Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Pleno municipal

Rosón avisa da «falta de avances» no proxecto da plataforma loxística de Santiago

Interpelará a alcaldesa no pleno sobre este asunto e sinala que o goberno local actúa con «desinterese»

Mercedes Rosón, nos soportais do Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago

Mercedes Rosón, nos soportais do Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago / Cedida

Santiago

A concelleira socialista Mercedes Rosón interpelará á alcaldesa compostelá Goretti Sanmartín no pleno deste xoves ante a «falta de avances» que advirte no proxecto da plataforma loxística, que está concibido para mudar a distribución de mercadorías na zona vella. Rosón remarca que permanece «paralizada» a definición do modelo de xestión que permitiría a posta en marcha da plataforma e acusa á alcaldesa de amosar «pouca valentía á hora de encarar a revolución do reparto de mercadorías no casco histórico».

Interpelación de Rosón

A interpelación que formulará a concelleira do PSOE inclúe sete preguntas que van desde coñecer os prazos para a finalización das obras de construción ata os avances nas conversacións con Mercasa á hora de coordinar a súa posta en marcha. Rosón quere saber ademais se desde o goberno local se vai apostar por un modelo público, no que a flota de automóbiles sexa de titularidade pública, un sistema concesional ou un plan privado no que as propias empresas distribuidoras adquiran eses vehículos.

Rosón pregúntase como pode ser que, se a estación vai estar operativa a finais do 2025, non exista aínda previsión coñecida para a súa entrada en funcionamento. Critica que o proxecto avanza «a marchas forzadas» a pesar, di, de que «os fondos xa estaban conseguidos desde o 2022, por parte do noso convenio, e a pesar incluso que o convenio entre Concello, Consorcio e Mercasa tamén estaba asinado polo anterior alcalde», o socialista Sánchez Bugallo.

Pasos pendentes

«A señora Sanmartín chegou cos fondos europeos conseguidos, o convenio con Mercasa e Consorcio asinado e o proxecto en marcha, absolutamente todo estaba feito xa e nin tan sequera foron quen de definir o modelo de xestión para comezar a facer todos os traballos complementarios», critica a edil socialista.

Mercedes Rosón destaca que «queda por diante definir o modelo e, con iso, elaborar e aprobar unha normativa e, quen sabe, licitar unha concesión». Con todos estes pasos pendentes, considera que «o que falta na ecuación é planificación e valentía» por parte do executivo local.

Tracking Pixel Contents