Borja Verea esixe o "desmantelamento inmediato do principal supermercado da droga de Santiago"
O líder do Partido Popular de Santiago pregunta a BNG, CA e PSOE se queren realmente acabar co problema de Santa Marta

O líder dos populares galegos reclama unha reacción política, non só á problemática de Santa Marta, senón ao incremento xeral da criminalidade no municipio / Antonio Hernández

O líder do PP de Santiago compareceu este luns en rolda de prensa para denunciar o incremento da criminalidade en Compostela en 2024, cunha cifra que supera os 5.000 delitos (pasando o total de infraccións de 4.769 en 2023 a 5.056 en 2024). "Santiago é a cidade con maior ratio de delitos por cada mil habitantes", denunciou para tamén poñer o foco no problema actual en Santa Marta e preguntar a BNG, Compostela Aberta e PSOE se "queren o desmantelamento total do principal supermercado da droga de Santiago? Cales son as medidas concretas? Non son críticas, son preguntas", asegurou Verea.
O voceiro do Partido Popular en Raxoi, que na súa comparecencia estivo acompañado polo eurodeputado popular Adrián Vázquez, afirmou que dende a súa formación non se queren buscar culpables "pero si unha reacción política", non só á problemática de Santa Marta, senón ao incremento xeral da criminalidade.
Nesta liña, Borja Verea asegurou que "é un clamor nas rúas e nos barrios que a veciñanza sente inseguridade" e en aras dunha Compostela máis segura indicou cinco actuacións que levaría a cabo se fose alcalde.
Os datos do Ministerio do Interior
O voceiro do PP indicou na rolda de prensa que o total de infraccións se situaba nas 5.056 en 2024 e, en 2023, a cifra achegada polo Ministerio de Interior foi de 4.769. En canto á criminalidade convencional (homicidios, pelexas, subtraccións de vehículos, roubos e agresións sexuais) os datos de 2024 elévanse dos 3.981 do ano anterior a 4.205 en 2024, un 5,6% máis. Pero o curioso é que, pese a este incremento, só os furtos, as pelexas e os roubos de coches aumentan, o resto da criminalidade convencional decae.
No caso das subtraccións de vehículos a cifra elévase un 123,5%, pasando de 17 roubos de coches en 2023 a 28 en 2024; os furtos increméntanse un 9,1% e pasan de 1.379 a 1.505. Os delitos por pelexas incrementáronse de 47 a 58.
Sobre tráfico de drogas, de actualidade na cidade pola inseguridade causada polos "trapicheos" no Banco do Pobre, segundo os datos feitos públicos polo Ministerio do Interior hai unha diminución a case a metade de delitos, pasando de 30 en 2023 a 16 en 2024. Tamén se reduciron os delitos contra a liberdade sexual, que pasaron de 61 a 35 e as agresións que implicaron penetración, 13 en 2023 e 10 en 2024.
A mesma redución aprézase nos roubos con violencia, que pasan de 263 a 210 e, no caso dos domicilios, pasan de 110 a 95. Uns datos que dalgún modo si avalan a afirmación do Executivo de Goretti Sanmartín, que unha e outra vez defenden que "Santiago é unha cidade segura".
As liñas de acción de Verea a prol da seguridade
"En 2004 había 175 policías locais en Santiago, en 2025 hai 121, así non se poden facer as rondas necesarias". É por isto que Borja Verea reflexiona á vista da poboación censada e da flotante da capital galega que serían necesarios uns 220 efectivos da Policía Local. Unha cifra para a que o PP, se estivese no poder, crearía "un plan plurianual de contratación", para ese incremento nun cento de efectivos.
A segunda medida é unha reivindicación xa clásica do PP, "activar a gravación das cámaras de videovixiancia e colocar máis, porque asustan ao delincuente e achegan sensación de seguridade á cidadanía".

Verea compareceu xunto ao eurodeputado Adrián Vázquez para presentar o plan de choque do PP de Santiago fronte á criminalidade / cedida
O PP no poder tamén "elevaría o rango da comisaría de Policía Nacional en Santiago". Cuestión que anunciou estes días o ministro Fernando Grande-Marlaska de cara a 2026. O anuncio foi ben recibido polo Goberno local e que o eurodeputado Andrián Vázquez apuntou como mérito do PP. "Estiveron arrastrando os pés ata que menos mal que denunciamos a situación nós en Santiago", afirmou ao tempo que lle suxeriu á alcaldesa Goretti Sanmartín, "que se debe levar ben co ministro", que lle pida ao Goberno central que axude directamente neste asunto.
A cuarta medida que propuxo Borja Verea para incrementar a seguridade na cidade é o redeseño da iluminación pública, mellora que levou ao pasado Pleno municipal. O PP denunciou unha vez máis que "os 40 millóns contrato de iluminación en 2024 deron lugar a un proxecto que non funcionou", e a mala iluminación contribúe á sensación de inseguridade, sobre todo nas mulleres.
A quinta e última medida é a referida ao tráfico e consumo de drogas no barrio de Santa Marta e a conseguinte inseguridade e insalubridade na zona.
A resposta de BNG, CA e PSOE
Sobre Santa Marta pronunciábase minutos antes a voceira do BNG, Míriam Louzao, para asegurar que o Goberno local "non nega ningunha circunstancia" e explicar que durante a fin de semana se tomou a decisión de "mellorar e aumentar a limpeza da zona para eliminar situacións de inseguridade".
As medidas do Concello consisten tamén incrementar a colaboración entre as policías nacional e local e traballar "para paliar esta cuestión" tamén dende a UMAD (Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias) e Servizos sociais.
Compostela Aberta, cuxos edís son responsables de Policía Local e Servizos sociais, recoñece que se ben "é certo que hai un déficit de persoal tanto na Policía Local como na Policía Nacional" tamén aclaran que esta situación "ten a súa orixe fundamentalmente na taxa de reposición que lle debemos a un goberno do PP". Dende CA afirman que se están a cubrir as prazas na Policía local na medida en que o permite a legalidade e lémbranlle aos populares que "a competencia en relación ás operacións antidroga é da Policía Nacional", dando por feito que o PP "non pón en dúbida a actuación dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado".
Dende a bancada socialista en Raxoi non tardaron en dar resposta á pregunta de Borja Verea sobre se "queren o desmantelamento inmediato do principal supermercado da droga de Santiago". O aínda voceiro do grupo municipal en Raxoi, Gonzalo Muíños, asegurou que "aínda que Santiago é unha cidade segura, temos que coidar que así siga sendo, antes de que a inseguridade sexa un problema real. E, o que todos queremos, evidentemente, é o desmantelemento total dese centro de tráfico de drogas".
Muíños tamén fixo referencia a que elevar o nivel da comisaría a tipo A, "cun incremento de efectivos en torno a 70 ou 80" profesionais máis "e dispoñendo de servizos especiais dos que agora carecemos" se poderá "coordinar unha resposta conxunta ao problema específico de Santa Marta e tamén traballar no reforzo policial para toda a cidade".
- Compostela perde un dos seus activistas culturais: morre aos 52 anos Gonzalo Suárez Castro, da Unitaria
- Muere a los 85 años de edad Hipólito Rodríguez Visos, fundador de la emblemática empresa Mármoles del Río
- Suspendido el mayor festival de música urbana de Santiago
- Las fiestas de a Nosa Señora da Mercé de Conxo vuelven con música, pulpo y un emotivo homenaje a Kiko Fernández
- Christian Gálvez vuelve a Galicia: «Elegí Jacob para el ‘prota’ del libro que abre la saga como homenaje a Santiago»
- El pub de Santiago donde la gente se reúne para hablar de la muerte: 'Aquí nadie te juzga ni te mira raro
- El negocio de Santiago con 136 años que se adelantó a la venta online: 'El Internet de antes eran los buses
- De rodarse muy cerca de Santiago al ‘prime time’ de Antena 3: así es la serie que revive hoy en TV la Galicia del siglo XX

