Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Raxoi busca limitar as vivendas en planta baixa para "garantir o funcionamiento" de Compostela

O edil de Urbanismo defende manter os baixos comerciais en áreas que «sempre tiveron un uso terciario» tamén para facilitar á veciñanza «o emprendemento de novos negocios»

Raxoi busca limitar as vivendas en planta baixa para "garantir o funcionamiento" de Compostela

Raxoi busca limitar as vivendas en planta baixa para "garantir o funcionamiento" de Compostela / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, compareceu este luns en rolda de prensa acompañando a edil de Turismo Míriam Louzao, que deu conta dos acordos adoptados pola xunta de goberno local. Lestegás aproveitou a súa intervención, posterior á xuntanza da comisión de Urbanismo, para explicar máis polo miúdo o anuncio feito durante a fin de semana de levar a pleno o «mantemento do uso terciario nas plantas baixas dos principais eixos e zonas comerciais da cidade». Unha iniciativa que vela «polo bo funcionamento» de Santiago, para que a veciñanza non quede desprovista de servizos e que, ao tempo, serve o seu mantemento para garantir unha oportunidade «para quen queira emprender un negocio».

A este trámite plenario obriga o artigo 76 da Lei de medidas fiscais e administrativas –coñecida como Lei de acompañamento– da Xunta de Galicia, que permite o cambio de uso das plantas baixas dos inmobles de comerciais a residenciais. Un texto que «prevé que os concellos poidan, a través dun acordo plenario, impedir a súa aplicación en todo o ámbito municipal ou en determinados ámbitos do mesmo para a protección do sector comercial». O edil engadiu nas súas explicacións que no Goberno local «optamos por esta vía que nos parece importante e coherente». 

Se consegue o apoio do pleno da Corporación municipal o vindeiro xoves 27 a proposta do Executivo de Sanmartín «non se vai aplicar este artigo no ámbito das ordenanzas 1, 2, 3, 4, 7 e 9A do PXOM e no ámbito do Plan especial da cidade histórica». Estas áreas, que se poden consultar na cartografía do Xeoportal de Raxoi en atención aos usos dos inmobles, cínguense sobre todo ás áreas «que son claramente de carácter terciario ou comercial, como poden ser certos ámbitos da cidade histórica ou o Ensanche». Sobre estes «conectores comerciais» Lestegás puntualizou que se trata de zonas «que teñen comercio, sempre tiveron comercio e aínda que agora algún local estea pechado, o seu carácter seguirá sendo comercial».

«Nos ámbitos que non están incluídos na orde de suspensión si que se aplicará integramente o artigo 76», aclarou Lestegás en referencia a polígonos desenvolvidos nos anos 90 ou 2000, como pode ser o das Fontiñas, e tamén en Quiroga Palacios, Home Santo e Almáciga «que son zonas de vivenda colectiva onde si se permite a implantación de uso residencial na planta baixa».

Lestegás defendeu que de adoptarse o acordo que propón «en Santiago hai moitos baixos que poden transformarse en vivenda pero hai que garantir o adecuado funcionamento da cidade», en referencia a barrios en desenvolvemento, como pode ser o de Conxo coas novas construcións en Romero Donallo

O edil fixo referencia á vivenda protexida, xa que o artigo 76 non garante esta cuestión, agás se o inmoble «foi desenvolvido por un promotor público» como é o caso de Fontiñas (IGVS) ou dos polígonos desenvolvidos por Emuvissa. «É dicir, nestes ámbitos nos que se vai poder transformar un local comercial en vivenda, se foron desenvolvidos polo IGVS, Emuvissa ou están cualificados polo Parlamento para vivenda protexida o cambio vai ter que incluír vivenda protexida».

O PSOE apoia «o rexeitamento» ao cambio de usos

O grupo municipal socialista anunciou este luns o seu apoio ao rexeitamento de Raxoi a implantar o cambio de uso de locais comerciais en vivenda en diferentes ámbitos da cidade. Unha medida para limitar a aplicación do artigo 76 da Lei de acompañamento, que permite este cambio por riba da norma urbanística local ao menos que haxa un acordo plenario que limite todo ou parte do territorio municipal.

Igual que o goberno, os socialistas defenden que a aplicación que prevé a Xunta de Galicia «sería insostible en barrios coma o Ensanche ou Conxo» e denuncian que ademais acabaría por xerar «novas vivendas en malas condicións e especulación». A concelleira Mercedes Rosón criticou que «a Xunta do Partido Popular leva 16 anos sen facer política de vivenda e pisa agora o acelerón para dar a entender que algo fai» e para iso «pasa por riba das competencias urbanísticas dos concellos».

A socialista pon o foco en que xa hai en Santiago «ámbitos nos que se pode facer vivenda en baixos, coma Vite, Vista Alegre, parte do Restollal ou o barrio das Fontiñas». Rosón defendeu que nestas zonas nas que é «viable e recomendable que se empreguen baixos para vivenda xa se fai» máis recalca que noutras áreas «non é sostible» e mesmo sería «contraproducente permitir unha conversión masiva de baixos en vivenda» en barrios coma o de Conxo, onde a construción que se está a desenvolver en Romero Donallo suporá «un incremento de poboación e de demanda de servizos».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents