O PP contra o modelo de cociña central do Bipartito: "Perpetúa o sistema de catering"
O edil Borja Rubio reclámalle ao Goberno compostelán que retome o proxecto da rede de cociñas escolares

Un comedor escolar nunha foto de arquivo / Pixabay
"Santiago merece unha rede de cociñas propias nos centros escolares e por iso pedimos que o Goberno nacionalista abandone o sistema de catering e aposte por un cambio real neste servizo".
O concelleiro popular Borja Rubio compareceu este mércores en rolda de prensa para reclamarlle ao Bipartito que retome o proxecto de cociñas escolares presentado na campaña das municipais e para denunciar que "unha vez máis, o goberno enganou a veciñanza e agora propón un sistema fracasado".
Referíase así Borja Rubio á iniciativa do Goberno local de instalar unha cociña central para os colexios da cidade que repartirá "comida de calidade e produto de proximidade", en palabras da edil de Educación (Míriam Louzao).
Rubio defendeu que desta forma o único que se está a facer é "sacar a cociña central que agora está en Roxos, pero o alumnado seguirá a xantar comida requentada". O PP aféalle ao Goberno local esta decisión que "perpetúa" o catering, cun "modelo continuista e fracasado baseado nunha cociña central que existe na actualidade".
Os populares defenden que "Santiago non pode conformarse con manter o mínimo, como capital de Galicia debe liderar unha proposta ambiciosa que converta os comedores escolares nun exemplo de calidade, proximidade e innovación. E isto só é posible cunha transformación real do modelo actual deste servizo". Con este obxectivo Borja Rubio afirmou que o Goberno local contaría co apoio do PP para retomar o modelo da rede de cociñas.
O edil Borja Rubio aféalle ao Executivo de Goretti Sanmartín que está a presentar unha proposta "que carece de visión" e achácalle "unha vez máis a súa desidia e falta de compromiso cara aos servizos públicos, neste caso, un dos que máis preocupa as familias compostelás". En resposta ao apunte de EL CORREO GALLEGO sobre a xusficación dada pola edil Míriam Louzao á elección dunha cociña central (o Bipartito explicou no seu día que non se dan as condicións nos colexios para poder instalar as infraestruturas que require unha cociña propia), o concelleiro do PP asegurou que lle gustaría poder estar no Goberno para encargar os estudos pertinentes, pois o seu grupo considera que "hai alternativas" que permiten manter o proxecto da rede de cociñas escolares.
"No Partido Popular levamos anos defendendo unha solución ambiciosa e transformadora que é coñecida por todos e por todas a estas alturas que é a creación desa rede de cociñas nos centros escolares", insistiu Rubio, "un modelo no que os menús se preparen directamente nos colexios pouco antes de seren servidos, garantindo a máxima frescura e calidade dos produtos".
O PP defende tamén que este modelo se integre "nun proxecto pedagóxico claro que ensine as crianzas a importancia dunha alimentación saudable, dun consumo responsable e, por suposto, de apoio aos produtores locais".
Dende a Federación de ANPA Compostela, a súa presidenta, Esther Martínez, pronunciábase logo da xuntanza do Consello Municipal de Educación celebrada en setembro sobre o cambio de modelo a unha cociña central ao non cumpriren os CEIP os requerimentos técnicos para unha cociña propia. «O que se quería era ter cociñas en varios colexios, pero entendemos que hai que cumprir os requerimentos técnicos», dicía Esther Martínez, e engadía que dende a FANPA Compostela se agardaba que o novo plan implicase «un cambio de modelo».
Orzamentos de 2024
O edil Borja Rubio lembrou que nos orzamentos de 2024 xa había consignada unha partida de 400.000 euros para este proxecto «que non foron executados». A razón, explicada a finais de 2024 polo Goberno bipartito, foi a condición do PSOE de excluír ese proxecto para contar co seu apoio á aprobación dun modificativo de crédito que permitise salvar os fondos europeos NextGeneration, que ascendía a 1,8 millóns de euros.
- El dieciocho: el nuevo espacio gastronómico de Área Central que ostentará la pizzería más premiada de Galicia
- Sábado trágico en Santiago: una mujer pierde la vida tras caerle encima una nevera
- ¿Qué supermercados abren este puente de la Constitución en Santiago?
- Santiago se queda sin servicios mínimos de transporte urbano: los piquetes impiden la salida de los buses de Amio
- «Visitar esta zona de la Catedral de Santiago es algo increíble»
- Pesar por la muerte de Ramón Martínez-Rumbo, exdirector de Neurocirugía del CHUS y pionero en cirugía del Párkinson
- ¿Cómo era Santiago hace 50 años? Así es la ruta que revela cómo cambió la ciudad el año que murió Franco
- Un testigo asegura que la menor atropellada frente a la Intermodal cruzó en rojo

