Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Raxoi non aclara cal será o modelo de xestión da Praza a partir de agosto

A oposición aféalle a Xan Duro que non informe das medidas que se van adoptar ante o vencemento da concesión este verán e o edil afirma que se está a traballar «con discreción»

Mercado de Abastos de Santiago.

Mercado de Abastos de Santiago. / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A iniciativa do Partido Popular o Pleno municipal debateu este xoves sobre as medidas que se van tomar para revitalizar a Praza de Abastos, así coma a necesidade de coñecer o modelo de xestión no que traballa o Bipartito dado que a concesión actual remata en agosto. Un proxecto que tanto PP coma PSOE aseguran descoñecer mentres o edil responsable do Mercado, Xan Duro, se defende afirmando que se está a traballar «con discreción» máis sen dar moitos máis datos ao respecto. 

A proposta do PP, que defendeu o líder do grupo municipal, Borja Verea, saiu adiante por unanimidade, mais as discrepancias entre Goberno local e oposición quedaron de manifesto, tamén no caso do grupo municipal socialista que lle lembrou ao concelleiro de Compostela Aberta, na voz da edil Mila Castro, que o Bipartito «perdeu dous millóns de euros de fondos europeos para poñer en marcha o proxecto Comarket Santiago» e instou a que trate de recuperarse ese diñeiro. A socialista reiterou así mesmo que antes do último estudo encargado polo Goberno local –e presentado recentemente da man do Cispac da Universidade de Santiago– «xa tiñamos no mandato socialista un estudo elaborado por Mercasa».

Borja Verea, esixiulle ao Goberno local que xustificase por que non había información sobre o novo modelo de xestión da Praza de Abastos, cuxa concesión finaliza o próximo mes de agosto, e aventurouse en que se o Bipartito non ten modelo de xestión logo de dous anos de mandato será «por vagancia, por desleixo ou por incompetencia». O concelleiro Duro reafirmouse no traballo discreto e recriminou que se pida «facilitar información do modelo de xestión días despois dunha nova xuntanza da mesa de traballo da Praza de Abastos, á que asistiu a concelleira Olaya Otero (PP) e días despois dun acto público no que falamos abertamente do futuro do mercado», en referencia á presentación na Casa das Máquinas do estudo realizado polo Cispac.

Xan Duro asegurou na súa intervención que «os praceiros afirmaron sentirse apoiados polo Goberno local logo de moitos anos» e que existe consenso na necesidade de que o Mercado de Abastos sexa «o centro de venda alimentar de proximidade» de Santiago e da súa comarca tal e como se conclúe no informe realizado polo Cispac. Defendeu tamén os traballos «para mellorar o día a día» da Praza que se están a realizar en cuestións coma a sinaléctica ou as zonas de carga e descarga, así coma o traballo para conseguir o selo de Mercado Excelente da Xunta de Galicia.

Aparcamento en Belvís

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, aludiu directamente á alcaldesa e a unha proposta dela presentada cando estaba na oposición. Propuña entón Goretti Sanmartín a creación dun parking subterráneo no parque de Belvís, por debaixo do campo de fútbol que hai na zona. Verea tentou que se incluíse no pleno do xoves unha emenda in voce con esta cuestión e retou a alcaldesa a explicar se estaba «contenta» coa xestión da Praza de Abastos que estaba a realizar o concelleiro Xan Duro.

Igual que fixera este último na súa quenda de palabra, a rexedora afirmou que agora non procede un parking no parque de Belvís xa que está próxima a municipalización do aparcadoiro da praza de Galicia. E sobre o labor do edil de Compostela Aberta, Goretti Sanmartín, afirmou que os traballos sobre o futuro do Mercado de Abastos non responden a unha «política que se faga dende unha concellaría ou outra, senón que se traballa en conxunto no grupo de goberno» sabedor de que a Praza «é fundamental para Santiago».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents