Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

DESFILE DE CARNAVAL

Compostela entrégase ao Entroido: dez carrozas e vintedúas comparsas enchen de festa e cor as rúas da cidade

Algo máis de 24 horas antes de queimar o Meco ‘enredador’, Santiago deuno todo no Martes de Entroido: carrozas, comparsas e concursantes individuais e grupais disfrazados de arlequíns, de viaxeiros do espazo, de coches de choque... percorerron a cidade ao ritmo das máis variadas músicas

Carnaval 2025: Compostela se llena de música y color

Javier Rosende Novo

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Dende a sobremesa deste Martes de Carnaval as rúas da cidade eran un ir e vir de xente disfrazada. Compostela entregouse por completo ao Entroido e a primeira parada do roteiro entroideiro foi a avenida de Ferrol. Alí congregáronse carrozas –10– e comparsas –22– e dende ese punto comezaron a percorrer as rúas da capital. Desfilaron por Frei Rosendo Salvado, pola praza Roxa, pola rúa da República do Salvador, polo Hórreo, pola rúa da Senra e pola avenida de Xoán Carlos I.

Pero mentres acababan de compoñer carrozas e disfraces na avenida de Ferrol as rúas do percorrido do desfile xa estaban ateigadas de xente á espera. Agardando o pase de comparsas tan coñecidas coma Los Infieles ou A Ruliña de Laraño, tan sonoras coma os Solfamidas ou tan singulares coma os Paparrulos ou a Asociación Cultural Mar de Fondo.

Frei Rosendo Salvado, Hórreo, Senra ou República do Salvador eran rúas coas beirarrúas repletas de spidermans e batmans, dragóns e dinousaurios, fadas e sereas, piratas e monxas desexosos de que comezasen a desfilar polo lugar no que estaban apostados os coches de choque, o Sar Prix, os exipcios, os asiáticos, o Galeón Mili, a astronave ‘Galaico’, as xirafas ou os vehículos atrezzados como motos de Correos.

Vintedúas comparsas e dez carrozas: Santiago celebra o día grande do seu Entroido

Vintedúas comparsas e dez carrozas: Santiago celebra o día grande do seu Entroido / Jesús Prieto / Antonio Hernández

Ambiente de festa e ambiente familiar, de feito ata The Simpsons se pasearon este Entroido por Santiago. E tamén ambiente de tráfico, pois nas horas do desfile os desvíos da circulación fixeron do centro da cidade un rebulir de vehículos, sen incidencias, e non só un rebulir de ‘choqueiros’ de todas as idades.

O desfile partiu ás 17.30 horas da avenida de Ferrol até a Xoán Carlos I e dende aí encamiñouse cara á rúa Concepción Arenal, á Sala Capitol, onde ás 20 horas se gozou da actuación da Charanga Ardores. Espectáculo previo á entrega de premios para os mellores disfraces de 2025, as mellores carrozas e as mellores comparsas.

Vintedúas comparsas e dez carrozas: Santiago celebra o día grande do seu Entroido

Vintedúas comparsas e dez carrozas: Santiago celebra o día grande do seu Entroido / Jesús Prieto / Antonio Hernández

Obxectivo: participación

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, e o edil de Centros socioculturais, Xan Duro, foron parte do equipo de goberno que explicitou a intencionalidade do programa desta celebración: a participación e a socialización. Sen dúbida Compostela, un ano máis, respondeu ao chamado, pero tamén os concelleiros predicaron co exemplo e, particularmente, a alcaldesa Goretti Sanmartín.

Pouca dúbida hai do gusto da alcaldesa polo disfraz e polo Entroido, pero tampouco está en cuestión esa paixón dentro do equipo de goberno do BNG. Se o ano pasado chanceaban coa crítica de Borja Verea e do PP local en relación ao «sultanato» de Sanmartín polo número de asesores e altos cargos do Executivo local, este ano tocou seren todos Goretti, e así caracterizados, rexedora incluída, pousaban nos salóns do Pazo de Raxoi.

Pero non foi ese o único evento de disfraces no que tomou parte a alcaldesa. Acudiu tamén disfrazada o domingo ao desfile dos máis cativos na Sala Capitol, repetiu ao día seguinte no evento dedicado ás Marías e, o propio martes de Entroido, ademais de satirizar sobre ela mesma na foto de familia cos concelleiros do BNG, tamén se disfrazou de astronauta, disfrace que compartiu nas súas redes.

Vintedúas comparsas e dez carrozas: Santiago celebra o día grande do seu Entroido

Vintedúas comparsas e dez carrozas: Santiago celebra o día grande do seu Entroido / Jesús Prieto / Antonio Hernández

Disfraces premiados

Carrozas

1º premio: A Chaianesa explora a Galaxia

2º premio: Asterix, Obélix e toda a súa compañía invaden Compostela

3º premio: Entre arlequíns e pallasos

Comparsas das parroquias e barrios de Santiago

1º premio: Xardín Armatroulas

2º premio: Escuelas de la Inmaculada

3º premio: Fantasía asiática da Ruliña

Comparsas 

1º premio: Asterix, Obélix e toda a súa compañía invaden Compostela

2º premio: Entre arlequíns e pallasos 

3º premio: Invernía

Individuais

1º premio: A costureira do Entroido

2º premio: Fantasía dun carteiro

3º premio: Y no estaba muerto...

Grupos

1º premio: D’Jarana

2º premio: As xirafas peregrinas

3º premio: Os Adams a lo loco

Parellas: deserto

A despedida do Meco

A festa aínda non remata, este mércores hai un evento fundamental en todo Entroido, a queima do Meco. A cita comeza ás 20 horas na praza do Toural, onde dende o sábado 1 de marzo reside o Meco, no Pazo de Bendaña. Dende alí sairá en peregrinación até a praza Roxa. Os fieis chorarano polas rúas Nova, do Vilar, da Senra, de Doutor Teixeiro e República do Salvador. Pero non chorarán sós, o percorrido farase acompañado polas comparsas Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño, Os Armatroulas de Laraño e mais a Charanga BB+.

A queima do Meco, este ano ‘Enredando’ de rede social en rede social, con especial énfase en X, fixo unha particular dedicatoria á actualidade internacional e non puido deixar de lado o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. Para a queima «prégase levar loito rigoroso».

Entroido de Conxo

O 15 de marzo o Carnaval remata e en Compostela e faino con especial intensidade en Conxo. Ás 12 chegan os Vivas dos Xenerais da Ulla e o desfile da comparsa Os Conformistas e O Carro de Conxo. Percorrerán dende a praza da Mercé ao Campo de Conxo pasando polas avenidas de Ferrol e Vilagarcía e as rúas de García Prieto e Sánchez Freire.

Á unha é a hora da sesión vermú coa Mekánika Rolling Band, no Campo de Conxo, e tamén do Atranque dos Xenerais da Ulla na praza do Cruceiro Vello. Ás 15 horas celébrase un xantar popular na praza. A organización convida a que cadaquén leve o seu xantar e reserve previamente mesa no CSC de Conxo. Haberá polbeira, filloeira, posto de caldo, doces de Entroido e cantina da Comisión das Festas de San Serapio de Conxo.

Pola tarde volven os atranques coas Xeneraliñas da Semente, ás 17 horas concurso de orellas e filloas, xogo da piñata, foliada de entroido e ás 18.30 horas desfile de sombreiros e entrega de premios. O Meco quéimase ás 20, e logo, karaoke!

Tracking Pixel Contents