caso a edil de Turismo deu conta esta semana de estar a traballar na ordenanza que regule esta recarga impostiva. No caso de Peleteiro, Sanmartín afirmou que o seu goberno seguirá a negociar coa propiedade. «Agardamos unha recepción positiva por parte da propiedade en relación á proposta presentada polo Concello», asegurou.

No camiño de lograr unha cidade sostible, Raxoi prevé incrementar a compostaxe de residuos orgánicos, tamén como forma de «diminuír o impacto da taxa» pola suba do canon de Sogama.

Vivenda pública na Caramoniña

Entre as prioridades do Goberno local para 2025 a vivenda é unha das máis relevantes, tanto crear vivenda de promoción pública municipal, como ceder solo e colaborar coa Administración autonómica para incrementar esta oferta, establecer as zonas de alugueiro tensionado e sacar a poxa varios inmobles inscritos no Rexistro de soares do Concello. Entre a vivenda pública que será de promoción municipal o proxectdo de 2025 é o de rehabilitar cinco inmobles da zona da Caramoniña

«Son cinco edificios obtidos polo Concello mediante cesión, cinco inmobles que están en ruínas dende hai anos», afirmou o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás na Casa das Máquinas. A intención do Goberno de Goretti Sanmartín é contratar unha vez que se dispoña de orzamento municipal o proxecto básico de execución. «Serán vivendas dotacionais, xa que están en solo que cualificado para equipamento asistencial», explicou Lestegás, polo que estas vivendas da Caramoniña destinaranse no seu momento a «colectivos específicos» cunha determinada vulnerabilidade.

O concelleiro Iago Lestegás, que unha vez máis lembrou que os proxectos de vivenda e modelo urbano «son a medio e longo prazo», congratulouse de que con esta acción se camiñará cara á creación «dun parque público de vivenda de titularidade municipal» que Raxoi considera que Santiago necesita.

O esquelete do que ía ser o parque de bombeiros en Salgueiriños leva 20 anos abandonado.

O esquelete do que ía ser o parque de bombeiros en Salgueiriños leva 20 anos abandonado. / Antonio Hernández

Edificio para a mocidade na estrutura abandonada de Salgueiriños

A primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, deu conta dos asuntos de carácter social e de servizos (áreas responsabilidade de Compostela Aberta) prioritarios para Raxoi neste 2025. Entre estes asuntos están os avances na creación do Parque Comarcal de Bombeiros (de carácter interadministrativo) que o Goberno local resituou en Meixonfrío, en lugar de aproveitar a estrutura erixida hai 20 anos en Salgueiriños

«Cando fixemos público ese anuncio, xa dixemos que iso non significaba que desbotáramos darlle un uso á estrutura de Salgueiriños e un dos retos para 2025 na miña concellaría é que ésta se converta nun espazo de referencia para a mocidade». O proxecto ao que se referiu Rozas vai levar por nome Factoría Moza «unha proposta para a que xa contamos cun anteproxecto de obra que presentaremos nos próximos días e que marcarán un antes e un despois nas políticas públicas» destinadas á mocidade, «esa franxa de idade que sempre está en todos os discursos pero queda en papel mollado cando se trata de materializar recursos para os mozos e as mozas». 

Outros dous equipamentos fundamentais para o Goberno bipartito en materia de servizos sociais son a posta en marcha do Cipis –Centro Integral para a Inserción Social–, destinado a persoas sen fogar e situado en Belvís; e mais a creación da Casa dos Maiores, no Ensanche, como centro interxeracional para o envellecemento activo

Redeseño da Virxe da Cerca

Un dos proxectos estrela do Executivo de Goretti Sanmartín e prioridade entre as accións a desenvolver neste 2025 é a convocatoria do concurso internacional para o redeseño da mobilidade no conector central da cidade, o vial que atravesa dende a rúa da Senra a San Caetano pasando pola Virxe de Cerca.

Unha iniciativa que ten o favor da oposición que, sen embargo, lle afea ao Goberno local que non teña dialogado aínda cos praceiros do Mercado de Abastos, a hostalaría, os comercios e os colexios desa área dunha arteria clave da capital.

A alcaldesa Goretti Sanmartín explicou que nas próximas semanas se vai «lanzar un concurso internacional» unha convocatoria que se pechará en febreiro na procura de mudar o modelo de mobilidade dese eixo e que se vai ver complementada cun proxecto de humanización que «mellore a calidade de vida na zona norta da cidade histórica», en barrios como pode ser o da Almáciga. Para esta última actuación o Concello vai optar, segundo informou a rexedora, a fondos Edil –Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado–.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents