Crise do PSOE: Muíños, Rosón, Castro e Álvarez non descartan a vía xudicial
Manteñen que o obxectivo da dirección local e provincial é «forzar dimisións» para que Bouza chegue á Corporación local

Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Mila Castro e Marta Álvarez nos corredores de Raxoi. / Antonio Hernández

Os catro concelleiros socialistas da Corporación local enfrontados coa dirección do seu partido en Santiago emitiron este venres un comunicado para valorar a resolución coa que a Executiva Federal formula a súa expulsión do PSOE. «É fundamental sinalar que a resolución que agora afecta a catro concelleiros do grupo municipal, aínda non é firme, polo que caberá a presentación de alegacións e probas de descargo, así como a interposición dun recurso á Comisión de Ética e Garantías».
Os edís teñen até o próximo mércores para presentar as súas alegacións e un total de dez días para recorrer á comisión ética e, máis alá disto, especifican non «descartar tampouco a posibilidade de recorrer a vía xurisdiccional». Muíños, Rosón, Castro e Álvarez insisten en que «actuar de acordo á legalidade non debera supor, en ningún caso, un incumprimento de regulamento algún. Menos, se cabe, cando as directrices que se pautan desde a organización puideran supor algunha vulneración dos dereitos fundamentais dun concelleiro».
Nesta liña, o comunicado fai referencia á comunicación do secretario municipal sobre a situación do concelleiro Gonzalo Muíños previa a coñecerse o trámite da expulsión. Muíños foi suspendido de militancia por 18 meses e o pasado luns a dirección local do PSOE comunicaba este feito ao secretario municipal, que este venres determinaba que só poden ter a condición de «non adscritos» os concelleiros expulsados de forma definitiva da formación política coa que concorreran ás eleccións. Termo que non se cumpre no caso de Muíños polo de agora. «É, cando menos, incongruente que se abra agora un novo expediente disciplinario a quen, presuntamente, xa estaba suspendido de militancia», explica o grupo municipal socialista.
O feito de que se trate de expulsar a quen xa estaba suspendido segundo interpretaba a dirección local do PSOE –pese a estar a suspensión tamén en prazo de recurso–, sérvelle ao grupo municipal para defender a negativa de Rosón, Castro e Álvarez a reunirse con Sindo Guinarte para ser votado novo voceiro, como se decidira dende a Casa do Pobo. «É incomprensible que se adopte a medida de expulsión provisional cara a tres concelleiras por non acudir a unha convocatoria ilexítima que, como xa quedou patente, era nula de pleno dereito», pois entre outras cuestións, a dita xuntanza non estaba convocado o concelleiro Gonzalo Muíños.
Alén da lexitimidade da convocatoria feita por Guinarte, o regulamento determina que o concelleiro que exerza a portavocía debe contar co apoio da maioría do grupo municipal e, a día de hoxe, tan só a concelleira Marta Abal apoia a Sindo Guinarte.
A análise que o grupo municipal fai da resolución para a expulsión dos catro concelleiros díscolos coa dirección do partido reforza ao seu ver a denuncia pública que fixeron o pasado luns e que se refire a que o obxectivo da dirección local do PSdeG é forzar as súas dimisións para que poida entrar na Corporación local o secretario xeral dos socialistas santiagueses, Aitor Bouza, número 11 na lista electoral. «Son absolutamente reveladores os prazos cos que se están a executar os diferentes movementos dos últimos días, co obxectivo último de laminar ao grupo municipal. Xa se dixo que o plan da dirección local, respaldado pola dirección provincial, obedecía ao obxectivo de forzar dimisións para conseguir que o secretario local do PSdeG-Santiago puidese acceder á Corporación. Os feitos, confírmano», di o comunicado.
Os catro edís á espera da expulsión definitiva recibiron o apoio contundente do exalcalde socialista Xosé Sánchez Bugallo que nas súas redes sociais compartía: «Tremendo o que se está a vivir no PSOE en Compostela. Tremenda a frustración de miles de votantes socialistas. Sempre crin, e sigo a crer, que é leninista e non socialista outorgar o poder ao aparato partidista por enriba da representación elixida polos cidadáns».
O secretario municipal precisa unha resolución definitiva para poder actuar
Poucos minutos antes de coñecerse a decisión da Executiva Federal do PSOE de expulsar do partido os catro concelleiros díscolos en Raxoi, a concelleira de Turismo (Míriam Louzao) aproveitaba a súa comparecencia de prensa para dar conta do informe emitido polo secretario municipal en relación coa «suspensión de militancia» por 18 meses ao voceiro do grupo municipal, o edil Gonzalo Muíños.
Pese a estar referida a esa «suspensión», a información do secretario serve tamén para a nova situación, a da «expulsión provisional» de Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Abal, pois para actuar o funcionario público precisa coñecer unha resolución de expulsión definitiva. «O secretario indica no seu informe», explicaba Míriam Louzao, «que terán a condición de concelleiros non adscritos os que foran expulsados da formación política coa que concorreron ás eleccións».
Ademais, a edil clarificaba que «neste sentido, a información que ten o secretario é unha comunicación do PSdeG sobre a situación, que non inclúe a resolución sancionadora», en referencia á suspensión de Gonzalo Muíños. A titular de Turismo explicou que o pasado martes, un día despois da comunicación do PSdeG, o secretario requirira á dirección do partido copia desa resolución, que no momento da comparecencia de Louzao aínda non se recibira.
Como manteñen os edís aos que o PSOE quere expulsar das súas filas, o «mandato representativo» implica que as actas de concelleiro lles pertencen a Muíños, Rosón, Castro e Álvarez, e non ao partido. Así, mentres estes edís non renuncien ao seu cargo na Corporación local e ata que non chegue a Raxoi a expulsión defintiva do PSdeG, o secretario –atendendo ao regulamento– non poderá ditar que pasen á condición de «non adscritos».
Suscríbete para seguir leyendo
- Demasiado mayor para ascender, pero no para trabajar: una gallega denuncia ante la ONU un caso de edadismo en la función pública
- Una discoteca gallega se cuela entre las mejores del mundo: 'El local insignia de Galicia
- No ganó, pero esta casa de Santiago se ha colado entre las nominadas a mejor obra del año
- La joven de Santiago que inmortaliza recuerdos en resina: 'Hay encargos que empiezas con lágrimas
- El paseo de pasarelas junto al mar más bonito de Galicia está a una hora de Santiago: 'Solo escuchas las olas
- SG Monte do Gozo, la empresa que facilita vacaciones a los ganaderos gallegos: 'En el campo también hay sueldos de médico
- Vuelven a Santiago las quedadas para leer en silencio que arrasaron en 2025
- Sociólogos alertan: «El casco viejo de Santiago corre el riesgo de convertirse en un parque temático»
