Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A marcha pola defensa da lingua galega tomará as rúas de Compostela este 23F

A manifestación partirá da alameda compostelá este domingo ás 12.00 horas ao berro de "Lingua vital xa"

Dende Queremos Galego recordan que máis de 28 localidades galegas ofrecen bus para facilitar o desprazamento ata Santiago

A marcha pola defensa da lingua galega tomará as rúas de Compostela este 23F

A marcha pola defensa da lingua galega tomará as rúas de Compostela este 23F / CEDIDA

Baixo o lema de "Lingua vital xa", dende a plataforma Queremos Galego chaman a participar na marcha que percorrerá as rúas de Compostela este domingo, 23 de febreiro, pola defensa da lingua galega.

A manifestación "unitaria" partirá ás 12.00 horas da Alameda, seguindo polas rúas da Senra, Praza de Galicia,  Porta da Mámoa, Praza do Toural, rúa do Vilar, Praza das Praterías e Rúa de Fonseca, ata concluír no Obradoiro, onde se lerá o manifesto.

Segundo explicou Celia Armas, coordinadora da plataforma Queremos Galego, o artista Mondrá será o encargado de poñer o ramo da marcha na Praza do Obradoiro, nun acto conducido por Xurxo Souto e no que tamén intervirá o portavoz da plataforma e o presidente da Mesa, Marcos Maceira.

Armas pediu que a xente acuda con pandeiretas e percusión galega, para celebrar tamén a música tradicional. Un acto que contará coas actuacións de Carapaus e da asociación de gaiteiros e gaiteiras galegas interpretarán a Alborada para Rosalía.

Servizo de autobuses

Ás máis de vinte entidades de Queremos Galego, uniránse a marcha delegacións de Cataluña, do País Vasco e unha representación da Rede Europea pola Linguas, ONG con carácter consultivo da ONU e do Consello de Europa, con moita preocupación pola situación do galego como caso único no Estado español de lingua atacada polo seu propio goberno.

A coordinadora da plataforma recordou, ademais, que máis de 28 localidades ofrecen bus para facilitar o desprazamento a Compostela e animou as persoas interesadas a consultar a páxina web de Queremos Galego, para ver se nas súas localidades hai sitio aínda.

"A marcha deste domingo é froito do traballo desenvolvido en 24 plenarios comarcais que se celebraron ao longo do país", recordou, "e estes plenarios manterán a súa actividade". "Galiza está viva porque a súa lingua é vital. Todos á rúa o próximo 23 de febreiro!", finalizou.

Pola súa banda, Marcos Maceira salientou que a manifestación do 23F é "unha proposta clara de unidade arredor da lingua", recordando ademais que a marcha ten lugar "días despois de desenmascarar o pacto polo enterro do galego que a Xunta pretendía levar a cabo".

"Reclamamos un proceso transparente, plural, participado e con vontade de aplicación e encontrámonos cunha convocatoria dunhas supostas comisións escollidas unilateralmente", denuncia o voceiro da plataforma de defensa da lingua, "con toda opacidade e vetando a participación de calquera das entidades dos diferentes sectores implicados no PXNLG".

"Como pensan falar do ensino vetando ANPAS, Sindicatos, movementos de renovación pedagóxica e estudantes?", lamenta Maceira. "Como pensan falar de actividades económicas vetando sindicatos e organizacións de consumidores?", engade, "ou de cultura, vetando a participación o sector do audiovisual, ou a asociación de escritores e escritoras?". "Da administración sen o persoal técnico de normalización?", remata.

"A única explicación é o compromiso inequívoco destas entidades que hoxe nos acompañan coa lingua galega", en referencia ás máis de 20 entidades de todos os sectores que participaron na rolda de prensa e apoian a manifestación deste domingo.

Tracking Pixel Contents