CRISIS EN EL PARTIDO SOCIALISTA COMPOSTELANO
Os edís expulsados dan a batalla co PSdeG e non descartan recorrer á vía xudicial
Denuncian que o proceso foi consecuencia de non aceptar «as ofertas para comprar a nosa vontade» e convidan a aqueles que «falan de indisciplina» a que soliciten os expedientes

Javier Rosende Novo

Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez mantéñense firmes no seu posicionamento dende que a dirección local do PSdeG lles abriu expediente a finais de xaneiro por non respectaren a disciplina do partido. Non só van recorrer a súa expulsión ante a Comisión Federal de Ética e Garantías do PSOE e non descartan levar a resolución pola vía xudicial senón que desementen que o cese da súa militancia se deba a «reiteradas faltas de disciplina» e aseguran que o expediente se abriu «por non asistir a unha reunión nula de pleno dereito».

Marta Álvarez, Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños e Mila Castro á súa chegada a Raxoi. / Jesús Prieto
A que así falaba era a edil Mila Castro en relación coa convocatoria realizada por Sindo Guinarte 72 horas despois de que a dirección local decidise que debera ser el o voceiro do grupo municipal, ante a suspensión de militancia do portavoz actual, Gonzalo Muíños. Castro convidou a aqueles membros do partido «que falan de indisciplina» a que «soliciten os expedientes» e puntualizou que o recurso de Gonzalo Muíños á súa suspensión achegaba «máis de 60 probas documentais».
Castro foi rotunda ao afirmar «temos que repetir ata a saciedade que non houbo ningunha indisciplina e por máis que se repita unha mentira non se transforma en verdade» e tamén ao puntualizar que a orixe desta crise, que se fiou á desobediencia de non absterse e votar a favor da ordenanza das VUT, se resolveu «cun simple apercibimento, e dúas das persoas afectadas eran Sindo Guinarte e Marta Abal». Cuestión esta última coa que quixo deixar clara «a dobre vara de medir» no PSdeG.

El Correo Gallego
Denuncia de «brutalismo»
A concelleira Mercedes Rosón manifestou os apoios da veciñanza e doutros membros do partido que están a recibir e asegurou que «a percepción da militancia e dos veciños» ante a situación que atravesan Muíños, Castro, Álvarez e a propia Rosón é de «inquedanza ante a desproporción deste trato inédito». A edil insistiu en que a súa expulsión «non responde a un conflito de intereses persoais, só a mover os cimentos do resultado electoral para que entrasen outros» na Corporación local.
Unha afirmación que tamén fixeron os outros tres concelleiros. Gonzalo Muíños fixo referencia explícita ás «ofertas para comprar a nosa vontade» e indicou que do que se trataba era de conseguir as súas dimisións «para que entrase na corporación Aitor Bouza», secretario xeral dos socialistas composteláns.
Sempre fieis ao seu argumento de que deben «respectar o mandato representativo», aseguran agora que as presións para que deixasen as súas actas comezaron «ao día seguinte de perdermos as eleccións», en 2023. Mila Castro asegurou que «tentaron usurparnos as nosas competencias e retirarnos do debate público» dende ese momento, polo que «isto da expulsión xa estaba decidido». Decisión a priori pola que a edil volveu apelar «aos máximos organismos do PSOE», coma xa fixera en xaneiro buscando a complicidade de Besteiro –cuxa carreira política estivo interrompida sete anos–. Un mes despois, os catro concelleiros expulsados non teñen dúbidas á hora de afirmar que o secretario xeral dos socialistas galegos os «decepcionou».
«Que o señor Fernández fale das reunións que houbo e que conte as veces que pediu a miña dimisión»
Desmenten as palabras de Bernardo Fernández
A concelleira Marta Álvarez, como xa contara en xaneiro, lembrou que a ela se lle pediu a dimisión e desmentiu as palabras do secretario provincial do PSdeG, Bernardo Fernández. «Dixo que Gonzalo Muíños ofrecera dimisións, iso é falso, Gonzalo non ofreceu a miña dimisión, esixíronlla». Álvarez, asegurou que dende a dirección do partido se utilizou a relación persoal entre ela e Muíños para presionar o voceiro. «Que o señor Fernández fale das reunións que houbo e que conte as veces que pediu a miña dimisión», reclamou.
Álvarez pediu «respecto como compañeiros» e advertiu que «non imos permitir que sigan contando mentiras sobre nós» para insistir unha vez máis en que «somos socialistas». Como tamén o son os dous dos seis edís sen expediente, Sindo Guinarte e Marta Abal, sobre os se falou na rolda, entre outras cousas, arredor da votación dos orzamentos no vindeiro pleno. Neste punto, Muíños defendeu que hai un acordo asinado e Rosón deixou no aire que «outra cousa é o que fagan Guinarte e Abal, nós respondemos por nós».
O futuro, nas mans do secretario municipal
A alcadesa de Santiago, Goretti Sanmartín, pronunciouse tamén este mércores sobre a situación do grupo municipal socialista unha vez coñecida a expulsión dos edís Gonzalo Muíños, Marta Álvarez, Mila Castro e Mercedes Rosón.
En relación coa situación que se pode dar no pleno do día 27 e preguntada por se pode estar en risco a aprobación dos orzamentos para 2025 –se os ata agora seis edís socialistas non votan todos a favor– Sanmartín afirma: «Non contemplo a posibilidade de que saia mal, existe unha negociación onde participaron as seis persoas que conforman hoxe o grupo municipal socialista, chegouse un acordo, asinado, que entendo que é firme». «Estou convencida de que vai haber responsabilidade e altura de miras».
Sanmartín, que no momento da súa comparecencia aínda non tiña coñecemento oficial da expulsión dos edís do PSdeG explicaba que non quería adiantar acontecementos e que «no momento en que esa comunicación estea será o secretario municipal quen diga cales son as directrices do que hai que facer».
Suscríbete para seguir leyendo
- Así será el nuevo barrio del norte de Santiago: 6.000 vecinos y bloques de hasta 13 plantas
- El electricista que ilumina Santiago: «Calquera rúa do casco vello con luces de Nadal é máis bonita que unha de Vigo»
- El dieciocho: el nuevo espacio gastronómico de Área Central que ostentará la pizzería más premiada de Galicia
- Accidente en Santiago: los bomberos trabajan para liberar a posibles víctimas atrapadas en un coche volcado
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- Luto en Santiago por la muerte de Teté Otero Davila, referente del patinaje artístico en la ciudad
- Así afectará al transporte urbano de Santiago la huelga de autobuses convocada para este viernes
- El pueblo gallego que se transforma y brilla con luz propia en Navidad: a poco más de una hora de Santiago
