Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Carta ao presidente do Goberno: os díscolos apelan á mediación de Sánchez

Os edís Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez denuncian que a Executiva Local procurou «dende a súa constitución, facer desaparecer o grupo municipal»

Mila Castro, Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños e Marta Álvarez ás portas de Raxoi.

Mila Castro, Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños e Marta Álvarez ás portas de Raxoi. / Jesús Prieto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O pasado 7 de marzo, ás portas do Congreso Nacional do PSdeG que elixiu secretario a Xosé Ramón Gómez Besteiro, os catro edís expulsados do partido en Compostela remitiron ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, unha carta –da que se recibiu acuse de recibo pero non resposta– apelando á súa mediación neste conflito, que segundo todo indica se resolverá no vindeiro Pleno coa saída dos edís da bancada socialista. A falta de saber cando vence o prazo de alegacións logo da comunicación desta expulsión por parte do secretario municipal ou se os xulgados deciden impoñer medidas cautelares.

Na misiva, á que tivo acceso EL CORREO GALLEGO, os concelleiros Gonzalo Muíños, Mila Castro, Mercedes Rosón e Marta Álvarez poñen en valor os «máis de 30 anos de gobernos socialistas» na capital de Galicia e aseguran que «parecen pesar pouco na nova liña política marcada dende a Comisión Executiva Local, que dende a súa constitución procurou impoñer o seu criterio e facer desaparecer o grupo municipal do debate público».

Os concelleiros poñen tamén en coñecemento do presidente do Goberno central que o mecanismo usado neste expediente sancionador «parecía estar reservado para casos de extrema gravidade» mais «ábrese agora coa única premisa da non asistencia a unha reunión do grupo convocada por un edil que non ostentaba a condición de voceiro» e cuxo «único fin era forzar un cambio na portavocía». Referencia a esa xuntanza convocada por Sindo Guinarte e á que as concelleiras Rosón, Álvarez e Castro se negaron a asistir e tacharon de «nula de pleno dereito», pois o aínda voceiro do grupo municipal socialista, Gonzalo Muíños, estaba naquela altura suspendido pero non expulsado.

O apoio á ordenanza reguladora das VUT –vivendas de uso turístico– tamén ten a súa parte protagonista na carta dos catro concelleiros expulsados do PSOE, non en van, foi esa desobediencia á directriz de abstención do secretario xeral do PSdeG compostelán, Aitor Bouza, a que desencadeou a apertura de expedientes, a suspensión de Muíños e a súa posterior proposta de expulsión xunto á das súas compañeiras de bancada: Rosón, Castro e Álvarez.

A este expediente sancionador inicial, aberto aos seis concelleiros do PSOE en Raxoi por romperen a disciplina de voto, tamén se fai referencia na carta enviada a Pedro Sánchez, xa que se destaca o «importante» de «remarcar que, esa mesma regulación, estaba contemplada na modificación do PXOM que impulsamos durante o pasado mandato».

Por todo isto denuncian diante do presidente do Goberno que non se lles está a someter a «un proceso garantista, senón que esta acción responde única e exclusivamente ás ambicións persoais de quen quere ocupar o noso posto na Corporación local, así coma a vinganzas persoais que, habelas hailas», retrucan.

Contestación social

Na carta dirixida a Pedro Sánchez os concelleiros díscolos Álvarez, Castro, Rosón e Muíños afirman estar «preocupados polo futuro do que seguimos considerando o noso partido na capital de Galicia» e aseguran que non se trata dun debate político senón de «integridade e democracia representativa» e insisten novamente en que o presidente «se interese pola situación do partido nesta cidade» ao tempo que poñen sobre a mesa a carta de apoio da sociedade compostelá que saiu á luz o 28 de febreiro e chegou a reunir máis de 850 sinaturas.

Unha destas persoas que deu o seu apoio aos edís expulsados foi o expresidente da Xunta Emilio Pérez Touriño, ao que tamén se fai referencia na misiva dirixida a Sánchez, así coma outros alcaldes da área de Compostela, referentes no ámbito universitario e mesmo o nacionalista Xosé Manuel Beiras. «A contestación social, seguramente sen precedentes na nosa cidade, é para nós a clara evidencia de que as cousas non se están a facer ben dende a dirección local do partido», insisten. Polo que instan a Pedro Sánchez a que actúe como mediador, «nós somos socialistas, fómolo toda a vida e queremos seguir traballando polo Partido Socialista, como fixemos até agora, con lealdade e humildade sen que iso reste un ápice da responsabilidade que temos coa veciñanza».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents