Denuncia do comité de Urbaser en Santiago: «Non podemos traballar cos novos camións»
Os traballadores lembran que «avisamos que era pouco orzamento para un contrato destas dimensións" e advirten do empeoramento da recollida do lixo na zona vella e no rural

O comité de Urbaser denuncia a precariedade do servizo que teñen que ofrecer. / Jesús Prieto

«O comité de empresa de Urbaser Santiago quere denunciar publicamente o mal servizo que se está a prestar ao conxunto da cidadanía, ás empresas e turistas que visitan a cidade». Así encabezan os representantes dos traballadores da recollida do lixo en Santiago o comunicado enviado aos medios para denunciar o empeoramento do servizo, menos de tres anos despois da entrada en vigor do último contrato, o 23 de maio de 2022, cun orzamento de 91,3 millóns de euros e cunha duración que se estende a 2031.
En 2023 Urbaser aqueixaba retraso na chegada da nova maquinaria que pouco a pouco se foron solventando, pero os empregados xa denunciaban que parte dese novo material estaba parado. Agora a reclamación céntrase na precariedade de persoal e de maquinaria que leva, segundo denuncian os traballadores, a ofrecer un servizo de recollida do lixo deficitario, especialmente cando se fala do rural ou da cidade histórica.
Neste último caso Andrés Sánchez, secretario do comité de Urbaser, explica a EL CORREO GALLEGO que se está a realizar o servizo «con maquinaria da anterior contrata, con algún camión con máis de 20 anos e a gasoil». Recoñece que chegaron camións de menores dimensións para traballar na zona vella «pero non podemos traballar con eles» porque non se axeitan á área, «na zona vella necesítanse camións baixos e pequenos, por cuestión do peso, e os camións que viñeron son altos e non se adaptan aos colectores, a engachalos, máis que un camión do lixo parece un camión adaptado para o lixo. Non sabemos como a empresa puido comprar eses camións».
Nunha situación semellante está o rural compostelán, denuncian dende o comité de empresa de Urbaser que os camións «tamén son demasiado grandes», o que dificulta a mobilidade e as manobras nunha contorna non urbana. Sánchez aclara ademais que «agora pasouse á carga lateral» uns camións de tres eixos nos que non hai un peón auxiliar ao condutor, co conseguinte risco de que se poida ciscar o lixo.
Ademais, dende o comité consideran que «sería suficiente un camión máis pequeno», pois con estes de tres eixos e carga lateral aseguran que «andamos sempre a media carga».
Unhas dificultades avisadas
As queixas dos traballadores e as folgas víñanse sucedendo antes da sinatura do novo contrato en 2022, pero a cousa tampouco se calmou entón, pois houbo retrasos na chegada da nova maquinaria e xa en 2024 se denunciou que parte dela non estaba en funcionamento.
«Cando saíron os pregos do último contrato, estabamos contentos pero tamén avisamos que nos parecían poucos cartos para un contrato destas dimensións». O orzamento total do contrato, que finaliza en 2031, ascende a 91,3 millóns de euros.
Lembra Sánchez que advertiron que, entre outras cuestións, era necesaria maquinaria nova e dotarse de vehículos adaptados ás cero emisións. «Agora que pasaron dous anos vemos que xa vai mal, a empresa di que se adapta ao contrato e o Concello insiste en que se teñen que cumprir os pregos, pero uns por outros e a casa sen varrer».
Con todo, Andrés Sánchez afirma que os traballadores do servizo de recollida do lixo de Santiago «temos claro que a maquinaria é a que é e que teremos que traballar con ela durante os próximos anos pero haberá que tratar de adaptala ao traballo».
Apelan á colaboración cidadá
«Hai por internet moitas fotos con imaxes do lixo polo chan», explica Andrés Sánchez, «porque non todo o mundo o mete nos colectores». Refírese o secretario do comité de empresa, particularmente, á situación da cidade histórica, onde se leva a cabo a recollida porta a porta nos establecementos comerciais e hostaleiros.
«En moitos casos non se empregan os colectores cos que contan comercios e restaurantes, senón que se deposita lixo no chan». Polo que dende o comité tamén se apela á colaboración dos negocios e da cidadanía para que coloque o lixo no interior dos colectores «porque teñen capacidade, por hixiene e imaxe da cidade, e tamén polo traballo dos operarios», que máis alá de baleirar os colectores vense ás veces na obriga de cargar eles o lixo.
Raxoi defende que cada mes audita o cumprimento
Consultados por este diario, os responsables de Urbaser declinaron facer declaracións sobre se se están a cumprir os pregos de prestación do servizo de limpeza e recollida de residuos.
Dende o Concello de Santiago o Goberno local asegura que mensualmente se «audita o cumprimento do contrato do servizo de recollida do lixo» e que «na facturación correspondente practícanse todos os descontos que corresponden se hai deficiencias».
Raxoi lembra, así e todo, que «a empresa concesionaria arríscase a novos expedientes en caso de incumprimentos reiterados» e, segundo afirman, a día de hoxe «o principal incumprimento está en relación coa implantación de controles dixitalizados de todo o sistema».
Suscríbete para seguir leyendo
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- El restaurante de Santiago con el menú degustación más barato
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Financial Times' sitúa a una empresa con sede en Santiago como referente en Europa
- Del magosto de Sar a la fiesta de Conxo: castañas, foliada, un bingo y churrasco 'a fartar' este sábado en Santiago
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana
- Talan sin previo aviso un histórico abeto del campo de fútbol de Conxo: 'Me han enterrado a un amigo dos veces

