Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Jorge López Castromán Psiquiatra da UMAD

Como atallar o problema de Santa Marta: "Non aumentou o consumo de heroína, si o de cocaína"

O psiquiatra Jorge López chegou á Unidade Municipal de Atención ás Drogodependencias hai 6 meses, e compatibiliza unha xornada do 60% co seu traballo de profesor titular na USC

Advirte que o que acontece en Santa Marta debe atallarse de maneira multidisciplinar, poñendo o foco na seguridade cidadá

Jorge López Castromán, psiquiatra na UMAD.

Jorge López Castromán, psiquiatra na UMAD. / Cedida

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A Unidade Municipal de Atención ás Drogodependencias de Santiago adoece dende hai tempo de falta de persoal. Dos dous psiquiatras que lle corresponden conta tan só con un, Jorge López Castromán, que compatibiliza este traballo ao que dedica o 60% da xornada laboral coas súas tarefas na universidade como profesor titular. Conversa con EL CORREO GALLEGO da situación actual da UMAD e tamén do repunte de persoas adictas na cidade, especialmente destacado no Banco do Pobre, no barrio de Santa Marta.

Como persoal da UMAD que pode contarnos sobre o que está a acontecer en Santa Marta? Ten coñecemento directo da situación que se vive no Banco do Pobre?

Os pacientes que veñen a tratamento por adiccións, unha parte deles, pasan polo Banco do Pobre, entón coñezo a situación polo que eles me contan. O que estamos vivindo máis ou menos agora mesmo, non sei ata que punto se nota na rúa ou ata que punto a xente é consciente, pero si que é verdade que vivimos un incremento das demandas nestes últimos anos. O aumento, que non é enorme, temos calculado máis ou menos que é dun 5 ou 10% máis de primeiras consultas que o ano pasado. 

A que se pode deber este incremento no consumo e de que substancias estamos a falar?

Pois é difícil sabelo, o que si che podo dicir é que non ten que ver coa heroína, isto é unha cousa que se ten dito por aí, pero non é un problema de heroína, o que está aumentando é o consumo de cocaína. O que si que é verdade é que ese consumo de cocaína ás veces é inxectada, así que a xente que vai ao Banco do Pobre non vai buscar heroína, compran fundamentalmente cocaína. O que vemos nas novas demandas que veñen á UMAD é un problema co consumo de cocaína en diferentes formas. Ás veces inxectada e ás veces fumada e, nalgúns casos, tamén de forma conxunta coa heroína.

Abordaxe multidisciplinar

Como podemos facer fronte a esta situación? Tamén no relativo á inseguridade na contorna do Banco do Pobre.

Para abordar o problema das adiccións, pensando agora no foco que hai en Santa Marta, débese abordar primeiro a seguridade cidadá, que é básica. No caso do Banco do Pobre parece bastante necesaria unha intervención máis policial, de seguridade. Pero tratar o problema das adiccións ten que ser algo máis multidisciplinar, tes que ter as capacidades, primeiro de crear ou aumentar a percepción do risco na sociedade, que a xente sexa consciente de que hai ese problema e que hai medios para tratalo, que poden vir á UMAD para que se lles prepare un tratamento, que hai todo un sistema dedicado ao tratamento e que todas as adiccións poden tratarse. Tratar as adiccións ten que ver con todos os recursos, ás veces de ingreso, ás veces de acompañamento coas analíticas toxicolóxicas que facemos na UMAD... Hai moitos aspectos de seguemento para tratar as adiccións. Neste caso particular, o tema do Banco do Pobre para nós é unha oportunidade; é dicir, se queremos tratar o problema da adicción, que é un problema importante moitas veces relacionado cos problemas que vemos nos xornais: furtos, roubos... Iso quere dicir que hai que aumentar un pouco a percepción social do problema, a capacidade de acompañar estes doentes á UMAD, facer un traballo de fondo que ten que ver tamén coa saúde pública. 

É sabido que hai carencias de persoal na UMAD. Como complica isto o traballo? A cantas persoas se atende na actualidade?

Temos unha boa noticia porque contratamos unha nova psicóloga, agora temos dous, durante moito tempo a metade de doentes que viñan á UMAD non tiñan psicólogo. Pero máis ou menos temos un déficit moi grande de tempo médico e da traballadora social, un 60%. Para poñer un exemplo, a UMAD hai tres ou catro anos tiña unhas 20 persoas traballando e agora estamos 15, un 20 ou 25% menos de persoal. Temos ao redor de 800 pacientes que están na fila activa, aqueles doentes que veñen polo menos unha vez ao ano, pero temos moitas primeiras demandas de xente que consulta por problemas relacionados con adiccións, un aumento respecto do ano pasado dun 5 ou dun 10%.

En que consiste o traballo dun psiquiatra na UMAD? Hai relación directa entre adicción e trastorno psiquiátrico?

Para todo o mundo que pasa pola UMAD, a primeira vez, a avaliación da súa situación fágoa eu. O traballo do psiquiatra ten que ver coa avaliación dos riscos médicos asociados coas adiccións, co diagnóstico, co tratamento que non é só unha terapia psicolóxica, senón que ten que ver con tratar os problemas psiquiátricos que se asocian, con tratamento farmacolóxico da dependencia, coa inclusividade, e cos problemas derivados da dependencia coma o insomnio, a ansiedade... A relación entre adicción e trastorno non é necesariamente así, depende; as veces a adicción leva ao trastorno psiquiátrico, ás veces é ao contrario. En moitos casos hai un trastorno previo que leva á adicción. Por iso, hoxe en día, hai certa tendencia a tratar estes problemas coma unha patoloxía dual. Alguén que ten esquizofrenia ou un trastorno depresivo recorrente, e que ademais ten unha adicción á cocaína ou ao alcol, digamos que crea unha sinerxía de retroalimentación negativa e é moito máis difícil de tratar.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents