A Praza de Abastos como dinamizadora «doutra maneira de relacionarse cos alimentos»
Santiago recibe a Juan Echanove, xefe de Dereito á alimentación da FAO, que participou na Casa das Máquinas da xornada de presentación do informe do Cispac sobre o Mercado e a venda de proximidade

Juan Echanove (FAO), Marta Rey (xerenta da Praza) e o edil Xan Duro no mercado. / Jesús Prieto

A Praza de Abastos de Santiago foi este xoves a protagonista, con visitas e conferencias sobre os retos de futuro, remarcando o seu «potencial dinamizador doutra maneira de entender a relación cos alimentos». Falaba así o xefe do equipo de Dereito á alimentación da FAO –organización da ONU para a agricultura-, Juan Echanove, que durante a mañá acompañou ao concelleiro Xan Duro nun paseo polo Mercado compostelán.
Pola tarde, o foco seguiu neste espazo emblemático da cidade, cunha serie de charlas na Casa das Máquinas e a presentación do informe do Cispac –Centro de Investigación Interuniversitario de Paisaxes Atlánticas Culturai– sobre o mercado.
Baixo o título A Praza de Abastos e o dereito á alimentación en Compostela desenvolveuse o evento na Casa das Máquinas, onde Ruth Varela e David Soto presentaron o texto do Cispac Informe sobre o papel da Praza de Abastos de Santiago de Compostela como centro de alimentación de proximidade. Xunto a eles, participou tamén Juan Echanove, que disertou sobre O dereito á alimentación e a gobernanza alimentaria urbana e periurbana: conectando a axenda global co contexto local.
No seu relatorio, o representante da FAO subliñou que «a alimentación é ante todo un dereito a unha alimentación adecuada», o que implica «promover o que simboliza a Praza de Abastos: priorizar os mercados de proximidade, a diversidade nutritiva, pensar nos pequenos produtores e en que os alimentos sexan apropiados culturalmente tamén». Echanove puxo tamén o foco en axudar, dende a FAO «a poñer en valor a praza e os plans que se están a idear en Santiago sobre como repensar os sistemas alimentarios da cidade» para conseguir unha alimentación «máis xusta, máis intuitiva e máis sa».
No evento, ademais da alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, e Lourenzo Fernández Prieto, director do Cispac, participaron nunha mesa redonda o concelleiro de Mercados, Xan Duro; o investigador do Cispac David Soto; Amparo Novo, de ODA-E (Observatorio del Derecho a la Alimentación de España); Juan Soriano, de Entrelampo –asociación pro saúde mental e de inserción laboral; Conchi do Campo, do Sindicato Labrego Galego, e Rocío García Carregal de Slowfood Compostela.

Fernández Prieto, Ruth Varela, Xan Duro, Goretti Sanmartín, Echanove e David Soto na Casa das Máquinas. / CEDIDA
Descubrindo os mellores e máis próximos produtos
Durante a mañá, o concelleiro de Mercados, Xan Duro, foi o cicerone de Echanove nun percorrido polas distintas naves que compoñen a Praza de Abastos. Na súa comparecencia ante os medios, ambos os dous destacaron o máis relevante do informe elaborado polo Cispac, e que se centra en recuperar e potenciar o produto de proximidade, non só con produtores e vendedores de Santiago, senón tamén da contorna.
Echanove considera que o mercado compostelán «goza de boa saúde no sentido de que contra todo tipo de dificultades segue aí». Para o representante de FAO un dos retos que debe afrontar a Praza de Abastos é o relevo xeracional.
«Ás veces os mais novos non compran tanto como fan os seus maiores» e neste sentido destacou o papel do mercado máis alá do abastecemento ou do seu papel económico, xa que tamén xoga «un papel social, cultural, emocional, e todo iso é importante poñelo en valor porque ten un potencial enorme para seguir xogando o papel que ten e para que as novas xeracións a teñan de referente, que pode axudar a pensar un novo modelo de sistema alimentario para Santiago».
Non ao supermercado, si a ampliar os horarios
O concelleiro Xan Duro respondeu ás preguntas da prensa sobre a posibilidade de que a Praza de Abastos conte cun supermercado. «Este temas tratámolo na mesa de traballo, analizouse con detemento esa posibilidade e cremos que non é un obxectivo fundamental, pero non se descarta algún posto individual que poida ter produtos de limpeza».
Xan Duro referiuse tamén á posibilidade de ampliar o horario de apertura da praza, recoñeceu a necesidade de abordalo para que poida fidelizar a xente traballadora, pero ademais falou da complicación que supón que «moitos dos vendedores tamén son produtores», o que limita a súa dispoñibilidade horaria para poder ter aberto o seu posto en horario de tarde.
- Así será el nuevo barrio del norte de Santiago: 6.000 vecinos y bloques de hasta 13 plantas
- El electricista que ilumina Santiago: «Calquera rúa do casco vello con luces de Nadal é máis bonita que unha de Vigo»
- Accidente en Santiago: los bomberos trabajan para liberar a posibles víctimas atrapadas en un coche volcado
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- Luto en Santiago por la muerte de Teté Otero Davila, referente del patinaje artístico en la ciudad
- Así afectará al transporte urbano de Santiago la huelga de autobuses convocada para este viernes
- El pueblo gallego que se transforma y brilla con luz propia en Navidad: a poco más de una hora de Santiago
- El dieciocho: el nuevo espacio gastronómico de Área Central que ostentará la pizzería más premiada de Galicia
