Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Lestegás defende en Casa-RIA a reflexión sobre «como utilizamos o territorio»

O edil participou no workshop ‘O Parque de Belvís como estratexia urbana’

O edil de Urbanismo, Iago Lestegás (de pé á dereita), cos participantes na xornada

O edil de Urbanismo, Iago Lestegás (de pé á dereita), cos participantes na xornada / JESÚS PRIETO

A.T.

Santiago

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, participou na mañá deste luns no workshop para estudantes de arquitectura ‘O Parque de Belvís como estratexia urbana’, desenvolvido na Fundación RIA –fundada polo arquitecto David Chipperfield e con sede na Virxe da Cerca–. «Agradezo moito que se organice este espazo de discusión, non o digo como formalidade», explicou Iago Lestegás para especificar que considera «moi necesario, realmente, debater sobre como utilizamos o territorio, que facemos co territorio».

Lestegás apoiou a necesidade da reflexión e o debate sobre a ocupación do territorio no desenvolvemento urbanístico do século XX. «En medio do século XX aquí cambiou a forma de vivir, en moi poucas décadas produciuse unha transformación que noutros países de Europa se produciu durante 100 anos».

Unha vertixe que provocou unha urbanización «acelerada, desordenada, caótica, non foi planificada. A forma de intervir sobre o territorio, sobre todo nos 60, 70 e 80 foi moi desafortunada, e hoxe temos a oportunidade e tamén a obriga, coas ferramentas de que dispoñemos, que non son infinitas, de reverter algún deses grandes danos que se produciron sobre o territorio ».

No encontro, o edil valorou tamén a coincidencia xeracional dos relatores con el mesmo, e fixo referencia ao cambio de expectativas que trasladaba o profesorado antes de 2008, «iamos ter moito traballo», e despois dese ano de crise, «non iamos ter traballo».

Tracking Pixel Contents