Raxoi saca por primeira vez a poxa os inmobles inscritos no Rexistro de soares
Trátase de catro edificios da cidade histórica situados nas rúas Loureiros, San Roque e Espírito Santo e na praciña das Penas

Raxoi saca por primeira vez a poxa os inmobles inscritos no Rexistro de soares / Jesús Prieto
A xunta de goberno local de Santiago aprobou este luns a saída a poxa pública dos catro inmobles inscritos até o de agora no Rexistro de soares municipal. Trátase de catro edificios catalogados con nivel 4 por formaren parte da cidade histórica e a súa rehabilitación estará, polo tanto, afectada polo Plan especial.
Tres dos inmobles pertencen á mesma comunidade de herdeiros, cuxos recursos a este procedemento foron todos desestimados. Trátase dos edificios situados na praciña das Penas 5, rúa dos Loureiros 14 e San Roque 23 e declarados en ruína no ano 2010. O cuarto inmoble é o localizado na rúa do Espírito Santo, 33 -a declaración de ruína desta vivenda data de 2022-.
Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, en rolda de prensa, a licitación “polo sistema de poxa con procedemento aberto” publicarase esta mesma semana. “Unha vez que saia publicado no Boletín Oficial da Provincia publicarémolo tamén no Perfil do contratante do Concello”. O edil quixo destacar que se trata “da primeira vez” que o Goberno local conclúe o procedemento do Rexistro de soares con esta saída a poxa pública dos inmobles e fixo un recoñecemento ao traballo técnico do persoal municipal porque houbo que “configurar dende cero o procedemento de venda forzosa” ao non haber antecedentes.
“Dende o comezo do mandato”, indicou o titular de Urbanismo, “o Rexistro de soares e a tramitación de todos os procedementos relacionados con esta ferramenta que consideramos útil para promover a rehabilitación, a recuperación e a reutilización do patrimonio abandonado foi unha prioridade”. O edil adiantou xa, que agora que conclúe o procedemento destes catro inmobles inscritos no Rexistro de soares, iniciarase o mesmo con outros inmobles da cidade abandonados, en estado ruinoso e cuxa propiedade non rehabilite nin utilice os mesmos.
Procedemento aberto a licitadores
Iago Lestegás indicou que unha vez pública a licitación poderán participar na poxa “todas aquelas persoas con capacidade para contratar” e sinalou que as ofertas só poderán presentarse por medio electrónicos na Plataforma de Contratación, para o que cada licitador disporá dun prazo de 20 días naturais. O concelleiro sinalou que “non poderán participar neste procedemento persoas que teñan unha declaración de incumprimento do deber de rehabilitación dun inmoble”.
Na poxa, cada un dos inmobles vai constituír un bloque, valorados cun prezo de saída das seguintes contías: praciña das Penas 5, 145.937 euros; rúa dos Loureiros 14, 101.746 euros; rúa de San Roque 23, 103.699 euros; e rúa do Espírito Santo 33, 69.639 euros. Esta última é a vivenda máis pequena, as outras tres dispoñen de baixo e unha ou dúas plantas segundo o caso. O órgano de contratación do concello seleccionará a oferta económica máis vantaxosa pra cada lote e cada licitador poderá concorrer a varios lotes “presentando unha oferta para cada un deles” se ben só se lle poderá adxudicar un lote e un previo por adxudicación “sempre que existan varios licitadores ao mesmo lote”. Polo que aquela persoa ou entidade que decida poxar por varios lotes debe indicar unha orde de preferencia.
“Para evitar que se produzan demoras no cumprimento do deber de rehabilitación e garantir que se satisfagan os obxectivos deste procedemento”, indicou Lestegás, “os licitadores deben depositar unha garantía do 10% do importe de cada lote ao que concorra”. Fianza que se devolverá se non resultan adxudicatarios, a quen consiga o lote este diñeiro devolveráselle ao cabo dun ano.

Raxoi saca por primeira vez a poxa os inmobles inscritos no Rexistro de soares / Jesús Prieto
Prazos para adxudicatarios
O importe total da adxudicación debe efectuarse no prazo máximo dun mes dende notificación por parte do Concello “e o adxudicatario queda obrigado a solicitar licenza de rehabilitación no prazo de tres meses dende que formalmente se transmite a propiedade” do inmoble.
Así mesmo, é necesario que a rehabilitación do edificio se inicie no prazo dun ano dende esa formalización é que as actuacións teñan rematado e se solicite a licenza de primeira ocupación no prazo de dous anos “dende a formalización”. “O incumprimento de calquera destes prazos determinará, de novo, a inclusión do inmoble no Rexistro de soares”, especificou o concelleiro.
Os titulares do inmoble percibirán o valor de saída do edificio na poxa pública, e a diferencia desta cantidade co prezo da adxudicación pasará a integrarse no patrimonio municipal. “Ademais, o adxudicatario non poderá transmitir o inmoble sen a autorización do Concello, polo tanto, debe ser el mesmo quen promova a rehabilitación”.
Se a poxa dalgún dos lotes fose declarada deserta, cuestión que o Goberno local agarda que non se produza porque xa recibiu consultas de interese por estes edificios, consonte á Lei do solo de Galicia, “no prazo de seis meses poderase adquirir o inmoble con destino ao patrimonio municipal ou convocar de novo a poxa”, desta vez cunha rebaixa do prezo de saída de 25%.
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- Financial Times' sitúa a una empresa con sede en Santiago como referente en Europa
- Subastan dos locales en Área Central de un fondo luxemburgués con bienes en Santiago
- Caótica mañana en la AG-56: un coche es pasto de las llamas y otros seis chocan entre sí
- Nueva apertura en la ‘milla de oro’ de Santiago: abre una juguetería en Montero Ríos
- Talan sin previo aviso un histórico abeto del campo de fútbol de Conxo: 'Me han enterrado a un amigo dos veces
- La historia del peor asesino de Santiago: cuatro muertos en Marrozos
- Raxoi explicará a los vecinos las nuevas restricciones en la zona vieja que ‘vetan’ negocios turísticos

