Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PSOE esíxelle ao Goberno local un «protocolo de información» sobre a poxa dos catro inmobles do Rexistro de soares

Dende o departamento de Urbanismo defenden que "o procedemento xa está explicado publicamente"

A concelleira socialista Mercedes Rosón nos soportais do Pazo de Raxoi.

A concelleira socialista Mercedes Rosón nos soportais do Pazo de Raxoi. / CEDIDA

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

"A impaciencia do señor Lestegás está saturando o servizo de Urbanismo", denunciaba a edil socialista Mercedes Rosón este xoves en referencia ao anuncio da poxa pública para os catro inmobles inscritos no Rexistro de soares. Segundo Rosón, é imprescindible "definir claramente un protocolo de información para que o persoal poida informar os interesados no procedemento". 

Segundo a concelleira, a falta de información redunda en "multitude de solicitudes de información por parte da cidadanía que non poden ter resposta por parte do persoal do Urbanismo" e denuncia unha vez máis que "falla a planificación e o traballo previo, estendese na promoción precoz e tropezan en transparencia e xestión".

Ante o requirimento do PSOE de que Raxoi "defina canto antes o procedemento de subasta e o faga público, para evitar a desinformación e que o departamento de Urbanismo teña que seguir atendendo solicitudes constantes sen dispoñer da información que solicita a xente", dende o Obradoiro afirman que, como explicou o concelleiro Iago Lestegás, «a poxa publicarase no Boletín Oficial da Provincia e alí recóllese, como non pode ser doutro xeito, o procedemento que xa está explicado tamén publicamente».

Fontes do Goberno local afirman, ademais, que administrativamente xa se fixo chegar ao BOP para a súa publicación a información sobre a poxa pública para estes catro inmobles (praciña das Penas 5, rúa dos Loureiros 14, San Roque 23 e rúa do Espírito Santo, 33) esta mesma semana.

Tracking Pixel Contents