Volven os Bonos Corazón: máis orzamento e dúas convocatorias para dinamizar o comercio local
O programa incrementa os fondos nun 33% con respecto á edición anterior

A primeira das convocatorias dos Bonos Corazón 2025 será en maio, a segunda en outubro / ECG
O concello de Santiago pon en marcha este ano unha nova edición dos Bonos Corazón, con importantes novidades que buscan apoiar e impulsar o comercio local.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, anunciou este luns que, en resposta ás demandas do sector, o programa contará cun orzamento total de 600.000 euros, o que supón un incremento do 33% respecto á edición anterior.
Dúas fases
Ademais, este ano os Bonos Corazón serán lanzados en duas fases. A primeira terá lugar en maio e a segunda en outubro, co obxectivo de dinamizar o consumo durante as temporadas de baixas vendas. Rozas explicou que esta decisión foi tomada para mellorar a actividade comercial nos momentos do ano nos que as vendas tradicionalmente descenden, fomentando o consumo tanto no comercio como na hostalaría local.

Os Bonos Corazón lanzaranse este ano en dúas fases e aumentarán o seu orzamento nun 33% / Jesús Prieto
A campaña do ano pasado mobilizou case 1,5 millóns de euros, con 552 establecementos adheridos e a distribución de 22.500 bonos, adquiridos por un total de 8.780 persoas. "Os Bonos Corazón cumpren o seu obxectivo de dinamizar os negocios locais e dar a coñecer a calidade do noso tecido comercial fronte á forte competencia das compras online e das grandes superficies", destacou María Rozas.
A aprobación da convocatoria foi dada a coñecer este luns tras a Xunta de Goberno, que tamén deu inicio ao proceso para seleccionar a entidade encargada da distribución das axudas.
Contratos municipais
Na reunión da Xunta de Goberno, o Executivo local tamén tomou decisións relativas a diferentes contratos municipais. Así, aprobouse a adxudicación á empresa Desenvolvemento Local Galego SL, do servizo e asistencia técnica para a coordinación e funcionamento da casa das mulleres Xohana Torres e do servizo de asesoramento LGBTIQ+ do Concello de Santiago por un importe de 142.230 euros ata 2027.
Raxoi sinala que, fronte ás limitacións que existían ata agora, esta licitación vai permitir que este espazo estea aberto ao público diariamente, tanto na función de asesoramento e atención a persoas e entidades, como no establecemento dunha programación propia máis enriquecida e estable. Desta maneira, a Casa Xohana Torres estará xestionada por un equipo multidisciplinar de sete profesionais con formación en igualdade.
O goberno local tamén deu luz verde ao expediente de licitación das obras para a implantación dun paso de peóns na rúa dos Loureiros, cun orzamento base de 85.613,02 euros. A intervención consistirá na construción dun novo paso de peóns á altura do número 35 deste vial, co fin de mellorar a comunicación peonil entre ambas as beirarrúas, eliminando varios espazos de estacionamento en superficie e creando unha plataforma única cun pavimento de granito. O obxectivo desta actuación é dotar esta vía dun percorrido seguro para os escolares que favoreza a autonomía da rapazada nos seus desprazamentos ao colexio.
Pago de subvencións
Por outra banda, na xuntanza validouse a xustificación e pagamento das subvencións ás asociacións de veciños para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral do exercicio 2024. A medida adóptase logo de que a semana pasada as entidades reclamasen estes pagos. O importe total ascende a 68.126,87 euros.
Ademais, no cónclave municipal aprobouse o procedemento e baremación dos obradoiros para a conciliación familiar, laboral e persoal nas escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños para este verán e para o curso escolar 2025-26. O prazo de reserva de prazas para o alumnado xa matriculado no curso 2024-2025, así como para os fillos dos traballadoresdas escolas infantís será entre os días 1 e o 9 de abril.
- Una compostelana hace historia al ganar un Latin Grammy: 'Quero adicarllo a miña cidade e a Galicia
- El juzgado autoriza a Pérez Rumbao a que adquiera los concesionarios del Grupo Yáñez
- El restaurante de Santiago con el menú degustación más barato
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Del magosto de Sar a la fiesta de Conxo: castañas, foliada, un bingo y churrasco 'a fartar' este sábado en Santiago
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana
- Los entrenadores de Ilia Topuria abren en Santiago su esperado gimnasio la semana que viene

