Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A municipalización do parking da Praza de Galicia, un pasiño máis cerca

A xunta de goberno local aproba a proposta de creación da comisión de estudo da xestión directa do aparcadoiro

A municipalización do parking da Praza de Galicia, un pasiño máis cerca

A municipalización do parking da Praza de Galicia, un pasiño máis cerca / ECG

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Na mañá deste luns e pola vía de urxencia a xunta de goberno local aprobou a proposta de creación da comisión de estudo sobre a conveniencia e a viabilidade da municipalización do aparcamento da praza de Galicia, cuxos 50 anos de concesión finalizan o vindeiro 3 de xullo. 

A comunicación fíxoa na rolda de prensa para dar conta dos acordos adoptados a voceira do BNG en Raxoi, Míriam Louzao, que explicou que "segundo a Lei da Administración local de Galicia, requírese un expediente previo que xustifique a conveniencia e oportunidade da iniciativa pública e para iso precisa ser dun acordo inicial da Corporación tras a designación dunha comisión de estudo" formada por membros dos grupos políticos e persoal técnico.

Na procura do modelo de xestión directa

Trátase así de redactar unha memoria na que se determine cal será a forma de xestión que "terá que ser tomada en consideración por parte do pleno, exposta ao público e aprobada de novo e de forma definitiva polo pleno". Está comisión estará presidida pola alcaldesa e instegrada polos membros que designen os grupos da Corporación e terán voz, pero non voto, o secretario do pleno, o interventor, o xerente de Tussa e o director de servizos básicos do Concello.

Dende a Concellería de Mobilidade xa se solicitou á empresa concesionaria da xestión do aparcamento "numerosa documentación de cara á elaboración da memoria que se vai ter que preparar para avanzar na decisión sobre o modelo de xestión". Documentación relativa a cuestións de persoal, á situación das instalacións do parking e para a comprobación do seu estado de funcionamento do aparcadoiro.

Sobre esta solicitude de informes á concesionaria pronunciouse tamén, nunha comparecencia posterior, o edil de Mobilidade, Xan Duro, que aclarou que é o "habitual cando finaliza unha concesión que a empresa" comunique o estado do servizo ou das instalacións. Duro amosouse tranquilo de cara a conseguir unha resolución desta comisión antes do 3 de xullo, data de vencemento da concesión, e asegurou a primeira convocatoria da mesma se producirá "moi pronto".

Duro defendeu unha vez máis que a municipalización do aparcadoiro da praza de Galicia permitirá "tomar decisións máis áxiles" e segundo considera a comisión que agora se vai crear podería ofrecer posibilidades aos usuarios "como descontos para o comercio da zona ou facilidades para os residentes da cidade histórica". O que se avance agora de cara á municipalización deste parking servirá tamén para o da praza de Vigo, cuxa concesión se extingue o 13 de outubro de 2026.

Tracking Pixel Contents