Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PP denuncia a «atención social deficitaria» do centro de Fontiñas

Afirman que na actualidade conta só cunha traballadora social dous días á semana

O PASS atende no centro sociocultural de Fontiñas.

O PASS atende no centro sociocultural de Fontiñas. / CEDIDA

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

«A principios de xaneiro deste ano, esta concelleira que vos fala recibiu a seguinte mensaxe dun veciño: Non hai traballadora social no centro sociocultural de Fontiñas, os vellos necesitamos axuda». A concelleira do PP Yolanda Otero facía esta comunicación onte en rolda de prensa para denunciar unha «atención social deficitaria» no barrio e recalcar que «esta mensaxe se suma a outras queixas e inquedanzas que nos trasladaron os nosos veciños e veciñas respecto do mesmo punto».

Otero denuncia que persoal do Punto de Atención de Servizos Sociais (PASS) deste barrio foi mermando dende o ano pasado. «Estamos a falar dun recurso cun total de poboación superior ás 19.400 persoas no seu ámbito territorial», explicaba a edil para matizar que presta servizo non só á veciñanza de Fontiñas senón tamén de San Lázaro e do barrio de Sar.

Otero apuntou que segundo a memoria de servizos sociais publicada na web municipal e correspondente a 2023, «até marzo de 2024, o PASS de Fontiñas contaba con dúas traballadoras sociais que prestaban atención de luns a venres. En abril e ata finais de novembro, o servizo pasou a prestarse só por unha persoa e non de forma continuada, e actualmente só hai unha persoa que atende dous días á semana».

A concelleira popular apuntou tamén ter coñecemento de que durante algunhas semanas chegouse «a non contar con atención social». «As diferentes memorias anuais de asistencia dos servizos municipais recollen que os servizos sociais comunitarios son imprescindibles para o desenvolvemento da vida real e das persoas».

Otero reiterou que a proximidade coa veciñanza é básica para «detectar, analizar e intervir nas necesidades sociais» polo que «a atención social non pode ser a mesma se falamos de dúas persoas de luns a venres ou só unha dous días á semana».

A edil Yolanda Otero explicou que o grupo municipal popular valora levar ao vindeiro Pleno a pregunta de «por que non se produciu a cobertura destas dúas prazas de traballo de servizos sociais no PASS de Fontiñas nas mesmas condicións que anteriormente a marzo de 2024?».

A concelleira describiu esta situación como «inconcibible e incomprensible para os propios usuarios que ven mermados os seus dereitos» e esixiulle ao Goberno de Goretti Sanmartín que «adopte as medidas necesarias para reverter a situación actual do PASS de Fontiñas» e que éste conte con dúas traballadoras sociais que ofrezan servizo de luns a venres.

A resposta do Goberno local

Consultado por este xornal, o departamento de Servizos sociais trasladou que «a traballadora social das Fontiñas atópase nunha situación de baixa médica, e tense tramitada a solicitude para a cobertura dese posto».

Mentres isto non acontece, a concellaría afirma que se están a desprazar traballadoras sociais doutros centros e a facer facer horas extraordinarias para cubrir esta falta.

O departamento de Servizos sociais asegura estar a traballar para solventar esta situación «coa máxima premura», nun barrio coa poboación avellentada no que o 21% dos maiores viven sós.

Tracking Pixel Contents