Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Redución da xornada laboral: unha nova variable no contrato de transporte urbano

O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, reitera que o Goberno local segue a traballar na mellora dos pregos para conseguir a aprobación da ONE

Unha parada do transporte urbano de Santiago

Unha parada do transporte urbano de Santiago / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago de Compostela

A aprobación por parte do Consello de Ministros para a redución da xornada laboral a 37,5 horas esta semana achega unha nova variable a ter en conta na elaboración do ansiado novo contrato de transporte urbano de Compostela

Pendente dunha previsiblemente dura negociación no Congreso dos Deputados, a iniciativa afecta ao contrato, segundo explica o edil de Mobilidade, Xan Duro. "Esta aprobación do Consello de Ministros das 37,5 horas de xornada laboral afecta a este tipo de procedementos nos cálculos económicos, pero estamos ben encamiñados".

Referíase así o concelleiro de Compostela Aberta aos traballos que se están a realizar para mellorar os pregos deste contrato de transporte público de cara a conseguir a aprobación da Oficina Nacional de Evaluación (ONE) que xa devolveu os mencionados documentos noutras ocasións sen dar o visto e prace e coa conseguinte demora da licitación do contrato.

A primeiros de ano Xan Duro referiuse a esta cuestión explicando que dende o departamento que dirixe estaban "pechando números", atendendo a diversas sentezas da ONE sobre contratos de buses doutros lugares do Estado.

"Houbo unha serie de sentenzas que marcaron a liña das autorizacións e avaliacións que se fan dende Madrid", polo que os técnicos de Raxoi traballan, dende entón, afinando o documento que se vai enviar a esa oficina e que tamén ten en conta cuestións de sostibilidade como "a electrificación e as etiquetas cero" dos buses.

A comezos de ano o concelleiro afirmaba que se trata de enviar os documentos cos números do estudo económico e do emprego técnico precisados «para non incurrir en erros que xa estean sentenzados á perda».

Con todo, e sen precisar cal é a previsión para enviar os documentos á ONE, que non ten prazo de resposta marcado pola normativa, Xan Duro asegurou que "en canto teña algo máis concreto" facerá a correspondente comunicación.

Santiago permanece á espera de poder contar con máis taxis

O edil de Mobilidade, acompañado da directora xeral de Mobilidade da Xunta, Judith Fontenla, respondeu á prensa sobre en que estado se atopa a solicitude de novas licenzas de taxi para a cidade, xa aprobadas provisionalmente pola Administración autonómica. Xan Duro explicou que se está a traballar na petición definitiva dese número de licenzas e outras cuestións técnicas e aproveitou «para agradecer a comprensión e a colaboración que tivemos da dirección de Mobilidade neste aspecto».

Sobre os prazos para que comecen a operar os novos taxis o concelleiro remitiuse a tempada turística de 2026. «Os prazos son os que son, temos que mandar esa documentación á Xunta e a dirección xeral ten que emitir a resolución definitiva, logo hai que abrir un proceso de licitación e os propios adxudicatarios necesitan tempo para mercar o vehículo, acondicionalo, obter os permisos... Por iso estou falando da tempada turística do 2026".

Tracking Pixel Contents