A MICE, «unha xanela aberta onde todas cabemos»
Este mércores bota a andar a vixésima edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, que organiza o Museo do Pobo coa colaboración da Xunta, Deputación da Coruña e Concello de Santiago. Até o día 16 haberá proxeccións, conferencias, espazos de formación e divulgación tamén para os máis cativos

Fotograma do filme ‘Resonancias’, de Diana Gonçalves. / CEDIDA

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico –MICE– do Museo do Pobo Galego inaugúrase este mércores ás 20.30h. no Teatro Principal coa proxección de O carro e o home, de Xaquín Lorenzo Xocas e ademais está de aniversario, 20 anos xa nos se consolidou e se transformou en certame de referencia no Estado e en Europa. En 2005 nacía esta iniciativa tentando reunir a antropoloxía e a etnografía co cinema e a creación audiovisual.
Agora, dúas décadas despois, a súa directora, Ana Estévez, e a cineasta Diana Gonçalves, cuxa traxectoria se desenvolveu ao abeiro da MICE e que este ano estrea Resonancias, conversan con EL CORREO GALLEGO arredor da mostra, que é para Gonçalves «unha xanela aberta» e vai máis aló, «o lugar onde todas cabemos».
Diana Gonçalves, unha cineasta nacida na mostra
Diana Gonçalves (Tui, 1986) trae este venres 14 á MICE, o festival que no que medrou como cineasta, a súa última creación, Resonancias. Unha peza de 14 minutos xurdida «do convite de Manolo González, á fronte do Laboratorio da Chanfaina», en San Sandurniño e centrado na recuperación da memoria local. «De aí parte esta historia na que me acompaña Adriana Páramo», conta Gonçalves. E foi alí que falando coa xente de lugar «apareceron os portugueses, porque alí houbo esa corrente migratoria de traballadores que ían exercer determinadas profesións por tempadas».
Neste caso tratouse de homes que traballaban nas obras, «que quedaron ligados a San Sadurniño deixando obra feita, e decidimos seguir o seu rastro». Ás 20.30h. do día 14 Resonancias vaise proxectar no Teatro Principal e tamén se vai converter no terceiro traballo de Diana Gonçalves que integre a programación da MICE, logo de Mulleres da raia (2009) e Palmira (2017). Da experiencia deste ano a cineasta sabe «que vai haber conversa, que non nos vai deixar indiferentes». Resonancias responde á pregunta: «Como facer para que este lugar non me sexa estraño nin indiferente? Buscar iso que nos pode facer sentir próximos, chegar a coñecernos para así poder entendernos».
A MICE do próximo ano tamén vai contar con obra desta creadora, desta volta non será un filme, senón unha instalación, Transfronteiriza. Este proxecto, que xurdiu baixo o paraugas da MICE, arranca con Mulleres da raia, «volvo a esas imaxes despois de 15 anos para seguir contando esa historia pero doutra maneira, noutro formato».
Por iso este próximo proxecto reune diversos materiais, non só imaxes, a pesar de que o cinematográfico non quedará de lado «nese aprofundar na historia» di Gonçalves, «apareceron outros elementos que non era posible contar nun filme. Estando ao servizo da historia e non dun formato busquei o mellor soporte para poder dar cabida a todos eses elementos que fun encontrando».
«Foi fundamental conseguir visibilizar o traballo das mulleres cineastas»
Unha iniciativa diferente que consegue sumar dúas décadas
A directora da MICE, Ana Estévez, valora destes 20 anos a progresividade no desenvolvemento do festival, «pola súa temática non rompeu de inicio, foi un proceso progresivo que nunca decaeu». Destaca ter conseguido «un público moi fiel e logramos unha parte importante dos obxectivos, un dos fundamentais era traer a antropoloxía audiovisual a Galicia». Ana Estévez destaca tamén outra meta conseguida: «Fundamental para nós, conseguir visibilizar o traballo das mulleres cineastas».
A perspectiva de xénero está presente dende o inicio, un exemplo é que dos 13 filmes que este ano concursan na sección oficial, sete deles teñen autoría feminina. Pero hai outra cuestión máis que satisfai especialmente a Estévez, que dende o inicio asumiu a dirección da mostra, «vin como moita xente nova chegaba á MICE con curiosidade, facíase público habitual e logo lanzábase a ser realizador e realizadora de filmes de cine etnográfico, neste sentido creo que é unha das cousas que, mirando atrás, é das que máis ilusión me fai».
A directora valora tamén que ao non haber outra referencia en Galicia deste tipo de festivais a MICE se veu beneficiada con apoios institucionais e dos cineclubes. O Cineclube de Compostela acompañou a mostra dende o inicio e estas sinerxías deron tamén en que o certame sexa «referente a nivel europeo».
Estévez rememora tamén que pasar de mostra a festival «implicou recabar máis recursos, máis apoios financeiros, e á vez supuxo un grande esforzo para o museo como equipo». Empeño que pagou a pena e permitiu «ampliar focos, ampliar o espectro e as cinematografías ás que podiamos ter acceso».
O futuro da MICE está claro e segue a estela dos últimos anos: chegar a públicos novos e mostrar o traballo das novas cineastas, «e por aí é por onde a MICE debe tirar, debe ser lugar de promoción de novos creadores galegos».
Unha promoción que xa nestas dúas décadas deu froito, e claro exemplo é Diana Gonçalves, cuxo proxecto Transfronteiriza se desenvolve ao abeiro da mostra. «Digamos que a miña traxectoria cinematográfica está ligada á MICE e cando tiven esta idea, de volver precisamente a esas primeiras imaxes que gravei, a primeira persoa a quen lle contei foi a Ana Estévez, porque pensaba que se alguén podía entender o que quería facer, o por que, era ela. E así foi».
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- Financial Times' sitúa a una empresa con sede en Santiago como referente en Europa
- Subastan dos locales en Área Central de un fondo luxemburgués con bienes en Santiago
- Caótica mañana en la AG-56: un coche es pasto de las llamas y otros seis chocan entre sí
- Nueva apertura en la ‘milla de oro’ de Santiago: abre una juguetería en Montero Ríos
- Talan sin previo aviso un histórico abeto del campo de fútbol de Conxo: 'Me han enterrado a un amigo dos veces
- La historia del peor asesino de Santiago: cuatro muertos en Marrozos
- Raxoi explicará a los vecinos las nuevas restricciones en la zona vieja que ‘vetan’ negocios turísticos
