Campaña do 8-M: xogar ‘Construíndo a Compostela feminista’
A campaña 2025 disemina pola cidade 15.000 exemplares dunha revista de pasatempos, 800 carteis e decora dúas traseiras de bus

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentando a revista de pastempos. / CONCELLO

Compostela encara xa as celebracións da campaña do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. «Unha campaña diferente, baseada na estratexia do xogo presentando unha revista de pasatempos que pretende achegar o evento feminista a todas as capas sociais». Así explicaba a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, unha das iniciativas para estes días de reivindicación do feminismo e posta en valor de mulleres referentes.
Un 8-M baixo o lema Construíndo a Compostela feminista, centrado na idea de que «todas temos de botar unha man» ao tempo que xoga «con elementos que teñen que ver cunha profesión masculinizada, a construción». «Son necesarias as mans das mulleres e tamén dos homes», afirmou Sanmartín.
A rexedora chamou a reivindicar o 8-M para que «sexa referente para empoderar o conxunto das mulleres na sociedade compostelá e un elemento de celebración», poñendo en foco nisto porque «é importante que haxa celebracións do 8-M que conxuguen a alegría coa procura de referentes e coa defensa dos nosos dereitos como mulleres».
Para acadar estas metas, o Concello pon na rúa 15.000 exemplares da revista para distribuír en comercios, hostalaría, centros educativos, bibliotecas e centros socioculturais. «A revista tamén vai estar na rede», a través da páxina do CIM e vai haber tamén 800 carteis, mupis e dúas traseiras de bus.
Outro dos obxectivos a acadar tamén é desvincular o 8-M do 25 de novembro «centrado no que ten que ver coa violencia contra as mulleres, cos feminicidios, coas agresións e algo que é tan dramático acaba facendo que moitas veces non celebremos como debemos este 8 de marzo».
Pasatempos
A revista divídese en tres partes: memoria, presente e futuro. «Facer memoria significa ver cales foron aquelas mulleres referentes para nós, saber que somos elos dunha cadea» porque se non somos conscientes, «mal nos irá», recalcou Sanmartín.
No apartado do presente «fálase das que estamos construíndo dende os distintos ámbitos para que haxa espazos de non-discriminación» de ningún colectivo vulnerable. E o futuro, porque «o futuro da igualdade temos que escribilo cada unha das persoas» e por isto, e polo carácter divulgativo da campaña a revista está destinada a todos os públicos.
Os eventos da fin de semana
Este venres, ás 18.30, o Auditorio de Galicia acolle o evento Mulleres de Compostela, un recoñecemento do Concello a oito mulleres «que contribúen á construción dun Santiago xusto e igualitario». As galardoadas, «elixidas por vez primeira polo Consello municipal de honras», son: Esperanza Nogueira, expresidenta da Asociación A Xunlla de Laraño; Teresa González, expresidenta da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM); a cantante Guadi Galego; a actriz Melania Cruz; Carme Castro, presidenta do Fútbol Club San Pedro; Pilar Astray, expresidenta da Asociación do Traxe Galego; María Suárez, da taberna A Chantadina; e Carmen Iglesias, do mesón A Charca.
O sábado 8 de marzo, o Salón Nobre de Raxoi acolle a lectura da declaración institucional deste ano e, a continuación, coñecerase o fallo e entrega do Premio Xohana Torres 2024, que distingue traballos de ensaio e investigación e de creación audiovisual.
O último evento será a finais de marzo, o día 28, tamén no Auditorio, coa preestrea do documental de Ilha Bufarta Altas luces, que reivindica unha serie de mulleres referentes no mundo da fotografía.
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- Nueva huelga de buses en Santiago sin los servicios mínimos al completo: 'Llego una hora tarde a trabajar
- Estos son los servicios mínimos de los buses de Santiago a partir de este miércoles ante la huelga indefinida
- Un incendio en el centro comercial As Cancelas, en Santiago, obliga a desalojar el edificio: 'Se escucharon explosiones en la cubierta
- Estos son los ocho restaurantes de Santiago con la mejor relación calidad-precio
- Patronal y sindicatos vuelven a la negociación para evitar la huelga de buses en Santiago desde el miércoles
- La CIG convoca asambleas para decidir cuándo reiniciar la huelga de autobuses en Santiago
- Las listas de espera de los talleres de coches en Santiago: 'Ahora mismo estamos desbordados
