Santiago
Acordo para financiar un novo tramo da Vía Verde do Tambre ao seu paso por Santiago
A Deputación da Coruña e o Concello asinaron o convenio para destinar 289.216,39 euros a un percorrido de 3,1 quilómetros

Formoso e Sanmartín, durante a sinatura do convenio para o tramo da Vía Verde do Tambre ao seu paso por Santiago / Cedida

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron este luns na sede da institución provincial o convenio para financiar o tramo 2.1 da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle. Para este fin, a entidade provincial aportará 289.216,39 euros con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) da Vía Verde, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos Next Generation EU.
O treito 2.1 da Vía Verde, que discorre ao completo polo termo municipal de Santiago, conta cunha lonxitude a acondicionar de 3.170 metros, dende o punto quilométrico 7+010, no acceso á aldea de Ramelle, ao 10+180, na ponte sobre o río Tambre. Neste tramo contémplanse as obras necesarias para o uso do trazado por cicloturistas e camiñantes, con actuacións sobre o firme e a drenaxe, ou a construción de muros, varandas e outros elementos de seguridade.
Primeiro paso para completar a vía
Este proxecto é a primeira das dúas subfases necesarias para completar o tramo II da Vía Verde, a parte que resta para completar dita infraestrutura. As obras no primeiro tramo en Compostela, que van dende a estación da Sionlla ata o punto quilométrico 2+200, arrincaron a finais de setembro de 2024, iniciando a conexión da cidade de Santiago coa ruta, e avanzan a bo ritmo.
En total, o conxunto das actuacións nos tramos I e II suporán un investimento de máis de 1,8 millóns de euros e permitirán sumar 10 quilómetros máis aos 26 que xa compoñen a Vía Verde, a maior de Galicia, atravesando os concellos de Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda.
Formoso indicou que con este convenio "damos un paso máis para conectar a cidade de Santiago coa maior Verde de Galicia e completar os 36 quilómetros dun itinerario que non só recupera a historia e patrimonio ferroviario da comarca, senón que xa é unha referencia no ámbito da mobilidade sostible e un lugar para o lecer e a práctica do deporte en plena natureza para miles de usuarios".
Festival Rosalía
Sanmartín e Formoso asinaron tamén, xunto coa deputada de Cultura, Natividade González, o convenio de colaboración para o Festival Rosalía, que se celebra do 21 ao 23 de febreiro en Santiago, e que financia a institución provincial con 58.226 euros.
Baixo o lema 'Sen pombas nin flores', inspirado nun verso rosaliano tirado de Follas Novas, desenvolverase un amplo programa que inclúe visitas guiadas á casa da autora en Padrón, recitais, animación de rúa, concertos e teatro nas rúas de Compostela.
O Festival Rosalía inclúe este ano presentacións como Somos Pandereteiras, proxecto promovido por Mercedes Peón, ou espectáculos poético-musicais como A Primavera vai chegar, de Faia Díaz, Paula Romero e Inés Salvado.
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Nueva huelga de buses en Santiago sin los servicios mínimos al completo: 'Llego una hora tarde a trabajar
- Estos son los servicios mínimos de los buses de Santiago a partir de este miércoles ante la huelga indefinida
- Una tienda de Santiago cierra 'hasta que escampe': 'No quiero coger una depresión
- Evacuada la Comisaría de Santiago por un incendio
- Un incendio en el centro comercial As Cancelas, en Santiago, obliga a desalojar el edificio: 'Se escucharon explosiones en la cubierta
- Aplazada la huelga indefinida de autobuses en Santiago, aunque sigue sin haber acuerdo


