Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Verea na Romería Popular de Santiago: «Temos que gañar por goleada aos tres xuntos»

Recoñecemento a David Pillado na II edición deste encontro dos populares compostelanos onde o líder defende o reto de ser alcalde

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

«Temos por diante un reto fantástico, moi difícil pero non imposible, é posible. Gañamos por goleada ao BNG, gañamos por goleada ao PSOE e gañamos por goleada a Compostela Aberta», reivindicaba o líder do PP de Santiago na II Romería Popular que celebrou este sábado no Castiñeiriño. Pero Borja Verea díxolles tamén ás 200 persoas congregadas alí para homenaxear a David Pillado –exsecretario xeral do PP santiagués– que «hai que ser sinceros, queremos gobernar, quero ser alcalde de Santiago, e para iso non nos serve só con gañarlles a cada un deles, o obxectivo é gañarlles por goleada aos tres xuntos nunha victoria histórica e incontestable».

O voceiro do PP en Raxoi fixo referencia á «alianza que vai camiño de 12 anos» entre as forzas progresistas da cidade, «un pacto contra nós que hoxe está á vista de todo o mundo que é un pacto contra a cidade de Santiago», defendeu sen aludir explícitamente á crise nas filas socialistas que deixa colgada dun fío a aprobación dos orzamentos para 2025.

Verea fixo un chamamento á «maioría dos composteláns que soña con ese Santiago universal, aberto e moderno» que defende a súa candidatura e apelou «á unidade» e a «seguir abrindo as portas a todos os que cren neste futuro imparable da nosa cidade».

II Romería Popular no Castiñeiriño para homenaxear ao histórico dirixente local David Pillado

El presidente de la Xunta acudió a la II Romería Popular de Santiago / Jesús Prieto

Un futuro, ligado ao triunfo do PP nas eleccións de 2027 ao que tamén aludiron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral do partido en Galicia, Paula Prado. «Tedes un reto dentro de dous anos, o PP de Santiago ten que conseguir facer a Borja Verea alcalde desta cidade con esa maioría absoluta que estou segura que teremos, coa combinación que temos no PP de non prescindir da xente con experiencia nin dos rapaces novos».

O presidente Rueda, lamentou que se gañasen as eleccións en Compostela e non se puidese gobernar «porque fixeron todo o posible os que están agora pelexando, uns dando o espectáculo e outros internamente». E felicitou o PP local porque «neste Santiago que se está volvendo un pouco tolo e onde os que perderon as eleccións se levan cada día peor e son noticia a nivel nacional, neste ambiente de tolería, conservar un pouco o sentidiño non está mal».

II Romería Popular no Castiñeiriño para homenaxear ao histórico dirixente local David Pillado

O PP de Santiago reuniu unhas duascentas persoas na súa II Romería Popular / Jesús Prieto

Exemplo de militancia

Os líderes do PP tiveron palabras de agarimo para o homenaxeado, David Pillado, secretario xeral do PP local durante 20 anos. Borja Verea glosou a súa historia dende a fundación de Alianza Popular en Barkaldo, onde estivo emigrado e de onde marchou por mor das ameazas de ETA, até o seu traballo no PP local. «En 20 anos de secretario xeral do partido en Santiago nunca fora na lista electoral, e nas eleccións de 2023 tivemos a inmensa sorte de que quixera pechar a lista e acompañarnos».

Alfonso Rueda lembrou as súas discusións construtivas con Pillado e agradeceulle que «demostra que estes que van ao curto prazo neste asunto da política non teñen nada que facer, que hai que ter vocación». E Paula Prado, que se afiliou durante o secretariado de Pillado recoñeceulle que «traballando polo partido, traballamos pola cidade».

Tracking Pixel Contents