Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As obras do Pombal encaran a última recta: "Seguimos en prazo, vai moi ben"

A previsión, sempre e cando non chova, é comezar a formigonar o último tramo o próximo luns

Os traballos para formigonear O Pombal comezarán este próximo luns

Os traballos para formigonear O Pombal comezarán este próximo luns / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

"Estase preparando a plataforma para formigonar", explicaba en relación coa reurbanización da rúa do Pombal o concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, durante a presentación do remate da rehabilitación do lavadoiro octogonal de Picaños. Segundo o edil, e sempre contando con que a meteoroloxía xogue a favor, é dicir, que non chova, a previsión é comezar o formigonado o vindeiro luns 17 de febreiro. Despois diso, serán necesarias tres ou catro semanas para que o pavimento fragüe.

"Seguimos en prazo, vai moi ben a obra", compracíase en comunicar Domínguez, "estanse poñendo xa as luminarias, as acometidas están rematadas, rematouse a beirarrúa e estaban preparando a plataforma para formigonar", engadiu.

Respecto das obras previstas nas rúas García Lorca e Puente la Reina, o concelleiro apuntou que ambas as dúas están en contratación, "cos trámites normais de contratación e en cuestión de semanas ou meses, deberíamos ter a tramitación avanzada para poder convocar as mesas", aclarou. 

As obras de García Lorca, cun orzamento de 1.198.900 euros e un prazo de execución de 16 meses, demoraron a súa licitación en 2023 debido a que se adxudicou a obra pero non a dirección facultativa da mesma, e cando se fixo, a empresa declinou seguir adiante porque os prezos estaban desfasados. O concurso volveuse lanzar e pese a este erro dende o Goberno local recoñeceron ser "conscientes da relevancia e do esperado desta obra". 

No relativo á reurbanización de Puente la Reina, que conflúe con Quiroga Palacios, do arranxo da vía comezou a falarse en 2017. Naquel verán tomárase a decisión de empezar a reforma por Batalla Clavijo, obra que se executou en 2019, e as actuacións en Puente la Reina pospuxéronse para unha segunda fase. A rehabilitación que agora se vai acometer ten un valor de case medio millón de euros (493.000 euros, IVE incluído). 

Recreación virtual de cómo quedará la calle Puente la Reina de Santiago

Recreación virtual de cómo quedará la calle Puente la Reina de Santiago / Cedida

Mallou aínda ten que agardar

Menos avanzados están os trámites para poder acometer as actuacións necesarias na rúa Mallou. "Estamos coas cesións das parcelas, das partes privadas nas que temos que actuar", contou Domínguez, para aclarar que están localizados "a maioría dos propietarios". Segundo as explicacións do concelleiro, neste caso demorou esta tarefa de negociación da cesión de parcelas cun dos propietarios, "unha entidade financeira, pero por fin a temos localizada" e agora toca lograr un resultado positivo nesta negociación, "hai alguna reticencia que esperemos pulir e comenzar coa licitación".

Gasolineira de Brandía

Preguntado polas xornalistas, o concelleiro de Obras fixo tamén referencia á gasolineira de Brandía, en resposta á preocupación veciñal polo abandono da mesma e ao posible perigo se os depósitos teñen combustible. " No Concello recibimos as queixas dos veciños e demos traslado das mesmas á Consellería de Industria, que é quen ten as competencias na materia á hora de reclamar, se é o caso, o baleirado deses depósitos", explicou Xesús Domínguez. 

Tracking Pixel Contents