Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

Un proxecto clave para o casco histórico: Raxoi dá luz verde á urbanización do centro loxístico

As obras executaranse de forma paralela ás da plataforma e teñen un prazo de oito meses

Reparto de mercancías en una calle del casco histórico de Santiago

Reparto de mercancías en una calle del casco histórico de Santiago / Antonio Hernández

Manu López

Manu López

Santiago

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago deu luz verde hoxe ao proxecto de urbanización exterior do centro loxístico de acopio e distribución de mercadorías para o casco histórico. Estes traballos, para os que se conta cun orzamento de 626.181,26 euros, executaranse de maneira parlela ás da propia plataforma, iniciados no mes de novembro, e teñen unha duración prevista de oito meses.

O centro loxístico de acopio e distribución de mercadorías terá o seu acceso pola rúa Vía De la Cierva que actualmente ten 6 metros de ancho e non conta con arcén, nin liñas de separación dos sentidos de circulación, nin un itinerario peonil accesible e seguro para as persoas. Por esta razón, e en cumprimento do planeamento urbanístico, «esta vía debe ser remodelada, redimensionada e dotada de servizos para soportar o novo uso e tránsito asociado coa plataforma loxística», detallou a voceira de Raxoi, Míriam Louzao.

O Concello pretende ampliar a sección da rúa para facela máis ancha, delimitar os dous carrís de circulación, e proxectar tanto os itinerarios peonís na marxe dereita como o trazado e execución da senda peonil que se construirá proximamente.

Tamén se implantará a rede de saneamento (pluviales e fecais), a rede de abastecemento, a canalización eléctrica para media e baixa tensión e a rede de telecomunicacións. O proxecto tamén define unha rotonda na intersección entre a Vía De la Cierva e o acceso proxectado na urbanización interior da parcela, «que se situou nese punto atendendo á topografía e ao tipo de vehículos que se prevé que circulen nese ámbito», explicou Louzao.

Proxecto clave

A plataforma loxística é unha infraestrutura clave para cambiar o sistema de reparto de mercadorías e reducir o número de vehículos pesados que transitan polo casco histórico. Reducir as emisións contaminantes, liberar o espazo público, diminuír o número de accidentes e frear o desgaste do firme son as principais melloras que se agardan con este cambio. As instalacións estanse levantando nun terreo que abarca uns 78.000 metros cadrados ubicado no polígono do Tambre entre Mercagalicia e Trameve.

Ademais, estase desenvolvendo un estudo para determinar a fórmula máis axeitada para levar a cabo o reparto. Unha vez sexa executada a plataforma, Santiago persegue o obxectivo de converterse nun nodo loxístico de distribución de mercadorías para todo o noroeste peninsular e o eixo atlántico.

Actuacións no Xardín Botánico

O executivo municipal tamén deu luz verde onte ao expediente para a licitación da restauración ambiental e creación do laboratorio vivo urbano agroecolóxico no Xardín Botánico e o corredor do río Sarela en Santiago de Compostela no marco do proxecto ‘Entre Sar e Sarela’, que contará cun orzamento base de licitación de 263.777,34 euros.

Trátase da primeira licitación para executar actuacións concretas no marco deste plan, que conta con financiamento de fondos europeos e contempla accións en varios puntos da cidade. Ata agora, estaban publicados os contratos para a redacción do proxecto e dirección facultativa das obras do barrio verde de Pontepedriña, así como o mesmo paso previo para as de naturalización da lagoa do Auditorio de Galicia e a restauración fluvial do río Corgo. Do mesmo xeito, tamén saíu a concurso un servizo de asitencia técnica para a coordinación de actuacións.

Desta maneira, están pendentes de licitar as obras correspondentes a estas zonas, ademais das do Monte Viso e o barrio de Cornes. Para cumprir os prazos marcados pola concesión dos fondos europeos, as actuacións deberán levarse a cabo antes de que remate o ano.

Seminario Menor

A Xunta de Goberno tamén concedeu ao Arcebispado de Santiago unha licenza de obra maior de consolidación de noiro na parcela do Seminario Menor, situada na avenida de Quiroga Palacios 2A. Para este proxecto contan cun orzamento de execución material de 10.250 euros.

Tracking Pixel Contents