Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Crise do PSOE: o grupo municipal mantén as formas malia a tensión

A crise do grupo municipal socialista manifestouse no Pleno mantendo as formas mais cunha evidente tensión entre as dúas faccións, que chegaron ao salón por separado. Entre os edís Sindo Guinarte, voceiro elixido pola Executiva local, e a edil díscola Mila Castro non houbo nin cruce de miradas

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A crise nas filas do grupo municipal socialista mantén expectante os medios de comunicación, que de novo este xoves acudiron ao Pazo de Raxoi na procura de declaracións dalgún dos, até agora, seis concelleiros que integran a bancada do PSOE. Mais sen éxito. Nin por parte dos edís que previsiblemente serán expulsados do partido (Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez) nin dos que permanecerán no PSOE, Sindo Guinarte e Marta Abal, houbo ningún tipo de valoración sobre a situación. A pesar diso, a tensión era clara durante toda a sesión plenaria.

Ao salón de plenos accederon en primeiro lugar Muíños, Rosón, Castro e Álvarez e uns minutos máis tarde facían o mesmo Guinarte e Marta Abal. Esta última cruzou saúdos con Marta Álvarez ao acceder ao seu escano, pero non aconteceu o mesmo con Sindo Guinarte, situado entre Abal e Mila Castro, con quen non só non intercambiou saúdo ningún, se non que nin chegaron a cruzar a mirada durante case cinco horas de Pleno.

Neste, que con toda probabilidade será o último Pleno no que a bancada socialista sexa como a coñecemos até este momento da lexislatura, deuse máis dunha situación curiosa, como o feito de que até o remate da sesión só interviron no pleno os concelleiros díscolos. Foi precisamente na derradeira proposición presentada cando fixo a súa intervención a concelleira Marta Abal. Sindo Guinarte, coma xa aconteceu nos últimos plenos, non tomou a palabra en ningún momento.

As edís Marta Álvarez, Mila Castro e Mercedes Rosón defenderon as súas propostas no Pleno, coma o convenio de voluntariado coa USC, o requerimento de información sobre o estado do Plan Director da Alameda ou instar o Goberno a demandar que a Xunta dea de baixa no REAT (Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas) as VUT da cidade histórica que carecen de título habilitante municipal.

O estado e mantemento das colonias felinas da cidade, proposición presentada polo edil Adrián Villa (PP) foi apoiada e respondida pola concelleira Abal. E pese a aparente sorpresa pola súa intervención no resto da bancada, os concelleiros con expediente de expulsión votaron con Abal e Guinarte a favor da proposición, que foi aprobada polo Pleno.

Coa expulsión no horizonte

O PSdeG compostelán acusa a Rosón, Muíños, Álvarez e Castro de non acatar a disciplina do partido en diversas cuestións, a última, o non recoñecemento de Sindo Guinarte como voceiro municipal unha vez que a Executiva local decidiu suspender de militancia durante 18 meses a Gonzalo Muíños.

O pasado vernes na crise aberta producíase unha nova explosión, a noticia de que o partido remitira a Ferraz o expediente para a expulsión dos catro edís que desobedeceron a disciplina. Rosón, Muíños, Castro e Álvarez tiñan un primeiro período de tres días para alegaren e pediren probas de descargo en relación con este expediente. Prazo que esgotaron, e este mércores Mercedes Rosón declaraba á prensa que tamén esgotarán os 10 días para acudir á Comisión de Ética e Garantías. A edil estimaba entón que non habería noticias da súa expulsión antes do 7 de febreiro. Sexa ese día, ou sexa antes, o que é seguro é que a configuración do salón de plenos de Raxoi mudará. Pois unha vez sexan expulsados, os seis concelleiros non poderán compartir bancada.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents