CONMEMORACIÓN 8-M
Mulleres de Compostela: «E vamos xuntas, miñas camaradas!»
Con motivo do Día da Muller Santiago recoñece oito traballadoras con pegada na cidade: Esperanza Nogueira, Teresa González, María Suárez, Carmen Castro, Carmen Iglesias, Pilar Astray, Guadi Galego e Melania Cruz

Acto de recoñecemento a oito Mulleres de Compostela / Jesús Prieto

«E vamos xuntas, miñas camaradas!», así remataba a súa intervención Esperanza Nogueira, dedicándolle este final de copla ás «mulleres traballadoras», coma ela, colaboradora incansable aínda aos seus 91 anos na asociación veciñal A Xunlla de Laraño.
Ela foi unha das oito homenaxeadas no evento Mulleres de Compostela, que congregou na Sala Mozart do Auditorio de Galicia a autoridades, amigos e familiares non só de Esperanza, tamén da actriz Melania Cruz; da cantante Guadi Galego; da expresidenta da asociación de esclerose múltiple ACEM Teresa González; da cociñeira e propietaria do restaurante A Charca (no Franco), Carmen Iglesias; de Pilar Astray, da asociación do Traxe Galego; de Carmen Castro, ou Cuqui, presidenta do club de fútbol de San Pedro; e de María Suárez, máis coñecida coma María «a da Chantadina», bar que rexenta no barrio de Sar.

Asistentes ao acto de recoñecemento Mulleres de Compostela / Jesús Prieto
Mulleres «diversas, que se senten parte dunha cadea e mulleres traballadoras», dixo a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que pechou un evento percorrido pola emoción, a alegría e as coplas, na honra tamén das cantereiras ás que este ano a Real Academia Galega dedica o Día das Letras. Unhas coplas que vertebraron o discurso da condutora da gala, a escritora Rosa Aneiros. «Axúdame compañeira a facer a foliada, porque se ti no me axudas eu soia non vallo nada», apelaba xa de inicio á sororidade nunha gala de recoñecemento a estas oito traballadoras e ás súas nais, pois non faltaron nas súas intervencións as dedicatorias a quen as criou.
Sheila Patricia púxolle a música a este evento, con intervencións no comezo e no remate, arrancando coa guitarra e musicando o poema "Camiño branco", de Rosalía de Castro, e despendindo as homenaxeadas con "A moura e A xeitosa". Mais non foi a música de Sheila Patricia a única de gala, pois estivo presente en cada un dos vídeos que amosaron o perfil de cada muller premiada e, no caso de María a da Chantadina, tamén cunha especial dedicatoria do Coro da Ra, que integra a longa nómina da clientela da taberna do Sar.
Oito xoias de agasallo
Cada unha das mulleres recoñecidas polo seu traballo e a súa pegada na vida social da cidade e, por tanto, da veciñanza, foi agasallada cunha xoia personalizada, obra da ouriveira Susi Gesto, e recibida de mans de membros da Corporación local, coma o líder do PP local, Borja Verea, a edil socialista Mercedes Rosón, a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, ou a de Servizos sociais, María Rozas.
A máis veterana, Esperanza Nogueira, que ademais de animar as mulleres á unidade co seu «vamos xuntas, miñas camaradas!» deixou un recado para a xente do seu «Santiago único»: «Aquí está Esperanza para sempre, para que non a perdades nunca». E o seu humor uniuse ao das demais homenaxeadas e contaxiou de vez a todo o público.
Carmen Iglesias, rememorou a súa chegada á Charca e o traballo realizado por máis de 50 anos, «van alá máis de cincuenta anos, outros tantos non mos gustaría botar, pero algún máis, si!», chanceaba. A cociñeira tamén se unía á copla e ao verso, tan presentes na gala, desta volta de novo coa máis ilustre das nosas poetas, «di Rosalía de Castro que é feliz quen soñando morre, e desgraciado quen morre sen soñar».
Ataviada co traxe tradicional galego, como non podía ser doutro xeito, recibía o seu recoñecemento Pilar Astray, que se gababa desta Compostela «modelo de cidade igualitaria e transformadora» e convidaba ás máis novas a «que traballen para seren libres». Contra o remate da gala era Teresa González quen subía ao escenario para reivindicar, entre outras cousas que «non queremos vivir das axudas, queremos unha sociedade comprometida». María Suárez, que declarou o barrio de Sar como «o mellor que hai en Santiago» fixo referencia á dureza do traballo de taberneira, ao tempo que se lle dedica e se lle deixa de dedicar á familia. Perda que dalgún modo se compensa con este recoñecemento que é, di ela, «coma un ánimo».

Sheila Patricia púxolle a música ao acto de homenaxe Mulleres de Compostela / Jesús Prieto
Carmen Castro, Cuqui, tomou a palabra advertindo que ía ter dificultades para ler porque esquecera as gafas, lentes que amablemente lle cedeu a alcaldesa para gran diversión dos presentes. Cuqui, que asegura que «se non probas non fallas pero tampouco o consegues», mostrou a súa ledicia porque se pensara nela «por ser unha traballadora nun eido no que hai, sobre todo, homes», e compartiu o recoñecemento «con todas as mulleres que imos entrando nun mundo reservado para homes, imos pouco a pouco pero imos», recalcou.
Dúas ausencias
Guadi Galego e Melania Cruz non puideron estar presentes na gala por teren actuacións, no Carballiño a primeira e no Teatro Principal da cidade a segunda, e no seu lugar trasladaron as súas mensaxes a actriz Carmen Méndez e a xornalista Marga Pazos, respectivamente. «Nestes tempos de indivualismo e polarización», Melania Cruz reivindicou «a diversidade» e Guadi Galego, que afirmou ter medrado «en todos os sentidos» en Santiago arengaba o público cun «Aquí, estamos, para que Compostela sexa mellor para as que veñan, pero tamen para os que veñan» e lanzaba unha promesa, un propósito, « por moitos puntos que nos solten da calceta, seguiremos tecendo».
As marías
Maruxa e Coralia tamén estiveron presentes na gala, tanto na voz de Rosa Aneiros, coma na da alcaldesa, que convidou o auditorio a pensar unha Compostela sen as oito homenaxeadas e asegurou que ela fora quen de pensalo e sabe que sería un Santiago «no que as marías vestirían de gris». Sanmartín tivo palabras para cada unha das mulleres protagonistas e ·aínda que o entroido xa pasou· asignoulle a cada unha un novo oficio. Esperanza sería «ghaiteira», Teresa «María Cardarelly, a primeira fotógrafa con estudio en Santiago», María Suárez «unha chave, coa que hoxe pechou A Chantadina», Carmen Iglesias «unha Rosalía na cociña», Pilar Astray «unha roqueira», Cuqui «un sol amencendo», Melania «unha nube mutando nas múltiples formas» e Guadi, «unha matriarca».
Suscríbete para seguir leyendo
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Nueva huelga de buses en Santiago sin los servicios mínimos al completo: 'Llego una hora tarde a trabajar
- Estos son los servicios mínimos de los buses de Santiago a partir de este miércoles ante la huelga indefinida
- Una tienda de Santiago cierra 'hasta que escampe': 'No quiero coger una depresión
- Evacuada la Comisaría de Santiago por un incendio
- Un incendio en el centro comercial As Cancelas, en Santiago, obliga a desalojar el edificio: 'Se escucharon explosiones en la cubierta
- Aplazada la huelga indefinida de autobuses en Santiago, aunque sigue sin haber acuerdo