Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Xosé Manuel Budiño Músico e compositor

«Sinto un amor incondicional pola música, é a base de todo»

Xosé Manuel Budiño dá un concerto especial este xoves 27 de febreiro en Santiago (Capitol) coa súa banda e a cómplice presenza engadida de De Vacas, Guadi Galego e Julián Hernández

Xosé Manuel Budiño durante o seu concerto na Coruña en agosto

Xosé Manuel Budiño durante o seu concerto na Coruña en agosto / Germán Barreiros / Roller Agencia

Xabier Sanmartín

Xabier Sanmartín

Santiago

Xosé Manuel Budiño alonga a xira de Branca Vela, un disco publicado en 2024, o oitavo deste músico e compositor. Nacido en Moaña en 1969, é un grande da escena folk de Galicia. Tras actuar en vintetantos países, vai camiño dos 30 anos dunha carreira en solitario que nunca o foi porque entende a música de forma coral, por iso adoita citar a banda que comparte con el o seu millón de horas de ensaio: Fran Barcia (percusión tradicional, voz e acordeón), Andrés Boutureira (guitarra, teclados, percusión tradicional e voz), Inés Salvado (percusión tradicional e voz) e Tania Caamaño (percusión tradicional e voz), máis o equipo técnico: Iago Blanco (son), Marcos Cives (monitores), Jose Faro (iluminación) e Elena Salgado (mánager). Este xoves 27 de febreiro, Budiño e a súa banda tocan na Sala Capitol de Compostela co engadido estelar de De Vacas, Guadi Galego e Julián Hernández (21 .00 horas, 17 euros).

Se ben, como di Sabina, poden sobrar motivos para reunir amizades e cantar, por que facer este concerto en Santiago con convidados e convidadas en escena?

Por unha parte, tanto Guadi (Galego) como De Vacas participaron no disco e non tivemos a ocasión aínda de convidalas nun concerto e pensamos, onde podemos facelo? E non hai mellor sitio que Compostela. E por outra parte, no caso de Julián (Hernández) decatámonos de que facía 25 anos que gravamos Miña terra galega para o disco en directo que Siniestro Total gravou en Vigo, no Parque de Castrelos, con todo ateigado de xente, data na que eles convidáronme nesa ocasión para gravar con eles ese tema e agora saltounos como a alarma dese aniversario, falei con Julián e, nada, dixo que estaba encantado e aínda que Siniestro xa non están tocando, despois de facer hai dous anos en Madrid, no WiZink Center, o seu último concerto, sumouse á festa que queremos facer o xoves 27.

Dos convivados dese próximo xoves, Julián Hernández é o máis afastado a nivel estilístico...

Pois, non sei... Eu vexo aos músicos como creadores e, entón, Julián é un dos grandes creadores galegos de tódolos tempos, creou unha escola con ese punk rock dos anos 80 cunha formación como Siniestro Total, tan recoñecible e tan recoñecida a nivel mundial, facendo xiras por Latinoamérica. Julián ten un peso moi importante na música que se ten feito en Galicia e este Miña terra galega é como un himno que está no ADN de tódolos galegos e galegas, e parécenos moi chulo facer xuntos esta canción na Capitol . Julián xa estivo ensaiando con nós, cunha banda que é moi nova e para eles foi moi bonito traballar con el no ensaio e estar conversando, e tanto con Guadi como con De Vacas temos ensaios programados...

É un espectáculo con videocreación en directo, programación da iluminación e de voces gravadas en 1912, xa que recuperamos dos arquivos sonoros algunhas das primeiras gravacións sonoras que hai en Galicia para que estean con nós, gravacións de coros como Aires da Terra ou Ruada, das que sempre estiven pendente para coñecer os sons deses primeiros pasos das gravacións da música cantada en galego, e facémolo sempre desde unha visión da creación, como alimento para comezar unha canción nova...E temos moitas ganas de presentar este novo espectáculo e de saír de xira, xa que penso que vai traer moitas cousas bonitas.

Falando do pasado, no repertorio deste espectáculo recupera temas de Paralaia, o seu primeiro disco, lanzado en 1997, por que?

Levamos case dez anos sen facelo nos directos e, dalgún xeito, agora vin que tiña cabida neste espectáculo a idea de recuperar algunhas cancións que a xente nos pide nos concertos para traer eses temas á visión musical que teño hoxe e adaptar esas melodías a esta nova formación e novo concepto máis electrónico, e onde as percusións tradicionais e as voces teñen un protagonismo importante.

Nun vídeo recente dun ensaio coa banda, fan unha versión de La de la mochila azul, canción de Pedro Fernández ‧con aire de rancheira que foi todo un hit en 1978, a que se debe?

Únenos un sentimento especial con México, estivemos tocando alí varias veces, en festivais, tanto en auditorios como en parques e ata fixemos un gran concerto na Praza do Zócalo, ante máis de 50.000 persoas, en Cidade de México, algo que foi espectacular, e teño moi bos recordos do país e da súa xente. E no disco Fulgor, fixen un tema chamado Frida, onde falo deses viaxes e La de la mochila azul é un clásico que facemos cando nos queremos divertir e é parte do noso repertorio pero do da porta de atrás do escenario, digamos.

Que balance fai de 2024?

Moi positivo. Estivemos tocando basicamente en Galicia, aínda que tamén en Portugal, e foi un verán moi chulo. Fixemos moitos concertos, rodamos ben a banda que hoxe temos, e é moi importante rodar as formacións para que realmente acaben soando, e foi un ano moi intenso para ver que podemos facer novo para este 2025, onde imos saír cun novo espectáculo, cun novo estilismo, nova videocreación, nova iluminación, e hai un equipo moi importante traballando co cal estou encantado.

Coida a estética dos concertos por enriba do que se fai na escena musical de Galicia, a que se debe ese mimo?

A base de todo está no amor pola profesión. Levo na música case desde que teño uso de razón, cando con 14 anos xa estaba enriba dos escenarios e con 18 decidín facer disto a miña profesión, estudando todo o que podía... Xamais traballei en ningunha outra cousa e sinto un amor incondicional pola música e pola profesión e iso fai que penses que subir a un escenario non só é saber tocar un instrumento, senón tamén comunicar emocións e estar moi pendente de todo o que está a pasar arredor de ti para crear sensacións novas, sorprender en cada concerto... Que vou dicir que non dixera xa David Bowie, de quen son admirador! As grandes estrelas como Bowie anímante a ver que isto non só é música. A música, desde logo, é a parte máis importante pero, por que non coidar tamén esa parte estética tan importante que fai que esteas máis a gusto cando saes ao escenario? Por iso decidimos desde hai moito tempo poñer tamén as forzas nese camiño.  

Tracking Pixel Contents