Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Fractura total: os 'díscolos' do PSOE de Santiago non apoian o novo portavoz

Muíños, Rosón, Castro e Álvarez expóñense a ser expulsados do partido

Fractura total: os 'díscolos' do PSOE de Santiago no apoian o novo portavoz

Fractura total: os 'díscolos' do PSOE de Santiago no apoian o novo portavoz / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Ás 13.30, tan só unha hora despois de que os concelleiros socialistas en rebelión coa dirección do PSOE desen unha rolda de prensa denunciando presións para dimitir e que así obtivese a súa acta Aitor Bouza, secretario xeral do PSOE de Santiago, o portavoz designado pola Executiva local, Sindo Guinarte, convocaba o grupo municipal en Raxoi a unha xuntanza.

Unha reunión destinada á votación do novo voceiro, que precisa o apoio da maioría do grupo e que as edís Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez declararon "nula", polo que a votación non se chegou a producir. Ás 13.36h. o concelleiro Sindo Guinarte relataba o acontecido: "En cumprimento dunha resolución da agrupación municipal, tiña que convocar unha reunión en 72 horas para que o Grupo Municipal me ratificase como voceiro" e engadía que "as catro persoas que estaban convocadas entenden que a convocatoria é nula porque elas consideran que o portavoz segue sendo Gonzalo Muíños e, portanto, a reunión non tivo lugar".

Sindo Guinarte defendía tamén o seu posicionamento e o da súa compañeira Marta Abal, "que dende o verán reclamamos a necesidade de recuperar o diálogo coa dirección do partido". O edil falaba por el por Abal afirmando que "dixemos repetida e reiteradamente nas reunións do grupo municipal que esta situación non era sostible, que había que retomar as relacións coa agrupación e co partido, que o grupo municipal non podía estar de costas do partido e, portanto, non debíamos e non debemos chegar ás próximas eleccións municipais cun grupo municipal que se chama socialista pero que parece que non ten nada que ver coa Partido socialista".

O portavoz designado pola Executiva municipal do PSOE recoñecía que "houbo erros por parte do grupo municipal" en relación coa necesidade de diálogo entre ambos organismos "e non vou a desdicirme diso, sempre defendín que hai que falar e que hai que intentar entenderse por máis discrepancias que poida haber".

"Concorrín ás eleccións na lista do PSOE", defendeu Guinarte, polo que asume que é necesario acatar as normas e o diálogo coa dirección e matizou que "é perfectamente lexítimo concorrer como non adscrito", en referencia á defensa dos edís que apoian ao voceiro Gonzalo Muíños e reivindican as súas actas e o "mandato representativo", pero que ao igual ca el concorreron baixo as siglas do PSOE. Como exemplo de asumir esta disciplina, pese a ser até hai pouco independente, Guinarte sinalou a Marta Abal, agora si militante do PSOE. Defendeu tamén Guinarte que a el ninguén o podía presionar coa súa acta porque "a min ninguén me puxo na lista electoral do PSOE, púxenme eu".

En relación á denuncia dos seus compañeiros Muíños, Rosón, Castro e Álvarez de ter recibido presións internas para abandonaren o seu escano e que así entrase a formar parte da Corporación local o secretario xeral Aitor Bouza (número 11 na lista electoral), tanto Guinarte como Abal instaron os seus compañeiros a demostraren esas presións e prebendas, asegurando que co tempo se verá. "O tempo demostrará que reparto de cargos e de prebendas e que historias hai", asegurou Guinarte, "eu sei cales son as miñas prioridades, cales son os meus obxectivos e Marta (Abal) igualmente o sabe, o tempo demostrará que prebendas queremos nós e que buscamos con esta situación".

Muíños: "O que se quere é que un de nós deixe a súa acta para que a colla Aitor Bouza"

"De que serve lealdade que caracterizou o noso traballo", comezou Gonzalo Muíños, "se o que se quere é que un de nós deixe a súa acta para que a colla Aitor Bouza?". Os catro edís socialistas en rebelión co partido compareceron este luns en rolda de prensa "para desmentir punto por punto os presuntos incumprimentos" que a Executiva municipal do PSOE lles achaca. "Quero incidir de novo en que aínda teño prazo para rexistar recursos no Comité de Ética e Garantías polo que a resolución non é firme, é importante ter eso claro", insistiu unha vez máis o edil.

As concelleiras Marta Álvarez, Mila Castro e Mercedes Rosón (esta última con expediente aberto no partido) arrouparon o único voceiro que recoñecen, Gonzalo Muíños, suspendido de afiliación por 18 meses como responsable de non acatar a directriz de abstención na votación da ordenanza das VUT e por non substituír os xefes de gabinete e prensa do grupo municipal como ordeara a secretaría local do PSOE, liderada por Aitor Bouza.

Muíños quixo botar por terra un por un todo o que o partido afirma á hora de suspendelo de militancia. "Primeiro, dise que incumplín a obriga de convocar o responsable de política municipal á reunión do grupo municipal. Iso é falso. As miñas compañeiras de mesa poden corroborálo", asegurou o edil, "os correos e as mensaxes das convocatorias están aí". "A raíz da ruptura que supuxo votar a favor da ordenanza de usos asimilados da vivenda de uso turístico (VUT)", continuou Gonzalo Muíños, "deixouse de convocar, esta xuntanza, pero iso non foi unha cción senón unha reacción" á apertura dos expedientes designados. "Nós fomos coherentes e leais co noso traballo", recalcou o edil, que amosou o argumentario remitido ao grupo municipal pola executiva do PSOE e insistiu en que nel non hai referencia á ordenanza das VUT

Sobre o relevo de dous cargos de confianza, "do grupo municipal, non foi unha decisión de Gonzalo Muíños, senón unha decisión asinada polos seis concelleiros do Partido Socialista" no Pazo de Raxoi.

"Dise que non compartín documentación para que a executiva puidese facer seguemento da acción municipal, enviamos máis de 600 documentos", explicou o aínda voceiro do grupo municipal ante outro dos incumprimentos que lle achaca a executiva do PSOE para defender que tan só non se remitiu aquilo que puidese conlevar "unha ilegalidade".

Gonzalo Muíños aclarou tamén que a denuncia de que o grupo municipal se negaba a incluír no debate plenario as suxestións da executiva e defendeu que só un non se presentou "de entre os 14 ou 15" dos recibidos. "Por todo isto queren suspenderme de militancia 18 meses, xulguen os feitos".

Xunto a Gonzalo Muíños, as concelleiras Marta Álvarez, Mila Castro e Mercedes Rosón tamén interviron. Esta última alén de subscribir "cada unha das palabras do meu portavoz e os feitos que narra" denunciou que por "intereses propios quixeron que acabásemos aquí". A edil tamén puxo o foco en que "o desencadeante" desta situación, a ordenanza reguladora das VUT se pecha na resolución do partido "nun mero apercibimento", polo que se demostra que esta cuestión "era a excusa para abrir o expediente". Rosón enfatizou que "non estamos desafiando a ninguén", senón que os catro edís de Raxoi sinalados pola dirección do partido "defendémonos dun ataque e do intento de suplantar o mandato da cidadanía".

Foi a concelleira Mila Castro quen apelou directamente ao secretario xeral do PSOE en Galicia, Xosé Ramón Gómez Besteiro: "Que revise o expediente, el coñece ben a cuestión e ademais sufriu en primeira persoa os infundios e as mentiras na política por sete anos, que non se preste a ser cómplice nisto". As catro concelleiras, conscientes de que corren o risco de seren expulsadas, non dubidaron en denunciar que se lles "indicou a porta de saída" durante toda a lexislatura. Marta Álvarez mesmo chegou a narrar, sen dar nomes, as presións recibidas durante un acto público "para que renunciase á miña acta".

Tracking Pixel Contents