Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CULTURA POPULAR

O novo centro das foliadas en Santiago: a mocidade mantén en Vista Alegre o espírito das cantareiras

O segundo martes de cada mes, un local deste barrio compostelán énchese de música e baile tradicional galego

Cada segundo martes de mes un nutrido grupo de mozos e mozas enchen de música este espazo do barrio de Vista Alegre, en Santiago

Cada segundo martes de mes un nutrido grupo de mozos e mozas enchen de música este espazo do barrio de Vista Alegre, en Santiago / ECG

Valeria Pereiras

Valeria Pereiras

Santiago

Nun ano no que o Día das Letras Galegas rende homenaxe ás cantareiras, mulleres imprescindibles na preservación e na transmisión da música tradicional galega, Vista Alegre está a emerxer como un novo epicentro das foliadas en Santiago.

Figuras como Dorothé Schubarth, a etnomusicóloga suíza que percorreu Galicia nos anos 80 para salvagardar os nosos cantos populares, adquiren unha relevancia renovada nun momento de gran vitalidade para a música tradicional, especialmente entre a mocidade, que é quen a mantén viva.

Un reflexo desta nova efervescencia cultural é a foliada que cada segundo martes de mes fai vibrar a Azotea, o café-bar que se está a consolidar como punto de encontro para os amantes da música e o folclore galego. «Antes había moitas máis foliadas, pero agora están a revivir e con xente moi nova», comenta Inés, unha das asistentes habituais a estas quedadas que se están a consolidar como punto de encontro dos amantes da música tradicional galega en Santiago: «mola telas de volta no barrio».

Clases de pandeireta

O que comezou como unha continuación espontánea das clases de pandeireta da Asociación As Brañas de San Andrés, impartidas por Xavi Castaña, tense convertido nunha cita fixa para músicos, bailadores e amantes da tradición. "Todo comezou cunha conversa informal nunha taberna", conta Susana Amigo, copropietaria da Azotea que tamén asiste ás clases de pandeireta. "Falamos de que estaría guai ter un sitio onde facer foliadas para non profesionais, e probamos a traelas aquí. Comezamos sen ningunha pretensión, pero agora cada vez se apunta máis xente. Como os martes tamén hai clases en Fontiñas e en Sar, pois ao final converteuse nun punto de encontro".

As gaitas, as pandeiretas e as voces entoando os cantos recollidos por xeracións fúndense nesta celebración aberta onde moitos mozos e mozas, incluso persoas chegadas doutros países, participan con entusiasmo, incorporando instrumentos coma o violín ou o acordeón.

As foliadas, expresión da cultura popular galega

As foliadas son unha expresión pura da cultura galega, encontros informais onde a música e o baile tradicionais se transmiten de maneira natural e participativa. Santiago, cidade que sempre foi berce e refuxio da tradición oral, está a vivir un rexurdimento destes encontros, que en espazos como A Casa das Crechas levan anos celebrándose todos os mércores de xeito ininterrompido, favorecido pola presenza crecente do folclore en festivais e polo impacto de grupos como Tanxugueiras, Mondra ou Fillas de Cassandra, entre moitos outros, que teñen levado os sons tradicionais a novas audiencias.

Moita xente nova participa nestas foliadas da Azotea cos seus propios instrumentos

Moita xente nova participa nestas foliadas da Azotea cos seus propios instrumentos / ECG

«Moitas persoas veñen por curiosidade e rematan namorándose desta música», di Chis, alumno das clases de pandeireta que non falta a estas citas na Azotea. María, que comezou hai pouco a tocar este instrumento e a participar das foliadas asegura que «a música e cantar en grupo alégranme a alma, é unha experiencia incrible, xuntarse e coñecer xente nova que tamén disfruta destas sesións».

Aberto en 2023, o restaurante-bar Azotea tense consolidado como un espazo de dinamización cultural no barrio de Vista Alegre. «Queríamos un lugar onde a cultura galega tivese un papel protagonista, sen artificios», explica Susana Amigo.

Con estas noites que vibran coa música do país, a Azotea estase a converter nun novo centro do renacer da música popular galega, mantendo vivo o legado daquelas cantareiras que lograron a transmisión desta tradición oral que cada día conta con máis persoas adeptas.

Tracking Pixel Contents