Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A MICE cumpre 20 anos promovendo o cinema etnográfico e a creación feminina

O certame desenvólvese do 12 ao 16 de marzo con proxeccións no Museo do Pobo, en Numax e no Teatro Principal

Natividade González, Jacobo Sutil, Concha Losada, Ana Estévez e Míriam Louzao no Museo do Pobo Galego.

Natividade González, Jacobo Sutil, Concha Losada, Ana Estévez e Míriam Louzao no Museo do Pobo Galego. / MICE

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego chega neste 2025 á súa vixésima edición, dúas décadas nas que se proxectou a obra duns 800 cineastas e pola que pasaron arredor de 20.000 persoas para descubrir vellas e novas miradas sobre a realidade social dende unha perspectiva etnográfica e antropolóxica.

Nesta mostra que deveu en certame con competición oficial a perspectiva de xénero estivo presente na orixe e o compromiso feminista mantese á alza nesta edición na que o humor tamén vai xogar un papel fundamental.

Do 12 ao 16 de marzo vaise desenvolver esta XX MICE, cun programa que conta con case medio cento de filmes, encontros con cineastas e programación para profesionais e escolares. Na sección oficial compiten 13 películas -sete delas creacións de mulleres- de cadansúa nacionalidade e outórganse catro premios: AGANTRO á excelencia antropolóxica, MICE, CREA e o Premio do Público, de especial relevancia para organización do evento.

A entrega de galardóns terá lugar o domingo 16 ás 12.30 horas no Museo do Pobo, nun acto presentado pola poeta María Lado. As proxeccións repártense entre o propio museo, o cine Numax e o Teatro Principal.

O humor vai ser parte fundamental nesta edición da MICE e, como explica a directora da mostra, Ana Estévez, será ben conxugar "unha actitude crítica co sentido do humor", pois a ollada colonial dalgún dos filmes máis antigos pode ser chocante dende a perspectiva actual, pero os propios colonizados xogaron no seu día a inverter os papeis, "filmando a quen os filmaba dende unha actitude humorística".

Para reunir a visión do cinema etnográfico co humor, a mostra vai contar coa presenza de Laila Pakalnina, realizadora letoa que presentará nesta mostra seis das súas pezas e participará nunha conversa co cineasta galego Eloy Domínguez.

Sección oficial

Trece filmes compiten na sección oficial da XX MICE, catro deles estreas en España: A s'Orgalesa de Davide Melis sobre o canto a tenore sardo; Eros, de Rachel Daisy sobre os moteis do amor no Brasil; Kongo de Daiana Araujo e "o ser cubano"; e Le boxeur chacelant do francés Thivolle Lo.

Tamén serán estrea en Galicia Cuerpos en tránsito de Mario Moreno arredor da reconstrución das masculinidades, Silence of reason de Kumjana Novakova sobre torturas e violacións padecidas polas mulleres na guerra de Bosnia, Togoland projections, de Jürgen Ellinghaus, A savana e a montanha de Paulo Carneiro sobre a loita da xente de Covas do Barroso fronte a Savannah Resources e Tão pequeninas, tinham o ar de serem já crestidas, de Tânia Dinis.

Na sección oficial concursan tamén catro producións galegas, candidatas ao Premio MICE ao mellor filme etnográfico galego: Resonancias, de Diana Gonçalves; Aurora, de Area Erina; Memoria de Soutelo, de Xoán Bregua; e Corre o vento, de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera. Todos os filmes optan ademais aos premios CREA e ao do Público.

'O carro e o home'

A presentación oficial desta vixésima edición da MICE tivo lugar este xoves no Museo do Pobo Galego. Nela interviron representantes de todas as entidades colaboradoras, coma Jacobo Sutil, director da Agadic -Axencia Galega de Industrias Culturais-; a deputada de Cultura, Natividade González; a concelleira de Capital cultural, Míriam Louzao; a presidenta do Padroado do museo, Concha Losada; e a directora da mostra, Ana Estévez. Esta última fixo especial referencia á obra O carro e o home, de Xaquín Lorenzo Xocas. Obra directamente vencellada co nacemento da MICE e "un dos focos fundamentais desta edición".

Tal é a importancia do filme e do legado de Xocas para o cinema galego e o cinema etcnográfico de Galicia que tamén é a inspiración da produción audiovisual do museo para esta edición da mostra. Unha obra breve que se une á imaxe gráfica desta edición e que creou Mirian Opazo, artista visual que tamén asistiu á presentación da XX MICE e que compuxo imaxes do filme de Xocas, con imaxes dun carro abandonado e con música de fondo "en bruto, case sen tocar" dunha lata, unha tixola e o son do carro.

A artista explicou que Xocas é "un dos tres referentes básicos do cinema galego, di ao remate de O carro e o home que o carro non é coma o resto de trebellos do campo cando se abandona, senón que queda mirando o paso do tempo".

As outras seccións

Coma cada ano este MICE trae a sección Impropias, dedicada especificamente ao cinema realizado ou producido por mulleres; Trazas, en colaboración co Cineclube de Compostela; e Lindes. Sección esta última que trata dos límites, fronteirizos ou de xénero cinematográfico, na que se preestrea a primeira longametraxe do ourensán Emilio Fonseca, Salvaxe, salvaxe. Olladas alén do humano.

Tamén haberá actividades formativas para profesionais e escolares. Unha delas o 4 de abril, Xornada de cine e educación. A experiencia de Galicia e Portugal, que terá lugar no Consello da Cultura Galega. E tamén nese mes, pero desta volta no Museo do Pobo, proxectaranse as pezas resultantes de MICEscola, na que participa o alumnado do IES de Oroso, de Cacheiras (Teo) e do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, de Lousame.

Non vai faltar tampouco MICE Petís, con proxeccións para escolares de primaria, secundaria e bacharelato entre o 12 e o 14 de marzo. Estas e o resto das proxeccións son gratuítas e xa están dispoñibles na web do festival.

Tracking Pixel Contents