Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Verea sobre os orzamentos de Santiago: "Son os mesmos anuncios que o ano pasado"

O líder do PP pregúntase en que mellorou Santiago en dez anos de alianza das esquerdas

O líder do PP de Santiago, Borja Verea

O líder do PP de Santiago, Borja Verea / Cedida

Natalia Sequeiro

Natalia Sequeiro

Santiago

En que mellorou Santiago nestes 10 anos de alianza BNG-PSOE-CA? Esta é a pregunta que o líder do PP na capital galega, Borja Verea, formula un día despois de que trascendese o pacto entre as forzas de esquerda do Concello para sacar adiante os orzamentos de 2025 por valor de 146 millóns de euros. Verea reprocha que no capítulo de investimentos prácticamente non hai novidades. «Son os mesmos anuncios, da mesma foto do ano pasado», recrimina o popular. 

O pasado martes, a rexedora Goretti Sanmartín, a tenenta de alcaldesa María Rozas e o voceiro do grupo municipal socialista Gonzalo Muíños asinaron o acordo. A foto variou este ano coa ausencia do secretario xeral do PSOE en Santiago, Aitor Bouza, que tras a crise aberta no partido quedou excluído da negociación dunhas contas que descoñece a executiva socialista. Para que os orzamentos vaian para adiante teñen que pasar polo pleno municipal, nunha data aínda por determinar. Muíños enfróntase a un expediente disciplinario que está a punto de culminar e podería acabar coa expulsión do partido, por entre outras cuestións, non acatar a disciplina de voto marcada por Bouza no pleno da ordenanza sobre pisos turísticos. En caso de que a resolución se coñecese antes do pleno de orzamentos -o edil xa avanzou que ten intención de quedar coa súa acta- tería que apoiar as contas desde o grupo mixto.

"Alianza ineficaz"

«Atopámonos ante unha nova foto, sen futuro, desta unión de PSOE, BNG e CA, que xa cumpre 10 anos», recriminou onte Verea, quen pide aos composteláns que se pregunten en que «mellorou Santiago despois desta década de alianza tripartita». Él mesmo resposta que «ler os proxectos dos orzamentos de 2025 é a confirmación desta alianza ineficaz». O líder dos populares de Compostela deixa un feixe de exemplos no que ten que ver cos investimentos reais, que en 2025 serán de 13 millóns fronte aos 18 millóns orzamentados do ano pasado. Aínda que non se coñece o detalle por partidas, na rolda de prensa do martes, desveláronse algúns dos proxectos que se porán en marcha, e boa parte deles estaban xa recollidos como investimentos para 2024. «Palacete do Espiño, Rúa García Lorca, ou 3 millóns para o rural», enumerou Verea, «xa estaban contemplados no orzamento de 2024 e nada de soubo». Sen contar, engadiu, «os dous millóns para vivenda que xa aparecían o ano pasado e cos que non fixeron absolutamente nada». Agora, reprocha o líder popular, saen «anunciando 4 millóns, pero o que deberían responder é por que non fixeron nada cos dous millóns para vivenda que a mesma unión BNG-CA-PSOE aprobaron o ano pasado».

Outros exemplos

Nas súas declaracións, Verea enumera algúns exemplos, pero hai máis proxectos que quedaron pendentes e volverán a figurar dentro dos investimentos reais, como a cociña central para os comedores escolares, as obras de saneamento no rural compostelán ou partidas para a posta en marcha do proxecto Entre Sar e Sarela, no que apenas se avanzou ao longo de 2024. Entre as novidades avanzadas destaca, por exemplo, a intención de acondicionar integralmente a zona norte, partindo da Almáciga cara Salgueiriños e a zona sur do Ensanche, comezando cun proxecto para a rúa de Santiago de Chile.

Pero os anuncios non convencen ao líder da oposición quen onte aseverou que «en Santiago só hai unha alternativa a esta longa unión de BNG, PSOE e CA, que é a nosa, e ten un obxectivo: volver poñer Santiago en marcha».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents