Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Mostrar a Galicia «fóra de foco»

«Contra a historia en maiúsculas» co obxectivo de amosar o que acontece «fóra de foco», así se define ‘Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia’, a mostra colectiva e multidisciplinar que ata o 25 de maio pode visitarse no Auditorio de Galicia

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Ás 12 deste sábado, a sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia era un rebulir de xente, a razón, unha visita guiada á mostra (inaugurada o pasado día 28) Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia. Unha exposición que toma como excusas o Ano Castelao e a obra Un ollo de vidro do autor rianxeiro para reunir esculturas, pinturas, cartelaría, vídeos e fotografías que saquen á luz esa «outra historia de Galicia», a que está «fóra do foco».

O principal guía desta particular visita á exposición foi Germán Labrador, comisario da mostra, aínda que tamén estivo acompañado por algún dos artistas que integran o catálogo colectivo de Ollos de vidro. Unha nómina que, tamén acorde coa pretensión de dar outra perspectiva da historia e da cultura galegas, reúne artistas, pezas e estilos tan diversos como poden ser o de Camilo Seira, Marcelino de Santiago Kukas, Lúa Gándara ou Nova Escultura Galega.

O comezo do paseo pola sala Isaac Díaz Pardo deixa ben clara a intención desta mostra coa frase: «La calle es mía», pronunciada polo daquela ministro franquista Manuel Fraga Iribarne e, confrontando con ela, unha serie de radiografías, símbolo ao igual que o ollo de vidro do progreso da ciencia e da técnica e metáfora «da promesa de penetrar nos segredos da natureza até tornala transparente». 

Pezas de escultura, fotografía, pintura, vídeo e cartelaría integran ‘Ollos de vidro’.

Pezas de escultura, fotografía, pintura, vídeo e cartelaría integran ‘Ollos de vidro’. / Jesús Prieto

Con esta guía, a exposición busca uns «ollos que nos miren», os dos artistas, e ao tempo que «nos deixen ver» Galicia e a nós mesmos dende outro lugar, doutra perspectiva. Pero tamén dende outros moitos tempos, pois Ollos de vidro constitúe «unha viaxe imprevista por experiencias colectivas na Galicia dos últimos cento cincuenta anos». Un amplo período que na exposición se estrutura a través de cinco episodios: «A construción transatlántica do capitalismo en Galicia dende o século XIX; o legado utópico da experiencia republicana dos anos 30, entendida na súa articulación decisiva co galeguismo; a duración do xenocidio fascista durante e despois da Guerra Civil; a xorda resistencia do mundo dos vencidos e dos traballadores na posguerra; e as rupturas contraculturais dos anos 70 e a emerxencia de novos laboratorios poéticos colectivos».

Desta maneira, na mesma exposición conviven con total harmonía obras de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, coma os carteis para pedir o voto a favor do Estatuto de Autonomía para Galicia, con audivisuais de fusión da danza tradicional galega e o flamenco; fotografías de casas en ruínas, e material gráfico vencellado coa loita antifranquista. Aí, Foucellas, a memoria histórica, fotografías de lugares que naquela altura serviron como campos de concentración en Muros, en Padrón... E unha grande foto dos reloxos do mundo cos que os irmáns García Naveira, indianos, agasallaron ao seu Betanzos natal, e a Galicia, o Parque do Pasatempo, unha enciclopedia ao aire libre que tampouco librou de ser campo de concentración.

Cartelaría relacionada coa loita antifranquista.

Cartelaría relacionada coa loita antifranquista. / Jesús Prieto

Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia apela á memoria pero tamén á actualidade, promovendo «unha reflexión crítica sobre a situación da Galicia actual, ante a grave crise ecolóxica e a partir da duración de estruturas coloniais e extractivas». Unha mostra que imitando o ollo de vidro de Castelao, que unía o mundo dos vivos e o dos mortos, se cingue á máxima de que «toda historia que se pregunte polos mundos que foron borrados precisa dun reconto alternativo das formas que os amosen».

Pode visitarse todos os días, de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas. Os días con espectáculo no Auditorio a mostra pecha ás 19 horas.

Tracking Pixel Contents