O edil Sindo Guinarte anuncia que a intermodal estará operativa en maio
A estación inaugurarase logo da Semana Santa e denominarase Daniel Castelao | O líder do PSOE local, Aitor Bouza, afirma «o compromiso» de Pedro Sánchez con Santiago

Aitor Bouza, Sindo Guinarte e Marta Abal na pasarela da estación intermodal. / Jesús Prieto

Os concelleiros do grupo municipal socialista Sindo Guinarte e Marta Abal compareceron este sábado ante a prensa e acompañados polo líder do PSOE santiagués, Aitor Bouza. Dende a pasarela da estación intermodal, Sindo Guinarte anunciou, «porque así nolo trasladan» que despois da Semana Santa será a inauguración, e «que estará operativa ao longo do mes de maio».
Guinarte que destacou a importancia deste proxecto de Adif comunicou tamén que finalmente será realidade que o seu nome sexa «Daniel Castelao, como solicitou por unanimidade o Pleno da Corporación» local. Arredor da figura do político galeguista haberá tamén exposicións permanentes e temporais na propia estación intermodal.
Sobre o aparcamento desta infraestrutura, o concelleiro do PSOE lembrou que queda pendente aprobar a modificación do proxecto para acadar as 900 prazas, outra pretensión municipal, «e en canto se aprobe ese modificado levarase a cabo a obra coa previsión de que para o verán do 2026 estea tamén en funcionamento. Por tanto, teremos xa a estación funcionando para este verán e a estación e o aparcamento para o verán do ano próximo».
Guinarte destacou a importancia desta obra para a cidade, «a estación de tren de Santiago é a de Galicia que máis viaxeiros move e, se consideramos todo o conxunto, seremos a intermodal número un de Galicia».
O edil citou tamén outras melloras acadadas co Goberno central, coma a solución á parcela de Peleteiro, as bonificacións do transporte ou as das peaxes da AP-53 e da AP-9, ás que tamén fixo referencia o líder local do PSOE. Aitor Bouza quixo «destacar o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez con Santiago, parécenos algo moi importante, porque acadamos eses fitos que realmente son moi importantes para os veciños de Compostela». Bouza recalcou que a súa formación quere «comprometernos con esta cidade a seguir revisando non só estas cuestións que teñen que ver co Goberno de España, senón que estamos traballando, levamos moitos meses, en todas aquelas cuestións que dende as diferentes administracións nas que o Partido Socialista ten representación, afectan a nosa cidade».
A parcela de Peleteiro
Na súa intervención, Aitor Bouza enfatizou que «o Goberno de España cumpre, pero cumpre non só con este feito en concreto», en relación á intermodal, senón tamén, segundo apuntou, noutras cuestións coma o desbloqueo da parcela de Peleteiro.
Pola xuntanza do próximo luns da veciñanza, que non ve con bos ollos o proxecto, o concelleiro Sindo Guinarte lembroulle ao Goberno local á necesidade de dialogar coa veciñanza, algo «que tanto pedía no mandato pasado e en momentos anteriores a respecto dun proxecto que era substancialmente igual ao que agora está enriba da mesa». Guinarte criticou que a alcaldesa Goretti Sanmartín «parece que se esqueceu de dialogar cos veciños» e instouna a recuperar esas conversas. «Nós defendemos sempre que a parcela de Peleteiro ten que responder a intereses públicos» pero engadiu que «os veciños, obviamente, teñen todo o dereito a reclamar os seus dereitos». O edil defendeu así e todo que o actual proxecto «é unha boa solución, que ademais aposta pola vivenda pública dun xeito moi claro e moi ambicioso», que asegurou, dende PSOE, poida saír adiante, logo de décadas de bloqueo.
Lea Muíños-Verea
Preguntado polo enfrontamento plenario entre o socialista Gonzalo Muíños e o popular Borja Verea, no que o primeiro retaba ao segundo a afirmar «que non sondeou» a ningunha persoa do PSOE na busca de votos para propor unha moción de censura, Guinarte respondeu que «estivemos alí en certo modo de espectadores» e criticou que o Pleno «non é o espazo para ese tipo de debates que achegan moi pouco ao que lle interesa aos cidadáns e ás cidadás de Compostela».
- Adiós a otro comercio del casco histórico de Santiago: «Llegamos a tener más de 2.000 pares de zapatos»
- Un estudiante de Santiago logra el oro en las olimpiadas nacionales de FP
- El juez Taín asegura que Alfonso Basterra ha solicitado el tercer grado y negocia su participación en una serie sobre el caso Asunta
- Un hotel en la antigua muralla de Santiago: la apuesta de un empresario gallego con negocios en Brasil
- La mediación para el convenio del transporte de viajeros se cierra sin acuerdo
- La cabina de un tráiler queda suspendida en el aire tras impactar contra la mediana en el periférico de Santiago
- Un hombre de 55 años muere arrollado por un turismo en la Vía Edison de Santiago
- Crónica social compostelana | Comida de extrabajadores de la desaparecida empresa Daviña

